Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2018 | Actualizada ás 13:16
En 2009, cando o PPdeG de Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta, a débeda pública da comunidade estaba en 4.859 millóns de euros. Hoxe a débeda é un 130,7% maior. Nese ano era o 8,6% do PIB, fronte ao 18,4% actual.
E o certo é que a débeda de Galicia alcanzou un importe de 11.210 millóns de euros ao peche de 2017, o que supón un incremento de 356 millóns (+3,28%) respecto de 2016, cando se situaba en 10.854 millóns, segundo os datos que publica este mércores o Banco de España.
Con todo, este nivel de débeda representa o 18,4% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, o que se traduce nunha baixada de dúas décimas respecto ao 18,6% dun ano antes. Na comparativa dos datos do último trimestre de 2017 cos tres meses anteriores, a débeda increméntase en 73 millóns (+0,65%) fronte aos 11.137 millóns do terceiro trimestre. En cambio, hai un descenso do máximo que chegou a alcanzar no primeiro trimestre de 2017, con 11.582 millóns.
Así mesmo, ten lugar unha diminución intertrimestral dunha décima en relación ao PIB (era do 18,5% no terceiro trimestre de 2017) e supón unha caída de máis dun punto respecto ao teito do 19,6% co que arrincou nos primeiros tres meses de 2017.
SÉTIMA COMUNIDADE CON MÁIS DÉBEDA
Entre as comunidades, Cataluña, con 77.740 millóns de euros, foi de novo a autonomía que presentou unha maior débeda a peche do exercicio 2017, ao subir un 3,4% respecto ao ano anterior, e xunto á Comunidade Valenciana (46.187 millóns), Andalucía (34.260 millóns) e Madrid (32.783 millóns) seguen concentrando dous terzos de toda a débeda en mans dos gobernos autonómicos.
Tras estas rexións figuran as comunidades de Castela-A Mancha (14.340 millóns), Castela e León (11.870 millóns) e en sétimo posto está Galicia (11.210 millóns). Despois delas atópanse País Vasco (10.149 millóns), Illas Baleares (8.802 millóns) e Murcia (8.795 millóns).
Pechan a táboa Aragón (7.959 millóns), Canarias (7.044 millóns), Estremadura (4.401 millóns), Asturias (4.244 millóns), Navarra (3.628 millóns), Cantabria (3.033 millóns) e A Rioxa (1.570 millóns).
En porcentaxe do PIB, a Comunidade Valenciana, cun endebedamento que supón o 42,5%, segue encabezando ás rexións máis endebedadas en relación á súa riqueza, seguida de Castela-A Mancha, co 36%, e de Cataluña, co 34,8%.
En cambio, País Vasco (14,1% do PIB), Madrid (14,9%) e Canarias (15,9%) son as que menor débeda teñen respecto ao PIB. Galicia é a quinta autonomía con menor débeda en relación co seu PIB (18,4%).
EMPRESAS PÚBLICAS
Pola súa banda, a débeda das empresas públicas non incluídas no sector de administracións públicas de Galicia segue á baixa e queda en 13 millóns ao peche de 2017, o que supón cinco millóns menos que os 18 cos que terminou 2016. Son catro menos que o terceiro trimestre.
En termos porcentuais segue representando o 0% do PIB. En 2009, este apartado rexistraba 195 millóns de euros, un 0,3% do PIB, polo que até a actualidade deuse unha redución significativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.