Por que o TSXG veu indicios claros para anular a praza a dedo da irmá de Puy Fraga?

Relacións familiares, relacións de amistade e mesmo de mentor e discípula están detrás dun polémico nomeamento. Quen son os catedráticos Francisco de Paula Puy Muñoz e Jesús Martínez Girón e que relación hai entre eles e Milagros Otero?.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/07/2018 | Actualizada ás 22:58

Comparte esta noticia

O verbo dimitir cotiza moi a alza. Tan a alza que ningún líder político, nin alto cargo, quere pagar o prezo por facelo. A última, a valedora do Pobo, Milagros Otero que se negou a facelo tras unha contundente sentencia do TSXG. Pero que hai detrás dunha decisión que está poñendo en serios apuros a credibilidade do Partido Popular en Galicia e, especialmente, do seu voceiro parlamentario, Pedro Puy?.

Precisamente, neste caso ten moito que ver a familia Puy Fraga e a relación que existía entre varios dos principais implicados; Milagros Otero, os irmáns Puy Fraga --María e Pedro--, o pai- Francisco de Paula Puy Muñoz-- e ata un amigo da familia, Jesús Martínez Girón.

Para entender estes lazos familiares e de amistade hai que remontarse tempo atrás, a finais dos anos 80. Unha moza Milagros Otero remata a carreira e elixe a especialidade de Filosofía do Dereito da que é un especialista Francisco de Paula Puy Muñoz, logo catedrático desa mesma materia.

Posteriormente, a propia Milagros obterá a cátedra de Filosofía do Dereito na USC e tamén o decanato da facultade de Dereito. Uns feitos nos que tamén ten moito que ver Puy Muñoz. Otero nunca ocultou que o seu mentor foi este catedrático e, de feito, recoñeceu que "se abstivo" no proceso de selección da súa filla para tentar ser neutral.

O 3 de agosto de 2015 foi elixida Valedora do Pobo polo Parlamento de Galicia a proposta do Partido Popular. Unha elección na que tamén tivo moito que ver Pedro Puy Fraga, fillo de Puy Muñoz, e compañeiro na Facultade de Dereito de Milagros Otero. Un ano despois, en 2016, Otero convocaba unha praza; a de Xefe de Servizo de Administración e Persoal da institución. Unha praza para a cal, finalmente, foi designada María Puy Fraga, funcionaria, irmá de Pedro Puy e filla de Francisco de Paula Puy Muñoz, o "mentor" da valedora.

Para resolver esa praza de libre designación, a valedora pediu un informe que foi avaliado por Jesús Martínez Girón, catedrático de Dereito do Traballo na Universidade da Coruña; Fernando Luis de Andrés Alonso, secretario xeral do Valedor do Pobo e María Beatriz González Moreno, coordinadora xeral do valedor do Pobo.  Dito informe tiña que versar sobre o "cumprimento polos aspirantes das condicións sinaladas nas bases da convocatoria, dos criterios para a adecuada selección, debendo formular a correspondente conclusión tras o exame da totalidade de solicitudes e documentación aportada".

QUEN É MARTÍNEZ GIRÓN?

Curiosamente, a persoa elixida para ese tribunal, Jesús Martínez Girón, resultou tamén ter relación coa familia Puy Fraga. O catedrático de Dereito do Traballo foi proposto polo propio Pedro Puy en febreiro de 2013 para formar parte da xunta electora de Galicia, como así figura no rexistro do Parlamento e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como desvelou este xoves o voceiro de En Marea, Luís Villares.

A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións
A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións

Pero o PPdeG aclarou que o catedrático de Dereito no Traballo da Universidade da Coruña, Jesús Martínez Girón, é membro da xunta electoral de Galicia desde 1994, e acusou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, de "danar a honra das persoas" ao sacar a colación esta función do profesor universitario nun debate parlamentario.

Con todo, este feito tampouco o pasaron por alto os tres maxistrados da sección 1 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza, que fala de "arbitrariedade" e "desvío de poder", tamén recolle que o tribunal que debeu elixir esa persoa tiña, "ou ben intereses persoais" en que saíra elixida esa persoa ou "amistade íntima con algún dos aspirantes".

Tamén suliña que "existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto. Isto, segundo a setenza, orienta "á apreciación de infracción do principio de igualdade de todos os candidatos, e favorecemento da candidata finalmetne elixida, e, con iso, dun motivo de nulidade da resolución impugnada".

"ERROS"

A propia valedora recoñeceu este xoves durante a súa comparecencia que puido haber "erros" e admitiu que, á vista da sentenza, "é razoable pensar que fose mellor outra opción" e non elixir a un catedrático de Dereito Laboral como asesor externo.

Ademais, defendeu que ela se "abstivo", aínda non sendo preceptivo neste caso, de participar no procedemento --unha vez definidos os criterios da convocatoria e de que se presentasen os candidatos-- e sinalou que o seu adxunto, Pablo Cameselle, nome proposto polo PSOE para ese posto, foi o que resolveu o proceso.

Ademais, Otero lamentou que "a outra gran prexudicada" por esta situación é María Puy Fraga, que "tivo que ver anulado o seu nomeamento" e de quen destacou a súa valía: "Non é unha indocumentada". "Non concorría causa legal de abstención en sentido estrito, posto que non tiña relación coa candidata, salvo a indirecta mencionada, pero co afán de máxima garantía, decidín absterme", concluíu.

O PP DEFENDE Á VALEDORA

O PPdeG manterá polo momento a Milagros Otero á fronte do Valedor do Pobo fronte á petición de dimisión e solicitude de cesamento de toda a oposición. Para que poida prosperar a revogación deste cargo, é necesaria a maioría de 3/5 do hemiciclo, polo que a postura dos populares é clave.

A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo

A propia Milagros Otero acudiu este xoves ao Parlamento a comparecer ante a Comisión de Peticións e, á súa chegada, asegurou que "non" ía dimitir do seu cargo, aínda que recoñeceu que non era "prato de gusto" que todos os grupos da oposición reclamasen que deixase o seu posto.

De feito, a viceportavoz do PPdeG, Paula Prado, lamentou que En Marea, PSdeG e BNG acudisen á Cámara coa petición de dimisión sen antes escoitar á valedora. "Daba igual o que dixese, xa me habían recusado desde o principio; cada vez que falo, teño que dimitir", censurou Milagros Otero ante os grupos, nese mesmo sentido.

Alberto Núñez Feijóo e Pedro Puy, nun almorzo informativo
Alberto Núñez Feijóo e Pedro Puy, nun almorzo informativo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Mosquito

Al final, los políticos nos conducirán a una situación como la de Venezuela. https://mosquitosno.com

3 Carcoma

Cuando unos pocos son los que deben decidir por miles de habitantes, esto es lo que pasa. https://erradica.com/carcoma/

2 M. Vila

Resiste Milagros, o Partido Podre precisa de ti como a súa Valedora! No fondo vemos como nos postos de Valedora ou Defensor, directores de TVE ou canles públicas, altos tribunais... os políticos DE TODOS os partidos colocan aos seus amigos. Logo todos participan, son cómplices do turnisno, do enchufismo e da manipulación. Non se ataca a raíz do problema. A corrupción é sistémica, sen obviar que Milagros Otero pasou os límites da decencia (partidismo, supremacismo españolista), pasando moitos galegos de pedir amparo nesta institución para facelo no Defensor del Pueblo, por considerarlo menos imparcial. O dano feito e a desconfianza esixen dimisión e algo máis... (agarden sentados, os políticos no poder disimulan e na oposición miran para outro lado).

1 Gamela

Puy pai - Puy fillo - Puy espiritu santo !!! ¿Quen votou a favor desta señora no Parlamento? Se é preciso o 60% dos parlamentarios alguén coñecería todas estas relacións cando foi presentada como candidata a Valedora do Pobo ???