Os coruñeses coñecerán de preto o drama dos nenos migrantes

O activista José Palazón participará este xoves 8 nunha charla da Rede Acampa, no marco dunha serie de actividades que chegarán a distintas localidades galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio achega á Coruña o drama da infancia sen refuxio a través dunha charla-coloquio da man de José Palazón, presidente da ONG Prodein e activista na defensa dos dereitos dos migrantes en Melilla. O evento está previsto para as 11.00 horas deste xoves 8, no salón de actos da Facultade de Socioloxía. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, intervirá noutra conversa no Centro Fonseca, en colaboración coa ONG Entreculturas. 

Un grupo de migrantes
Un grupo de migrantes | Fonte: Zapateando2.wordpress.com

Palazón abordará a realidade de nenos e nenas que migran en solitario cara a Europa. A súa testemuña, en base ao traballo que realiza, axudará a entender esta situación en España: falará de devolucións en quente, as dificultades de cruzar o valo de Melilla e as reaccións políticas e institucionais en materia de migración.

A rede Acampa traballa na defensa dos dereitos das persoas migrantes e denuncia as inxustizas e o "silencio cómplice" que circundan o movemento migratorio. Co obxectivo de visibilizar esta problemática, desenvolveranse actos semellantes noutros puntos da xeografía galega. Deste xeito, Palazón visitará Mazaricos e Vigo durante os vindeiros días. Será no marco dunha ampla programación posta en marcha pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta