A Xunta desmente a masificación do Camiño de Santiago e fala de impacto "positivo" para o rural

Turismo de Galicia asegura que o 98% dos peregrinos recomendan a experiencia e que dúas de cada tres a ven "mellor do que esperaban".

Por E.P. | SANTIAGO | 15/06/2018 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou este venres que o Camiño de Santiago "en ningún caso" estaría masificado, senón que ten un impacto "positivo" nos municipios do rural galego polos que transcorre a ruta. Así o anunciou a súa comparecencia na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia, na que relatou os resultados dun estudo de impacto socioeconómico do Camiño realizado a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nava Castro,
Nava Castro, | Fonte: Europa Press

En concreto, a investigación, que, segundo a directora de Turismo de Galicia, contou coa participación de persoal "independente" da Xunta, foi realizado a través de enquisas presenciais entre agosto e setembro de 2017 a peregrinos á súa chegada á capital galega e a residentes en dous municipios que considera "representativos" para o Camiño Francés: Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e Melide (A Coruña).

Neste contexto, segundo cifras do estudo ás que se referiu Castro, aínda que o impacto económico cuantitativo é "modesto", apenas supera o 2%, provoca un crecemento dun 11% na elaboración de produtos locais e dun 18% en emprego. Deste xeito, tal e como asegurou Turismo de Galicia, a valoración dos galegos deste tipo de visitantes é "moi positiva", xa que "máis do 80% dos residentes enquisados" considera que os beneficios son superiores aos custos. "Os veciños ven o Camiño como parte do desenvolvemento e como a solución á falta de emprego, o despoboamento e o envellecemento", asegurou Castro, quen, a continuación, anunciou que os enquisados mencionaron como aspectos "positivos" a "mellora do patrimonio" e a "oportunidade de coñecer outras culturas".

"ALTÍSIMO NIVEL DE SATISFACCIÓN"

En canto aos peregrinos, subliñou que os máis de 300.000 que recibiron a Compostela no ano 2017 proviñeron dun total de 150 países e que realizaron a Ruta Xacobea por motivos "plurais", é dicir, tanto relixiosos como culturais. Ademais, o estudo sinalou o "altísimo nivel de satisfacción" rexistrado polos camiñantes, posto que, segundo os datos, dous de cada tres aseguran que a experiencia é "mellor da que esperaban". Así mesmo, o 98% dos peregrinos recoméndana, á vez que o 85% volverían a Galicia nun futuro, o 59% pensa repetir co mesmo itinerario e o 86% prevé facelo a través doutra ruta.

Por todo iso, Castro erixiu ao Camiño de Santiago e ao traballo do seu departamento nun "referente internacional": "Os datos positivos evidencian que esta ruta goza de boa saúde e crece dunha forma sustentable". Ademais, a directora de Turismo lembrou que no primeiros cinco meses de 2018 se rexistrou un aumento do 10% no número de camiñantes que chegan a Santiago, que, con todo, non permite "en ningún caso" que se poida falar de masificación. "A opinión maioritaria é que a afluencia de peregrinos non é un problema", insistiu para despois asegurar que só o 33% dos viaxeiros detectan unha "alta afluencia". "Pero isto non modifica a súa experiencia", sentenciou.

UN ESTUDO "INSUFICIENTE"

A representante de En Marea na Comisión 6ª Luca Chao, tachou de "insuficiente" a metodoloxía empregada no estudo, xa que ve "moi difícil extraer conclusións" se "só" se enquisa a xente de Melide e Pedrafita. "Nin sequera aparecen entrevistas en Santiago", esgrimiu. A continuación, censurou a actitude "cínica" que, nas súas palabras, mantén a Xunta, xa que, segundo afirmou, os municipios rurais que atravesa a ruta "viron diminuír a súa poboación nos últimos 25 anos". "O Camiño non cambiou esta dinámica", sentenciou.

Ademais, Chao acusou ao Goberno autonómico de "vender" os recursos mineiros e eólicos da poboación "en lugar de preocuparse polo patrimonio natural", porque, ao seu modo de ver, "é evidente o risco que resulta a masificación": "Canto máis nos achegamos a Santiago, máis problemas deste tipo atopamos, (...) o que leva ao desencanto e á desmotivación dos peregrinos, que non aparece reflectido no informe oficial". Así mesmo, a deputada do partido instrumental cualificou de "residual" os ingresos da peregrinación para os veciños do rural e para outros sectores máis aló do turístico. "En Pedrafita, o Camiño é a principal actividade económica, pero beneficia só a un pequeno número de residentes", afirmou.

ESTUDOS E MEDIDAS FUTURAS

Pola súa banda, o deputado socialista José Manuel Pérez, admitiu que a Ruta Xacobea é "un tema crucial" para Galicia, pero instou a Turismo de Galicia  "usar todos os municipios" --e non só Melide e Pedrafita-- que pasen polo Camiño Francés para o seu próximo estudo.

Mentres tanto, a parlamentaria do BNG Noa Presas criticou que os dous escollidos atenden a "realidades contrapostas" e dixo "botar de menos" unha exposición das medidas futuras que pretende implementar a Xunta en base aos resultados da investigación.

Así mesmo, a nacionalista asegurou que o impacto económico en Santiago é "decreceente" --descendeu de 53 a 51 euros por turista, segundo as súas cifras-- e reclamou unha "análise máis profunda" de como se debe equilibrar o Camiño Francés co resto de rutas.

"LOGO VIRÁN As CONCLUSIÓNS POLÍTICAS"

Durante a quenda de réplica, a directora de Turismo de Galicia respondeu que é "certo" que os municipios rurais están "en regresión", pero defendeu que aquelas localidades polas que transcorren as rutas "crecen máis" que o resto. Así mesmo, Castro asegurou que as conclusións son, por agora, de carácter "científico": "Logo virán as conclusións políticas, e en canto teñámolas daremos conta delas".

Neste sentido, a portavoz do PP na comisión María Antón defendeu que "hoxe é a comparecencia sobre o estudo" polo que, "cando sexa sobre o que hai que facer por mor del, a directora de Turismo de Galicia virá dicilas". A continuación, a parlamentaria erixiu á Ruta Xacobea nun "fenómeno consolidado e irreversible" que creceu "nos últimos anos" e que "aumentou" na súa internacionalización, na repartición de fluxos e na desestacionalización. E é que, tal e como engadiu, o Camiño Francés o escollen, actualmente, "só o 62%" dos peregrinos que chegan a Santiago, "cando chegou a acumular o 85%". Ademais, asegurou que os camiñantes "crecen en todas as estacións do ano". No entanto, tamén descartou que sexa a "solución demográfica". "Pero si que palia este problema", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta