Galicia terá un outono "máis cálido" do normal despois dun verán moi caloroso e húmido

A próxima estación traerá precipitacións con valores "normais", aínda que o mes de outubro será "máis seco" do habitual, segundo a Aemet.

Por E.P. | | 20/09/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé, após un verán moi caloroso e húmido, un outono "máis cálido" do normal en Galicia e con precipitacións "normais" para esta época do ano, a pesar de que se espera que o mes de outubro sexa "máis seco" do habitual.

Praia na Illa de Arousa. IRENE VIÑA - Archivo
Praia na Illa de Arousa. IRENE VIÑA - Archivo | Fonte: Europa Press

O delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, ofreceu unha rolda de prensa na que realizou un resumo climático correspondente a este verán e avanzou as previsións meteorolóxicas para o outono, que comezará con tempo estable e temperaturas máis altas do normal para esta época do ano.

Este verán foi "moi cálido" en Galicia, sobre todo durante o mes de agosto cando se superaron os 40 graos nalgúns puntos da provincia de Ourense. Destacan así os 42,3 graos alcanzados en Ribadavia e os 25 graos de temperatura mínima rexistrados en Vigo.

Precisamente, a zona de Pontevedra e Vigo viviron o agosto "máis cálido" da súa historia, segundo indicou Infante. No conxunto de Galicia, este agosto foi "o terceiro máis cálido" desde 1951. Unha situación que xa vén precedida polo tres veráns anteriores nos que este mes tamén resultou máis caloroso do habitual.

A pesar das temperaturas elevadas, que tamén se están rexistrando neste mes de setembro, Infante indicou que o verán resultou "húmido", sobre todo pola influencia do mes de xuño.

Día de calor
Día de calor

Así, durante o primeiro mes de verán houbo moitos días de choiva, o que levou a rexistrar un 32% máis de precipitacións respecto ao valor medio para esta época.

BALANCE HÍDRICO

Estas precipitacións do mes de xuño, xunto coas acumuladas ao longo do ano, favorecen a que se peche un ano hidrolóxico (outubro-setembro) cun índice "normal" de precipitacións acumuladas, aínda que a zona oeste da comunidade ten un "lixeiro déficit" de choivas.

De cara ao outono, aínda que se prevé que o mes de outubro sexa "máis seco" do normal, a Aemet espera que se compense coas choivas dos meses de novembro e decembro.

Así que, de manter ese comportamento normal en canto a precipitacións, Infante ve "pouco probable" que Galicia volva rexistrar unha situación de seca. "Non é preocupante", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta