Funcionarios da Xustiza denuncian "represión da Xunta" polo expediente a dous delegados sindicais

AXG-CUT denuncia "inspeccións sorpresa" e "con fin revanchista" da Xunta nos xulgados

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2018 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Funcionarios da Xustiza concentráronse este martes en varias cidades e localidades galegas para denunciar "represión sindical" ante os expedientes abertos a Consuelo Rodríguez (delegada sindical da CIG) e Javier Fernández (delegado de Alternativas na Xustiza-CUT).

Funcionarios de xustiza concéntranse en Vigo
Funcionarios de xustiza concéntranse en Vigo | Fonte: Europa Press

Pablo Valeiras (AXG-CUT) denunciou a "represión sindical" da Xunta e subliñou que "os dous únicos expedientes" abertos por mor da folga indefinida dos funcionarios da Xustiza son de sindicalistas de AXG-CUT e CIG, "e non a ningún delegado dos sindicatos que asinaron o acordo da Xunta".

E é que AXG-CUT e CIG, xunto con STAJ, son os que se negan a aceptar que o conflito da Xustiza finalizou e rexeitan o acordo que asinaron coa Xunta outras tres organizacións do sector (SPJ-USO, UXT e CC.OO.). CSIF non subscribiu o acordo, pero abandonou o comité de folga e da por desconvocada a folga.

AXG-CUT, STAJ e CIG están pendentes de que se publique o acordo, que foi aprobado pola Xunta no Consello do pasado xoves, para decidir se o impugnan ou non. Entre tanto, os tres convocaron estas concentracións en apoio aos seus dous compañeiros expedientados, polo que consideran "un acto de represión" e "unha caza de bruxas".

"INSPECCIÓNS SORPRESA"

AXG-CUT tamén denunciou este martes "inspeccións sorpresa" e con "fin revanchista" da Xunta nos xulgados. "Desde 1996, data da transferencia da Administración de Xustiza á Xunta, as inspeccións aos xulgados por parte da propia Xunta non existiron, agás para algunha presentación ante os medios", subliña, nun comunicado.

No mesmo, a organización ironiza con que, "casualidades ou non", é agora, "tres meses despois" do inicio dunha folga que acumulou "un seguimento espectacular" cando "os inspectores aparecen polos xulgados identificando os traballadores, coma se de súpeto pasasen a ser uns incumpridores natos".

"Como servidores públicos que somos, compartimos que haxa inspeccións que melloren o servizo e controlen o funcionamento do mesmo, pero a triste realidade é que o único que fan é xerar unha sensación de coacción sobre os traballadores", remarca.

"QUE A XUNTA CUMPRA"

Por outra banda, a secretaria xeral da Federación de Empregados Públicos de UXT-Galicia, Irene Martínez, asegurou que espera que a Xunta "cumpra cos criterios" acordados para o plan de recuperación do traballo atrasado coa folga de empregados públicos da Xustiza.

Preguntada respecto diso do desenvolvemento dese paro nunha rolda de prensa sobre función pública, valorou que a plataforma sindical "non estivo á altura das circunstancias" cando foi promovida unha consulta que se desenvolveu "sen garantías, con agresións, ameazas, etcétera".

A este respecto, insistiu en que nas dúas "causas" relacionadas coa cláusula para revisión do nivel salarial e co plan de recuperación do traballo "non se podía amparar a desvalorización do acordo" cando xa "se estaba nun 90% ou máis dos obxectivos expostos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta