O Parlamento xulgará esta semana a continuidade de Otero á fronte do Valedor

A oposición reclama a súa dimisión antes da sesión plenaria e o PPdeG non avanza a súa postura e pide "escoitar" os seus argumentos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2018 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

A continuidade de Milagros Otero á fronte do Valedor do Pobo será xulgada esta mesma semana polos grupos do Parlamento de Galicia, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase por sentenza, sobre a que cabe recurso, o nomeamento do xefe de servizo de Administración e Persoal por "desviación de poder".

A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo | Fonte: Europa Press

O alto comisionado revogou este nomeamento a M. Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, este mesmo luns, tres días despois de que transcendese a sentenza do alto tribunal galego. Ademais, pediu a súa comparecencia ante a Comisión de Peticións --a que ten asignadas as relacións do Parlamento coa defensoría galega--, aínda que formalmente tiveron que pedila os grupos.

É a primeira vez que a Cámara galega se enfronta a esta situación, aínda que hai un precedente similar con Benigno López, que presentou a súa dimisión como valedor despois dunhas polémicas palabras sobre os recortes económicos e a lei de dependencia. En maio de 2015, chegouse a expor a reprobación do maxistrado do TSXG por parte da oposición --na que estaban socialistas e nacionalistas-- e o BNG rexistrara unha petición para que se celebrase a Comisión de Peticións. Pero antes de que se tramitasen as iniciativas dos grupos, López dimitiu --antes fíxoo unha vicevaledora súa por discrepancias con el-- e a Presidencia da Cámara declarou vacante, o 16 de maio, o posto.

Neste escenario, o xoves será a primeira cita parlamentaria na que se abordará a situación, coa comparecencia da valedora ante os grupos para explicar a provisión da praza, polo sistema de libre designación, anulada polo TSXG. O formato, a pesar das protestas da oposición que querían un máis amplo, será o habitual para os informes do alto comisionado, de maneira que os grupos só terán cinco minutos para a súa postura.

DEBATE SOBRE CESAMENTO SEN ELA

Xa sen a valedora na sala de comisións, posto que así o recolle o regulamento e non hai posibilidade de que quede, aínda que ela o pedise --segundo as explicacións dadas polos letrados aos membros da comisión--, os grupos fixarán a súa postura sobre o seu cesamento. Pero aínda que emitirán a súa opinión e toda a oposición pide a Otero que deixe a institución, non será até o pleno da semana que vén cando se vote sobre se debe abandonar a defensoría galega.

O PPdeG é o único grupo que non adiantou a súa posición e considera que primeiro hai que "escoitar" os argumentos da valedora, quen recoñeceu --segundo recolle a sentenza-- que se apartou do proceso de selección pola relación que mantén co pai de Puy Fraga, de quen foi a súa discípula na universidade.

Así as cousas, a segunda parte será no pleno que se celebrará os días 10 e 11 de xullo. Concretamente, a primeira hora do martes debateranse as propostas de cesamento do cargo que rexistraron os grupos da oposición, pero o cargo só pódese revogar cos votos de 3/5 do hemiciclo, é dicir, cualificada de polo menos 45 deputados.

Deste xeito, só cos votos do PPdeG, polo menos con once deles, Milagros Otero deixaría o seu posto. Por iso, é clave a postura que defenderán os populares o vindeiro xoves, cando por primeira vez terán que pronunciarse obrigatoriamente sobre a continuidade de Milagros Otero na institución que vela polo cumprimento dos dereitos da cidadanía.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Nas sucesivas roldas de prensa posteriores á xunta de portavoces, os portavoces parlamentarios da oposición xa tiveron ocasión de expresar as súas críticas á continuidade de Otero no cargo e, con maior ou menor contundencia, pedíronlle que dimita antes de que o hemiciclo galego se sitúe. "Temos ao raposo ao coidado das galiñas", dixo o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen cuestionou que o PP "non" ten no seu "dicionario o verbo dimitir". "Así que irá ao pleno a valedora do PP, digo, valedora do Pobo", ironizou.

Villares criticou que non haxa quenda de réplica no debate. "Non, non; queremos debater e poder refutar os argumentos que vaia a dar o PP para manter no seu posto a esta señora", dixo, dando por feito que os populares van soster a Otero no seu posto. "Ao PP valeulle a valedora; á valedora válelle o PP; pero a Galicia non lle vale a valedora", incidiu Villares, quen apostilou que "non pode seguir nin un minuto máis, pase o que pase co PP no pleno". "Temos unha valedora do Pobo que pensaba que era unha valedora de colocación", sentenciou o portavoz de En Marea, quen tachou a situación de "vergoña política e moral".

"RECAPACITAR"

Xoaquín Fernánez Leiceaga, por parte do PSdeG, considerou que a valedora debería "marchar", porque a sentenza é "moi dura" contra ela. Dito isto, lembrou que se a votación alcanza a maioría suficiente, terá que irse forzosamente. "Na nosa opinión, a valedora debería marchar porque a sentenza é moi dura coa valedora e coa súa actuación. Ten tempo de aquí ao martes para marcharse, pero senón espero que todos os grupos cheguemos á mesma conclusión", manifestou Leiceaga.

O portavoz parlamentario tamén mencionou que Otero xa executou a sentenza ao revogar o cesamento, algo que considerou que significa que "recoñece" a razón do fallo xudicial. "Se recapacita e pensa con claridade, debería renunciar á súa condición e abrir unha nova fase na defensoría, que sería mellor para todos", concluíu.

"GRAVIDADE DOS FEITOS"

"A gravidade dos feitos", dixo a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, é a que argumenta que os nacionalistas pedisen a votación do seu cesamento. "Vemos con moita preocupación que Milagros Otero poida seguir un minuto máis após unha sentenza que deixa claro que usou o seu cargo para enchufar á irmá de Pedro Puy", sinalou.

Pontón indicou que houbo "abuso de poder" e "todo iso inhabilítaa" para seguir no seu posto, xa que a súa función é "velar polos dereitos fundamentais". Está "inhabilitada para poder seguir á fronte", argumentou, ao "incumprir de facto" o seu labor. Do mesmo xeito que os outros membros da oposición, sostivo que a valedora "aínda pode asumir a súa responsabilidade e non seguir danando" a institución. "Chamamos ao PP a que non sexa cómplice dunha actitude quee é inasumible", apostilou Pontón, quen non pasou por alto que foi nomeada cos votos de populares e socialistas, a pesar de que o BNG "dicía que non era a persona adecuada" para ese posto.

E do mesmo xeito que fixo despois Villares, Ana Pontón fixo referencia ao "enchufismo", que "reproducen vellas prácticas caciquiis" na "Deputación de Ourense", en referencia á última sentenza. "Se non dimite motu proprio, este Parlamento débea cesar de forma clara", resolveu.

ESCOITAR Á VALEDORA PRIMEIRO

"Como non pode ser doutra maneira, entendemos que acerta vindo comparecer e traendo a esa comparecencia no prazo máis breve posible", manifestou, pola súa banda, Pedro Puy. O portavoz parlamentario popular convidou a "escoitar" a Milagros Otero primeiro. "Será debatido na sesión previa ao pleno. Imos escoitar con respecto o que di a valedora", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 apesta

Alguén pode explicar porque ten que dimitir esta señora por facer o mesmo que fan todos os partidos en todas as institucións.... ou me din que nos concellos non hai enchufismo e nas diputacións ahí non verdade? o desta muller non ten nome pero é o que se fai en toda galicia así apesta¡¡¡

1 Carmen Lastra

A esta pillárona coas mans na masa, dito pola xustiza (que retira a da venda nos ollos, cando lle convén). Estou de acordo con que o enchufismo está en todos, nas deputacións non ten disimulo, nos concellos tampouco, acontece que cando se denuncia e se demostra hai que dimitir, si ou si. O problema está na sociedade que cala e na xustiza que pouca veces se molla (normal, na maioría e nos altos tribunais son enchufados do réxime). Agora está Valedora do PP xa se pasou apadriñando e machacando na oposición, e iso sendo Valedora si que apesta, alcatrea e da náusea!