Segunda sesión de Escaramuzas artísticas sobre os clásicos no teatro galego actual

O encontro, que contará coa participación de varios directores de teatro, celebrarase este mércores, 27 de xullo, ás 20:00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/06/2018 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Este mércores, 27 de xuño, celébrase a segunda sesión da serie Escaramuzas artísticas, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Esta nova entrega, que se producirá ás 20.00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago, centrarase no ámbito teatral e na adaptación dos textos dramáticos clásicos. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.

Premios de Teatro María Casares
Premios de Teatro María Casares

Escaramuzas artísticas é unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Estes encontros están destinados tanto aos profesionais do sector coma ao público xeral.

SEGUNDA SESIÓN: SOBRE OS CLÁSICOS RENOVADOS

Baixo o título Revolución ou herexía? Os clásicos no teatro galego actual, a Escaramuza
abordará os proxectos escénicos e as novas achegas que se están a realizar na actualidade sobre textos de autores clásicos, así como tamén as controversias artísticas que poden envolver as reinvencións de dramaturgos canónicos.

Deste xeito, a sesión contará coa participación de Quico Cadaval, director escénico que dirixiu e adaptou con Producións Excéntricas o primeiro Valle-Inclán en galego, A cabeza do dragón; e Santiago Cortegoso, que escribe e dirixe a última obra de Ibuprofeno Teatro, Casa Rei, na que o autor propón un xogo escénico ao trasladar a esencia d'O Rei Lear shakespiriano a unha tradicional casa de xantares galega. A Escaramuza complétase con Vanesa Sotelo, directora da erregueté (Revista Galega de Teatro), quen achegará o punto de vista da crítica. O encontro estará moderado por Camilo Franco.

As Escaramuzas Artísticas pararán durante os meses de verán e regresarán no mes de setembro para celebrar as súas seguintes sesións de forma periódica, tomando como referencia o derradeiro mércores de cada mes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta