Cortizo presume de "cifras récord" de facturación en 2017 con 554 millóns e de crear 160 empregos máis en Padrón

Tivo un beneficio de 84 millóns con respecto ao 2016. Ademais, investiu 19,6 millóns na súa sede central, 14,3 millóns en Polonia e 6,4 millóns para a rede loxística en Zaragoza, Zamora e Álava.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/02/2018 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O fabricante de perfís de aluminio e PVC para a arquitectura e a industria Cortizo pechou o 2017 con "cifras récord", volvendo establecer máximos históricos de facturación, produción e emprego. Así o destaca a empresa situada en Padrón (A Coruña), que sinala nun comunicado de prensa que o pasado ano rexistrou un volume de negocio de 554 millóns de euros, o que supón un incremento do 17,9% respecto dos 470 millóns do exercicio anterior.

Cortizo, fabricante de aluminio e PVC para arquitectura e industria
Cortizo, fabricante de aluminio e PVC para arquitectura e industria | Fonte: Europa Press

"Estes datos positivos veñen impulsados por un crecemento da produción", explica, respecto do cal indica que rexistrou un novo máximo, alcanzando as 75.824 toneladas de perfilería de aluminio (+6,7%) e as 958.000 barras de PVC (+68%). A porcentaxe de vendas no exterior situouse no 70,7%, a 60 países diferentes, e Alemaña, Francia e Reino Unido repiten como os seusprincipais mercados.

"Levamos cinco anos consecutivos de crecemento, pero a nosa satisfacción vén dada non só porque cada vez vendemos máis, senón porque tamén vendemos produtos con maior valor engadido adaptados a mercados tan esixentes como o centroeuropeo ou escandinavo", asegurou o director da división de industrial de Cortizo, Antonio B. Picón.

O incremento das vendas e da produción repercutiu na creación de 290 novos postos de traballo no grupo, segundo apunta a firma, o que eleva o cadro até os 2.800 empregados. Este crecemento foi, destaca, "especialmente significativo" nos seus centros produtivos de Padrón, onde conta con 1.539 empregados, 160 máis que no anterior exercicio.

En toda España, a multinacional galega emprega na actualidade a 2.112 persoas. "Todos eles son a clave dun ano exitoso", resaltou o director da división de arquitectura de Cortizo, Daniel Lainz.

INVESTIMENTO DE 48,5 MILLÓNS

Dentro do Plan Estratéxico 2017-2020, destinado a aumentar a capacidade produtiva das súas fábricas e á mellora da súa rede loxística, Cortizo investiu no último exercicio 48,5 millóns.

En Padrón, segundo os seus datos, destinou 19,6 millóns á posta en marcha dunha nova prensa de extrusión de 2.500 toneladas de potencia, unha nova planta de lacado, outra de brillo químico e novas liñas de extrusión no centro produtivo de PVC. En Polonia, duplicou a súa fábrica, á que dotou dunha nova prensa de extrusión, unha planta de anodizado e un centro de mecanizado, o que supuxo un desembolso de 14,3 millóns.

En Francia, as obras avanzan "a gran ritmo" e no próximo verán contarán cunha nova prensa de extrusión e un novo almacén intelixente de perfís de aluminio no seu centro produtivo de Chemillé. Para ese proxecto, xa destinou 8,2 millóns en 2017, aproximadamente a metade do total da operación.

En canto á mellora da súa rede loxística, Cortizo investiu 6,4 millóns na ampliación das súas delegacións de Zaragoza, Zamora e Álava, e na posta en marcha dun novo almacén de sistemas de aluminio e PVC para a arquitectura na súa fábrica de Tenerife.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta