Temas: FOLGA XUSTIZA

Ultimátum da Xunta aos sindicatos da Xustiza: ou aceptan xa a súa oferta ou se verá "liberada" para acabar co conflito

O Goberno dálles un prazo de tres días que finaliza o venres ás 14.00 horas para que se adscriban á súa última oferta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2018 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O Goberno galego decidiu dar aos sindicatos da Xustiza un prazo de tres días que finaliza o venres ás 14.00 horas para que se adscriban á súa última oferta ou, pola contra, os representantes da Administración veríanse "liberados dos ofrecementos que se fixeron" e serían os seus órganos administrativos os que tomarían unha decisión para pechar o conflito.

Reunión de representantes da Xunta con sindicatos da Xustiza.
Reunión de representantes da Xunta con sindicatos da Xustiza. | Fonte: Europa Press

Así o ratificou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, logo da reunión da mesa sectorial, que se prolongou sobre unha hora e na que o Executivo autonómico puxo sobre a mesa exactamente a mesma oferta que expuxo o 26 de abril, co único cambio: o de "retirar", explicaron os sindicatos, o artigo relativo a que sería sometida a votación dos traballadores.

En concreto, a proposta da Administración tradúcese nun aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% desta alza neste exercicio unha vez que se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.

Tamén contempla un plan de recuperación do traballo paralizado polas xornadas de folga que se elaboraría co TSXG e coa Fiscalía e ao que poderían adherirse todos os traballadores do sector de forma voluntaria haxan ou non secundando o paro.

Ademais, inclúe unha cláusula de revisión para manter os emolumentos de por enriba da media das outras 12 comunidades máis o 'territorio Ministerio'.

Case o 53 por cento dos traballadores dixeron no seu día 'non' a esta proposta que se someteu a votación despois da ruptura da unidade sindical do 26 de abril, cando SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. aceptaron levar ás asembleas a oferta da Xunta, co rexeitamento dos outros tres sindicatos do sector (Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ).

QUE PASARÁ O VENRES?

Ás portas de que se cumpran os cen días dunha folga que, aínda que formalmente non foi desconvocada si está de facto suspendida, Martín avogou por esperar ao venres para ver que deciden os sindicatos. En todo caso, lembrou que a mesa sectorial é paritaria —con peso igual de sindicatos e Xunta, só que o presidente (el, neste caso) ten voto de calidade—.

Isto supón que, chegado o caso, se ningún sindicato se adscribe e a apoia, a Xunta podería aplicar unilateralmente a súa oferta, aínda que tanto o director xeral de Xustiza como o seu homólogo de Función Pública, José María Barreiro, rexeitaron "adiantar acontecementos" e apelaron a esperar até o venres. De feito, Barreiro advertiu que "calquera posibilidade está aberta", é dicir, o Goberno galego tamén podería "non aplicar" a súa oferta.

"A Xunta sentiríase liberada de calquera compromiso", reafirmouse Barreiro, mentres Martín subliñou que o obxectivo debe ser pechar o conflito, na liña do que demanda a sociedade e mesmo, recalcou, o propio colectivo de funcionarios.

DERROGAR OS SERVIZOS MÍNIMOS

E é que a mensaxe tamén a subliñou nesta xornada o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen antes do encontro da mesa sectorial, trasladou que, unha vez que a folga "xa non está vixente e xa acabou" porque foi "interrompida", o obxectivo é "acabar co conflito".

Por iso, volveu defender o foro elixido da mesa sectorial e non falar cun comité de folga no que xa só participan de forma activa catro sindicatos (SPJ-USO e os tres que no seu día rexeitaron a oferta da Xunta). Ao tempo, subliñou que, no seu día, "xa houbo unha votación" na que os traballadores, afirma, "non puideron" participar "con normalidade".

Por iso, insistiu en que toca "acabar co conflito sen máis trámites" e, se é posible, "que esta mesma semana todo isto sexa xa historia". Entre tanto e ao entender que a folga "non ten vixencia", avanzou que a Xunta procederá a derrogar os servizos mínimos, para os que, até agora, estaban reservados 775 funcionarios.

POSTURAS DOS SINDICATOS

Por parte dos sindicatos, as posturas que manifestaron á saída do encontro son diverxentes. Así, UXT, CC.OO. e CSIF prevén someter a oferta á decisión dos seus afiliados; SPJ-USO ten que decidir que facer, pero apostaría por que falasen os traballadores no seu conxunto; mentres que Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ inciden en que os traballadores "xa se pronunciaron" e dixeron "non" a esta oferta en votación.

Julio Bouza (de SPJ-USO) advertiu do "importante erro" que comete a Administración ao levar á mesa sectorial "a mesma proposta" á que os traballadores "xa dixeron que non". Aínda que inicialmente este sindicato foi un dos que aceptou o preacordo, Bouza matizou que, após pronunciarse as asembleas, USO "defendeu e admitiu ese non".

Agora, ao longo da xornada, decidirá que paso dar ante o ultimato da Xunta, aínda que Bouza avanzou que o obxectivo do sindicato maioritario é que os traballadores poidan ser consultados. De feito, mostrouse moi crítico con que a Xunta "elimine o artigo" da proposta relativo a "dar voz" aos funcionarios.

No polo oposto situouse o segundo sindicato en representación e Pablo Valeiras (AXG-CUT) denunciou o "rolete" da Xunta co 'popular' Alberto Núñez Feijóo. "Non hai ningún acordo, é unha imposición", esgrimiu Valeiras, quen lembrou que os traballadores xa dixeron que "non" á proposta que está sobre a mesa. Adiantou máis mobilizacións e finalizou cunha proclama: "o conflito está vivo".

"A Xunta trouxo a mesma proposta que levou a votación aquel infausto día e non variou absolutamente nada", constatou Manuel Díaz (UXT), quen precisou que a Xunta "se pecha a negociar", polo que o seu sindicato consultará aos seus afiliados. O que fagan o resto de sindicatos "é cousa súa", sostén.

Tamén Manuel Valle e José Antonio Sotelo, de CSIF, incidiron en que se consultará cos seus afiliados a postura a adoptar. Precisaron, en todo caso, que "non hai ningunha canle legal para a suspensión" da folga, que "ou se desconvoca ou non, e non está desconvocada".

Enrique Araújo (STAJ) lamentou que a Xunta queira "acabar co conflito humillando aos traballadores e aos sindicatos". Insistiu que o acordo ten que darse no comité de folga e reafirmouse en que, para o seu sindicato, "segue tendo validez" a votación do 27.

Na mesma liña, Óscar Freixedo (CIG) cualificou de "fraude electoral e cacicada" o ocorrido na mesa sectorial e avanzou que o seu sindicato non está polo labor de "participar nunha manobra orquestrada". Ao seu xuízo, todo apunta "a que a Xunta ten todo amañado con dúas organizacións sindicais" e "non se sabe se con catro" (en alusión ás que asinaron no seu día o preacordo", polo que CIG non participará no que ve "un esperpento e unha fraude de lei".

Finalmente, Tino Novoa (de CC.OO.) ratificou que a Xunta "sorprende con máis do mesmo", criticou que os representantes da Administración sexan "tan cicateros" e avanzou que este mércores consultará aos seus afiliados.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eAnb

Fascismo é o do sindicalista que lle joddeu o coche a outro sindicalista en Pontevedra. Iso si é fascismo e non dis nada, pailaroco

1 3nhv

Fascismo puro e duro, a xunta deixa ver a sua verdadeira faciana. Maniobras da mafia contra traballadores.