Vigo adxudica a redacción do novo PXOM case tres anos despois da anulación do anterior

O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo prevé adxudicar este xoves os contratos de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a revisión da cartografía.

Por E.P. | VIGO | 09/10/2018 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo prevé adxudicar este xoves os contratos de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a revisión da cartografía, case tres anos despois da anulación, por parte do Tribunal Supremo, do plan aprobado en 2008. Así o avanzou este martes en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen explicou que a redacción do Plan Xeral foi adxudicada, por algo máis de 2 millóns de euros, ás empresas Oficina de Plan S.A., e Sepia Técnicos S.L.

Plano de ordenación municipal do barrio de Navia, en Vigo
Plano de ordenación municipal do barrio de Navia, en Vigo

As empresas teñen un prazo de 2 meses para elaborar un diagnóstico socioeconómico e, a partir de aí, redactar o documento urbanístico. Nas condicións de adxudicación, establécese un prazo de 4 anos para a redacción do PXOM. Por outra banda, a empresa Geograma S.L. foi a adxudicataria do contrato de revisión da cartografía, por un prezo de 348.000 euros, e ten un ano para levar a cabo ese traballo.

Estas adxudicacións ratificaranse na reunión do Consello da Xerencia de Urbanismo deste xoves, despois de case tres anos de trámites, informes e procura de alternativas. Entre esas alternativas, o goberno municipal expuxo no seu día a chamada 'solución Parejo', defendida polo catedrático Luciano Parejo, e que pasaba por recuperar as partes do PXOM que non foran cuestionadas polo Tribunal Supremo e subsanar aquelas que motivaran a anulación, pero "a Xunta non o aceptou e non quixo colaborar", segundo Caballero, quen lamentou que o Plan podería "estar en vigor" desde hai tempo se se tivera optado por esa vía.

Antes da adxudicación deste xoves, houbo un primeiro intento de licitar a redacción do Plan vigués, a principios de 2018, pero o concurso quedou deserto. Nese momento, o goberno municipal atribuíu esa circunstancia ao prezo do concurso (sobre 1,6 millóns de euros, que as empresas consideraban insuficiente) e á complexidade dun documento que adoita provocar miles de alegacións. Foi entón cando se decidiu dividir a adxudicación en dous lotes: un para a redacción do Plan Xeral, e outro para a revisión da cartografía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta