A robótica, a pilotaxe de drons e os videoxogos chegan aos concellos galegos

O obxectivo é fomentar o "talento dixital" da mocidade e achegala de forma lúdica e divertida á tecnoloxía informática e á enxeñería en informática.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2018 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos serán as protagonistas das xornadas organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) nestes meses de verán - finais de xullo, agosto e setempo -. Todas elas están enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Robot presentado por Abanca
Robot presentado por Abanca | Fonte: Abanca

Esta vindeira semana celebrarase unha xornada sobre os “Retos de programación e robótica” nas Aulas CeMIT dos concello de Beariz (luns 30) e Brión (martes 31). Neste encontro, os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey.

OS TRES RETOS

O reto da programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Desta maneira, a rapazada terá que programar o escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.

No caso do printbot, estoutro reto implica programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña. E no reto da programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación.

A FIN: FOMENTAR O "TALENTO DIXITAL" DE FORMA LÚDICA

No conxunto, organizaranse máis de 30 xornadas nas Aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas: Fisterra, Arzúa, Bande, Carballedo, Beariz, Brión, Boiro, Ortigueira, Leiro, Guitiriz, Tomiño, Padrón, Xunqueira de Ambía, O Barco de Valdeorras, Ribeira,
Santa Comba, Coruña, Cuntis, San Sadurniño, Cerceda, Abegondo, Valga, Celanova,
Pontedeume, Ribadeo, Pontevedra, Vimianzo... entre outros. Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

O tesoureiro do CPEIG e responsable do programa “Tech Kids”, Francisco Rodríguez, sinala que tanto o Colexio profesional como Amtega teñen como obxectivo fomentar o “talento dixital” da rapazada de toda Galicia. De feito, indica que moitos dos empregos actuais desaparecerán –sobre un 43% dos postos de traballo actuais– e haberá novos traballos con competencias no ámbito dixital. En concreto, explica que estes talleres pretenden mellorar a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo.

O representante do CPEIG apunta que nestas sesións celebraranse competicións nos distintos ámbitos do programa “Tech Kids”: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., de xeito que se ofreza á mocidade unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. “Deberán superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía”, di.

Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta