Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2018 | Actualizada ás 14:52
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou ao "sentidiño" e ao "common sense" fronte ao Brexit, xa que, "se a negociación fracasa", advertiu, "ningunha parte sairá gañando" e pola contra ambas as partes perderán. Xunto a el, o ministro principal de Gales, Carwyn Jones, destacou que os acordos asinados este venres xunto ao presidente galego representan o "compromiso" de continuar coa colaboración "máis aló" da saída de Reino Unido da Unión Europea.
Ambos os mandatarios reuníronse no Pazo de Raxoi, en Santiago, e despois subscribiron un memorando de entendemento que, segundo chamou a atención Feijóo, supón dar "un paso máis" na cooperación entre Galicia e Gales, dúas rexións con vínculos culturais e económicos, principalmente na pesca. Pola súa banda, Jones subliñou o "interese" de Gales por "manter" a unión aduaneira e o acceso a un mercado, o europeo, ao que se dirixe boa parte das súas exportacións.
O ministro principal galés fixo referencia ás relacións de séculos, "se non milenios", entre Galicia e Gales nos ámbitos cultural, lingüístico e comercial, antes de destacar que esta é "a primeira vez" que "se fai formal" co memorando. En concreto, apuntou á colaboración universitaria cunha cátedra de galego que se imparte no seu país, tamén aos "lazos culturais" e aos comerciais a través de exportacións, no seu caso, sobre todo do ámbito agroalimentario.
"Queremos continuar con esta relación e imos insistir ante o Goberno británico para poder continuar con estes proxectos europeos", engadiu, en alusión a unhas iniciativas 'Interreg' nas que participan industrias e cluster galeses.
"FUTURO DE TRABALLO CONXUNTO"
A continuación, Núñez Feijóo falou dun "futuro de traballo conxunto" no que chamou a "debilitar" a "onda expansiva" do Brexit. "O 23 de xuño de 2016 foi un dos días máis tristes para Europa", sinalou. En calquera caso, avisou de que "Europa vai máis aló de Bruxelas" e de que tampouco o Reino Unido "se acaba en Londres", para referirse á declaración subscrita en Cardiff e ver neste memorando de entendemento "un paso máis" na colaboración Galicia-Gales. O acordo aborda "retos en común" no campo económico e das empresas, no social (coa demografía como prioridade), no educativo e no cultural (con intercambio de profesores) e no marítimo-pesqueiro como apartado "principal", segundo expuxo Feijóo.
Respecto diso, cifrou en 110 buques, 96 empresas e 1.700 tripulantes a afección dunha "ruptura total" de Reino Unido coa Unión Europea, polo que constatou que "hai moito en xogo" e incidiu en que a política pesqueira "non debe ser unha moeda de cambio" e "debe ter un apartado especial" nas negociacións. "O Brexit non pode separar o que uniu a nosa historia", resolveu, antes de proclamar que Galicia e Gales, dentro das súas competencias, van asumir "as rendas" do seu propio futuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.