Onde foron parar os 1,2 millóns de euros da UE investidos nun criadeiro de bivalvos de Noia?

Lídia Senra pregunta á CE por este criadeiro que fechou cinco anos despois de recibir fondos europeos. Reclama un seguimento dos proxectos financiados con diñeiro da UE que quedan inoperativos logo de de facer os 5 anos mínimos esixidos.

Por Galicia Confidencial | noIA | 10/09/2018 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

En 2009 un criadeiro de moluscos bivalvos para ameixa e ostra do Freixo (Outes) púñase en funcionamento tras recibir máis de 1,2 millóns de euros de fondos europeos. Pero cinco anos despois de recibir estes cartos, no 2014, cesaba a actividade.

Por iso, a eurodeputada galega Lídia Senra rexistrou este luns un documento dirixido á Comisión Europea (CE) no que pregunta ao ente comunitario pola situación na que se atopa esta suposta empresa.

No 2006 a Consellería de Pesca da Xunta de Galicia autorizou para a Confraría de Noia o mencionado hatchery. As obras iniciáronse no 2007, cunha subvención da Xunta para construílo de 1.252.932,74 euros. No 2009, as instalacións entraron en funcionamento, ano no que o proxecto recibiu o pago final dunha financiación da UE, asignada xa no 2007, a través do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca, de 1.265.136,53 euros. “A actividade dese criadeiro cesou no 2014, 5 anos despois de poñerse en marcha, e desde aquela está en abandono, a pesar de que desde aquela cada certo tempo se lanzan novas sobre a súa posible reapertura próxima”, asegura Senra, que xa estivo na zona no ano 2016, momento no que se falaba xa dunha posible reapertura, e a data de hoxe sigue sen abrirse.

Ante esta situación, a eurodeputada pregúntalle á CE se ten constancia a Comisión de que este criadeiro está pechado e de se cumpriu todos os requisitos derivados de ter recibido unha financiación europea como a mencionada. Tamén,en vistas de que é bastante habitual que proxectos financiados con fondos europeos acaben por non desenvolverse de forma responsable,pregunta á Comisión se feito algún tipo de seguimento sobre os proxectos que superan os 5 anos operativos e os que pechan ao cumprir eses anos mínimos de funcionamento esixidos na normativa europea ou en exercicios seguintes.

MAL USO DE FONDOS EUROPEOS

Senra critica o mal uso de moitos fondos europeos, que rematan en proxectos de curta duración ou non adaptados ás necesidades da zona, en instalacións que moitas veces non funcionan como deberían e reclama un maior control por parte das Administracións ante o despilfarro de recursos económicos.

A europarlamentaria enviou ademais xa a semana pasada un escrito á Confraría de Noia solicitando poder realizar unha visita ás instalacións do criadeiro, para poder comprobar en persoa a situación na que se atopan. Polo momento non recibiu resposta pero agarda que non se lle negue o acceso e poder realizar esa visita en breve.

Lidia Senra no Parlamento Europeo
Lidia Senra no Parlamento Europeo

Criadeiro de ostras
Criadeiro de ostras | Fonte: delmaralplato.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta