Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2018 | Actualizada ás 11:46
Por que a lingua de signos non é un ben patrimonio cultural inmaterial?. No Día das Linguas de Signos, a Asociación de Persoas Xordas da Coruña (ASPESOR) organiza a lectura dun manifesto que reivindica, precisamente, que a lingua de signos e as súas expresións culturais sexan declaradas como bens do patrimonio cultural inmaterial. Neste acto, que ten lugar no Pazo de María Pita, participará o alcalde Xulio Ferreiro.
O obxectivo é "equiparar os dereitos lingüísticos das persoas xordas ao resto da cidadanía usuaria doutras linguas". Ademais, entre as cinco e as oito da tarde terán lugar distintas actividades de sensibilización e información na explanada exterior do Centro Comercial Marineda City e, pola noite, a Torre de Hércules iluminarase de cor turquesa, cor que simboliza á comunidade xorda, coa finalidade de contribuír á difusión da proposta.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recibiu este mércores a representantes da Asociación de Persoas Xordas da Coruña e salientou o traballo do goberno local a prol da visibilización das diversidades “así como o eu compromiso coa normalización da lingua de signos, tal e como se demostra nos distintos actos municipais nos que participa o goberno da Coruña e que contan sempre con servizo de interpretación”.
A edil lembrou que os orzamentos municipais de 2018 contemplan un convenio coa entidade por valor de 16.000 euros para un servizo de acompañamento e interpretación en ingua de signos, medida que forma parte do Plan Municipal para Persoas con Diversidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.