En Marea e PSOE esixen "cumprir a lei" da CRTVG e Feijóo xustifícase coa audiencia

En Marea e PSdeG denunciaron este mércores no pleno a "manipulación" da CRTVG e esixiron que se "cumpra a lei" aprobada fai sete anos, mentres que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeuse das críticas cunha reivindicación do "apoio" que dá a audiencia aos medios públicos galegos e da "independencia" dos mesmos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

En Marea e PSdeG denunciaron este mércores no pleno a "manipulación" da CRTVG e esixiron que se "cumpra a lei" aprobada fai sete anos, mentres que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeuse das críticas cunha reivindicación do "apoio" que dá a audiencia aos medios públicos galegos e da "independencia" dos mesmos.

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en el Parlamento gallego. XUNTA
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en el Parlamento gallego. XUNTA | Fonte: Europa Press

"A TVG é independente. Se o director toma algunha decisión, que compareza no Parlamento. Eu non asumo as decisións do director en materia de persoal, ata aí podiamos chegar", advertiu Feijóo, quen apuntou que é el, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen se encarga da selección, nomeamentos e cesamentos dos profesionais dos medios públicos.

Dito isto, sinalou que a TVG encabeza, tras TV3, o liderado das canles públicas autonómicas e proclamou que "iso é o importante": a audiencia e "o respaldo" dos galegos. De feito, acusou á oposición de minusvalorar aos galegos por considerar que seguen uns medios "manipulados" cando "cun clic" poden cambiar de canle.

Feijóo tamén atacou á oposición por levar a situación da CRTVG á Cámara tras o feito por "PSOE e as mareas de Podemos" con RTVE. Nos medios públicos españois, denunciou as "purgas" e advertiu aos socialistas que non está disposto a "copiar" este modelo nin a converter a TVG "na Tuerka".

"O modelo de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG", proclamou Feijóo, a quen Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Luís Villares (En Marea) afearon a "manipulación" dos medios públicos galegos denunciada polos profesionais da casa en sucesivos 'venres negros'.

Villares caricaturou a Feijóo como "un exótico presidente que nin ve nin escoita a radio nin a televisión galegos". "Será que ve Rusia Today", ironizou, antes de engadir que a "persecución" que "sofren os xornalistas" da CRTVG só se da en países "como Turquía ou Rusia". Así as cousas, definiu ao presidente como "unha especie de Putin á galega, Alberto Putin Feijóo, o tsar dos Peares".

Pola súa banda, Leiceaga alertou do "incumprimento premeditado, contumaz e desleal" da lei da CRTVG e reivindicou a elección do director do ente no Parlamento, e outras cuestións, como a creación do estatuto do profesional, para acabar coa "manipulación política dos informativos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta