Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2018 | Actualizada ás 13:53
A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira e Verdegaia convocan unha concentración contra a declaración das praias da Calzoa e da Foz como praias caninas polos seus valores naturais. A xuntanza terá lugar o vindeiro domingo 17 de xuño ás 12 h. no aparcadoiro da praia da Calzoa, baixo os lemas “Canina si, mais non aquí” e “As aves da Calzoa tamén teñen dereitos”.
Os colectivos convocantes contan co apoio doutras asociacións como ADEGA ou Amigos da Terra, e tamén coas máis de mil sinaturas recollidas nos últimos meses en contra desta medida municipal. Vólvese así solicitar ao Concello de Vigo que estas praias non se convertan nas praias caninas que proxecta esta administración. Os convocantes entenden que estes areais contan con valores naturais incompatibles con este tipo de uso, a diferenza doutras praias próximas e pouco frecuentadas por bañistas e usuarios que serían perfectas candidatas como praias caninas.
Os valores naturais destes dous areais están localizados a carón do treito final do río Lagares e da Xunqueira do Lagares, feito que lles achega unha gran importancia ambiental. Sobre todo pola presenza de aves acuáticas alimentándose e descansando preto da marisma, que posúe unha importante comunidade de aves. En praias próximas a estes dous areais a biodiversidade é moito menor.
HÁBITAT NATURAL DE INTERESE COMUNITARIO
Ademais, a praia da Calzoa é considerada Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria”. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitario atópase ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de zonas de especial conservación.
Entre os invertebrados que habita nestas praias destaca o mangón, que conta cunha das súas poucas poboacións viguesas na praia da Foz. En canto aos vertebrados, un dos animais que se observa con frecuencia na praia da Calzoa é a lontra. E tamén teñen importante presenza as aves acuáticas. Dende xaneiro de 2005 e ata a actualidade, a Asociación Fontaíña realiza censos de aves acuáticas invernantes, e nestas xornadas de estudo ornitolóxico lévanse observado preto de corenta especies de aves acuáticas diferentes. Ademais, estas aves están catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo, polo cal deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.
Por todo isto, as asociacións e veciñanza solicitan ao Concello de Vigo a busca doutro emprazamento máis axeitado para a localización da praia canina. A día de hoxe, "obsérvase con frecuencia como algúns donos de cans encirran neles para que corran cara ás aves, pensando que, como non as van atrapar, non lles ocasionan ningún dano", asegura Verdegaia. "Pero as molestias que lles poden producir estas mascotas ás aves marcan a liña entre a vida ou a morte para elas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.