Temas: CGAC JOHN CAGE

John Cage, peza de arte ou broma de mal gusto?

Nicasio Gradaille participou nas "Xornadas de música contemporánea" que organiza o CGAC e que rematan este 25 de xuño. O pianista, afincado en Vigo, deu unha conferencia sobre John Cage, o compositor americano que descubriu que o silencio non existía. Un artista que contribuíu a redefinir o concepto de música.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O compositor David Tudor, que tiña xa gran reputación, achegouse ao piano do escenario do Maverick Concert Hall, en Woodstock. Sentou no piano e pechou a tapa do piano, durou 30 segundos. Despois, abriu e volveu a pechar: comezara o Segundo Movemento, que desta vez durou 2 minutos e 23 segundos. E volveu a facelo, abrir e pechar a tapa. Durou 1 minuto e 20 segundos. 

John Cage
John Cage | Fonte: Sociedad da innovación

Era a estrea de 4´33´´, a peza máis coñecida do compositor norteamericano John Cage. A peza que foi considerada unha mofa, unha burla. Unha peza coñecida tamén como "peza silenciosa", pero non se trataba de silencio porque "o silencio non existe", dicía Cage. Tamén foi calificada como "ridícula", e dicía Cage que xa sabía que a tomarían así. Dixo o autor David Frame: "unha peza que debe ser considerada tan só como unha broma, innecesaria, e se cadra tamén egocéntrica".

"Unha música máis interesante que a música que oerían se asistisen a unha sala de concertos"

Pero o certo é que a John Cage levoulle varios anos levala a cabo e afirmou que "sabía que o tomarían todo como unha broma e unha renuncia ao meu traballo, pero aínda así quería que a miña música fora libre dos meus gustos e as miñas aversións, porque creo que a música debería estar libre dos sentimentos e as ideas do compositor. Eu sentía, e esperaba ter levado a outras persoas a sentir que os sons do seu arredor constituían unha música máis interesante que a música que oerían se asistisen a unha sala de concertos".

John Cage en Bolonia, Italia
John Cage en Bolonia, Italia | Fonte: Pinterest

E disto, entre outros conceptos e apuntes biográficos, falou Nicasio Gradaille, do "like/dislike" do que falaba Cage. De evitar as decisións que tiñan que ver co gusto persoal: "Cage plantexa como algo positivo desfrutar dos sons sen ter en conta as regras. Non existe nel a idea de harmonía. É o azar quen decide", sinalou o profesor do Conservatorio Superior da Música.

Gradaille, polo tanto, detívose nos dous conceptos que definen a produción artística de John Cage: o azar e a indeterminación. Conceptos cara os que foi evolucionando ao longo da súa vida. E foi decisiva, neste sentido, o coñecemento do Zen e da música hindú, xa que para esta filosofía a música non é un medio de autoexpresión senón que prepara a alma para ascender aos deuses.

A EXPERIENCIA DO SILENCIO

Cage pasou máis de catro anos creando 4´33´´, na procura dunha "idea sinxela que quero tentar facer tan sedutora como a cor e a forma e o cheiro dunha flor". O compositor dubidaba se levala a cabo ou non, pero atopouse coas pinturas brancas e negras de Rauschenberg e pensou que se non o facía a música estabase a quedar atrás.

Ademáis, John Cage decidiu entrar nunha cámara anecoica. É dicir, nunha habitación onde a experiencia do silencio é levada ao máximo. Unha habitación sen sons externos. Alí, o artista comprobou que o silencio non existía: estaba a escoitar dous sons, un máis alto que outro. Ao saír, o encargado explicoulle que o primeiro era o seu sistema nervioso e, o segundo, o seu sangue.

"Ata que morra haberá sons, e continuarán despois da miña morte"

Para o compositor, os sons eran o mesmo que a música e, por iso, non lle preocupaba que a música tivera fin. A música non pode morrer porque "ata que morra haberá sons, e continuarán despois da miña morte. Non hai que preocuparse polo futuro da música". Pero a música non só é, para Cage, o mesmo que o son. A música tamén é o teatro e a vida, todo era para o norteamericano a mesma cousa e, así, as súas pezas recollen o feito teatral, tal e como explicou Nicasio Gradaille.

"IR DEMASIADO LONXE"

"Todo o que fai o fai ata o final, ata as últimas consecuencias", sinalou Gradaille. E se cadra por iso foi que Pierre Boulez considerou que Cage fora "demasiado lonxe", porque non estaba dacordo con deixar a música en mans do azar.

John Cage tivo moitos mestres, entre eles, Arnold Schonberg, quen chegou a dicir que Cage non sería quen de compor porque non tiña ouvido. A pesar das súas apreciacións, Cage si foi compositor. O compositor de "Sonatas e Interludios", de "Music of changes". O inventor urxente do piano preparado. Un dos autores de "Untittled Event", o primeiro happening. Filósofo, poeta, pintor. 

Gradaille salientou que a John Cage "non lle interesaban as preguntas, interesábanlle as respostas". "E non son tan estúpido, o filósofo alemán Inmanuel Kant dicía que había dúas cousas que non precisaban significar nada, unha era a risa, e a outra a música", dixo Cage. 

Temas: CGAC JOHN CAGE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta