Feijóo: “Non vou admitir reformas constitucionais express para apuntalar o goberno precario de Madrid”

A sesión de control ao Goberno da Xunta estivo marcada polo enfrontamento sen cuartel entre o presidente da Xunta e os diferentes voceiros dos grupos parlamentarios. A mina de Touro, a lei de CRTVG, a política forestal e as solucións para o despoboamento rural foron sacando do baúl da memoria as diferentes actuacións tanto do goberno actual como dos antecesores, incluindo o bipartito.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/06/2018 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A renuncia de Alberto Núñez Feijóo a ser candidato para presidir o PP nacional estivo presente na sesión de control no Parlamento ao goberno da Xunta. A primeira en apuntar directamente a cuestión foi a portavoz do BNG Ana Pontón, quen agradeceu a volta do presidente á vida parlamentaria logo do “retiro de quince días para valorar se lle compensaba ir ou non de candidato á presidencia dun partido condenado por corrupción ou quedar en Monte Pío”. Non obstante, Pontón comezou cunha frase “que dixo vostede en riguroso castelán: Galicia no va a estar ausente, Galicia no va a estar callada no va a quedarse quieta, fin de la cita”.

Alfonso Rueda e Feijóo
Alfonso Rueda e Feijóo

O BNG NON QUERE UN PIM-PAM-PUM

As palabras citadas desde a bancada do BNG querían buscar “se agora vai deixar o servilismo a Madrid e vai facer propósito de enmenda”.  Ademais, Pontón sinalou a Feijóo: “espero que agora non usen Galicia no seu pim-pam-pum con Madrid por estaren enrabechados por perderen o goberno central”. Por iso Pontón convidou a Feijoo a unirse á axenda “que inclúe todos os puntos que o PP estivo vetando ata o de agora”. Entre eses puntos estaban a transferencia da AP-9, 180 millóns “que nos debe o estado en dependencia” e e a prórroga a Ence ademais dun novo marco político para impulsar “a axenda galega que vostede foi incapaz de defender diante de Rajoy”. Pontón tamén denunciou a manipulación informativa nos medios públicos galegos “onde dimiten presentadores polo uso perverso que fai vostede deses medios”.

A réplica de Feijóo comezou con “as axendas persoais quedan demostradas cada vez que temos ocasión de debater”. Recriminando que Pontón defende unha axenda “marcada polo protagonismo”, Feijóo defendeu que a “axenda de Galicía é a miña, a de defender os intereses dos galegos”. O presidente da Xunta remarcou que “cando gobernaba o PP a señora Pontón vouto a favor da transferencia da AP-9, pero cando gobernaba o PSOE votou en contra”. E así varios puntos que Feijóo usou como ataque contra o BNG en distintos momentos. “O meu partido en Madrid imos esixir que se traspase a AP-9, esixir que se cumpra o enémiso prazo do AVE”.

E para rematar Feijóo quixo deixar ben claro que “por suposto non vou admitir reformas constitucionais express para apuntalar os socios do goberno precario de Madrid” e continuou “son o único presidente constitucional dunha nacionalidade histórica” para rematar “as súas profecías están noutros lugares, entre outros a calumnia”. E cando a deputada nacionalista lle lembrou que falara en perfecto español para anunciar que non se presentaba á candidatura a presidir o PP, Feijóo respondeu “señora Pontón son español”.

Ana Pontón  no Parlamento
Ana Pontón no Parlamento | Fonte: @obloque

FEIJÓO EVITA A POLÍTICA LINGÜÍSTICA

O voceiro do PSdeG, Fernández Leiceaga, lembrou o axustado dos tempos para esta lexislatura e os temas a tratar serían abondos. Entre eles lembrou a situación do emprego, a lei de dependencia e acabar coa política de recortes de servizos públicos “nos anos precedentes do seu mandato”. Leiceaga lembrou que poderán tratar todos estes temas no debate sobre o Estado de Galicia, pero antes “debería equilibrar antes o balanzo por exemplo cumprindo integramente a lei de medios públicos de Galicia de 2011”. Sobre este punto quixo lembrarlle a Feijoo tres eixos desta lei, elixir o presidente da Compañía de Radiotelevisón de Galicia no Parlamento, creando o Consello de Redacción e reforzar o estatuto profesional para que a televisión sexa un medio que gañe credibilidade”.

Tamén mencionou o socialista a necesidade de seguir o plan de creación de residencias públicas. “Crear un catálogo de prestacións para os hospitais comarcais” pediu Leiceaga  para rematar relamando volver ao consenso lingüístico acadado en 2004 así como que a Xunta esixa a paridade nos consellos de administración das empresas galegas. Por último ofreceulle consenso para as políticas forestais e contraincendios.

A resposta de Feijóo comezou cun “é construtivo falar con vostede e sobre a lei de dependencia propóñolle un consenso para sacala adiante”. Sobre ese punto, o presidente da Xunta anunciou que “terei oportunidade de despachar ese asunto co presidente do Goberno no mes de xullo”.  Feijóo ironizou “confórmome con que o señor Sánchez lle faga caso á metade das cousas que vostedes dixeron nesta Cámara que necesitaba Galicia”. Reafirmando o goberno e grupo populares como garantes da estabilidade institucional en Galicia, e como exemplo puxo o pacto que colocou a dirección actual da CRTVG. “Pero se cada vez que o PSOE cambia de portavoz parlamentario, tamén tería que cambiar o director da CRTVG?”. Sobre o sector forestal e abandono do rural, Feijóo lembrou as tres leis aprobadas ao respeito, Lei de Montes, a de Mobilidade de Terras e a de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, “e por primeira vez 26.000 galegos venderon ou mercaron terras pagando cero impostos”.

Leiceaga na réplica falou da necesidade de novas melloras para aumentar a calidade sanitaria e de integración de brigadas forestais municipais dentro das dependentes da Xunta, Feijóo contestou que no caso da sanidade, foi o seu goberno o que colocou unidades de hemodinámica cando non o fixera o bipartito. “Cantos quilómetros inauguraron o bipartito no vial da Costa? Cero” respondeu o titular da Xunta sobre infraestruturas mentres que sobre brigadas contraincendios municipais “o 10% dos concellos socialistas non queren asinar convenios coa Xunta”. Na mesma réplica Leiceaga volveu insistir no tema lingüístico, pero Feijóo respondendo “imos falar do importante” seguiu referíndose ao plan forestal da Xunta que “aprobaremos provisionalmente e que terá un período de alegacións”. Feijóo non se referiu nin un momento á política lingüística.

VILLARES E A MINA DE O PINO TOURO

Luis Villares, voceiro de En Marea, comezou coas sornas do día sobre a renuncia da candidatura de Feijóo ademais de alusións ás malas pasadas que xoga a crema solar no PP. Non obstante, Villares arremeteu fortemente contra a figura do presidente da Xunta “dos seus paseos pola ría de Arousa falamos agora, sabe o que é o proxecto da mina de Touro?”  A partir de aí, Villares comezou unha enumeración de datos sobre o proxecto “que vai furar literalmente os concellos de O Pino e Touro expulsando a xente das súas casas e traballos e vai contaminar o río Ulla e a Ría de Arousa e estragará a parte final do Camiño de Santiago”. Collendo pé neste tema, Villares tamén falou da situación na CRTVG e a política informativa da mesma. Logo lembroulle ao presidente da Xunta a manifestación de 30.000 persoas en Compostela contra a instalación da mina de O Pino-Touro. Villares rematou cun “cando lle dará carpetazo a esta mina?” Luis Villares expresou na réplica a Feijoo a preocupación de que o proxecto sexa aprobado durante as vacacións “con “agostosía” no verán para que a xente non se defenda”. Pediulle ao presidente da Xunta que peche o proxecto, para rematar “será un gusto derrotalo en 2020”.

Feijóo non deixou atrás a ironía cando dixo que “algunhas persoas confunden o Parlamento coas asembleas da súa organización política”. A partir de aí Feijóo comezou a debullar os orzamentos que foron parar ao saneamento da costa, un total de 1.100 millóns distribuidos en diferentes proxectos que incluiron 45 depuradoras, ademais dun plano hidrolóxico e os proxectos de novas depuradoras para concellos como Burela e Poio “se nos deixan”. Cando tocou o tema da mina de Touro, o presidente da Xunta non se reprimiu: “vai seguir enganando á xente ou vai falar en serio?” díxolle a Villares. “A concesión da miña é ata o ano 2068 e é certo que hai tres expedientes abertos pero por contaminación de regatos e non do río Ulla” quixo deixar claro Feijóo.“Pero ademais os expedientes non teñen nada que ver coa explotación de cobre, eses expedientes son por explotación de áridos”.

A mina seguiu ocupando boa parte da última intervención do presidente da Xunta que lembrou “levamos tramitados quince informes o que di que somos os garantes da lei” para rematar sentenzando “non, Galicia non está en venda”. Por último, Feijóo lembrou o proxecto da depuradora para Santiago, onde participan Estado, Xunta e Concello, pero que para o titular do goberno galego non sae adiante por atrancos desde a casa consistorial compostelá.

O portavoz socialista Xoaquín Fernández Leiceaga.
O portavoz socialista Xoaquín Fernández Leiceaga.
Luis Villares
Luis Villares | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta