Denuncian que Más Móvil nega atención en galego, catalán e euskera

Nunha chamada a un posible cliente, a empresa comunicoulle que non falaban en ningún dos idiomas cooficiais do Estado. Por isto, a Mesa pola Normalización Lingüística pide colaboración para esixirlle que incorpore a atención nestas linguas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/08/2018 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística tivo acceso a unha gravación na que Más Móvil lle realiza unha promoción a un posible cliente en Galicia e na que lle nega atención en lingua galega. Así mesmo, o empregado acláralle que tampouco a realizará noutras linguas como catalán ou euskera.

Cartaz a favor da lingua galega
Cartaz a favor da lingua galega

O cidadán que recibiu a chamada o 28 de agosto decidiu enviar a gravación á Liña do Galego, servizo gratuíto que ofrece a Mesa para denunciar a vulneración de dereitos. Fronte a esta situación, a Mesa asegura que tramitará unha queixa á empresa e remitirá o caso á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e á valedora do Pobo para que tomen baza no asunto.

A negativa de Más Móvil de atender en galego os clientes e posibles clientes vulneraría, recorda a Mesa, a Lei 1/2010 relativa aos servizos no mercado interior (disposición adicional sexta) na que se estabelece o respecto pola lei de normalización lingüística e a promoción do uso oral e escrito do galego. Así mesmo, tamén incumpriría a Lei 2/2012 galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias que recoñece no seu artigo 46 uns dereitos lingüísticos mínimos.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “este é un exemplo máis da febeleza da cativa lexislación que ampara o uso do galego e da necesidade de que se aprobara a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que impulsou a Mesa co aval de 28.000 persoas e numerosas entidades e institucións”.

Por todo isto, a Mesa pide colaboración da cidadanía para que se dirixa a través das redes redes sociais á empresa Más Movil e lle pida que incorpore a atención en lingua galega. “Esta acción permitiría exercer os dereitos lingüísticos e tamén xerar postos de traballo en Galiza” explicou Maceira. “A implicación da sociedade, como posíbeis usuarios e usuarias destes servizos é fundamental non só para evitar que se produzan casos graves de discriminación lingüística, senón tamén para garantir a opción de utilizarmos o galego nestes servizos e manter os postos de traballo en Galiza dun sector que cada ano crece máis” destacou o presidente da Mesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta