Acoso laboral, cando o traballo é unha angustia

Coa terciarización da sociedade e a precarización dos postos de traballo, os casos de traballadores e traballadoras acosadas aumentou exponencialmente nas últimas décadas. Que motivación hai detrás do acoso? Quen acosa? Que lle pasa á persoa acosada?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Carlos (nome ficticio) estivo traballando algúns anos nunha fábrica metalúrxica. “Un día un dos encargados chegou ao meu posto para avisarme que tiña que deixar lista unha cantidade de caixas para enviar. Era a unha e media e a miña quenda acababa ás dúas. Comenteille iso e máis que non tiña a máquina para deixar no seu sitio as caixas, el contestou que a máquina non se movería de alí en todo o día e que xa faría el por que iso fose así. Puiden deixar almacenadas as caixas pero para o outro día o mesmo encargado díxome: “e por que non cargaches o camión? Alí non había nin unha caixa cargada amigo”, contesteille que me dera a orde á unha e media cando a miña xornada acababa ás dúas e el como se non me oíra, que había que facer o traballo e todo diante doutra xente da empresa”.

Oficina, o ambiente de traballo é o que favorece a aparición do acoso laboral
Oficina, o ambiente de traballo é o que favorece a aparición do acoso laboral

A palabra inglesa mobbing procede do verbo to mob, asediar, presionar para que algo caia polo seu peso. O termo aplicouse en ornitoloxía ao proceso de acoso por parte de paxaros pequenos contra aves máis grandes, normalmente depredadoras. “Estamos diante dun proceso insidioso que vai minguando o benestar do traballador ou traballadora acosada” di Carlos Montes, profesor de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago. “Sería un proceso que se prolonga no tempo e que afecta ás capacidades da persoa acosada”.

A cousa non acaba aí. “Para outra vez o mesmo encargado achegouse ao meu posto, viña en bicicleta, a nave era moi grande, comezou a asubiar, a facer “ouh, ouh, ouh”  como se eu fose un can. Non lle fixen caso ata que non deixei listo o que tiña que facer, logo con cara de mala ostia pregunteille que quería. Xa non recordo o que me dixo, non lle fixen caso, tamén foi na última media hora da miña quenda. Despois outro encargado tamén me molestaba con cousas como que non podía aparcar no sitio onde aparcaba, disque estaba reservado, comentei que outro coche dun compañeiro estaba aparcado en zona reservada tamén, non me deu explicación, dixo que tiña que sacar o meu coche de alí”.

VÍTIMA E ACOSADOR

Quen acosa a quen? “Serían movimentos desde as estruturas de poder, xefes, supervisores ou varios para incomodar e facer que unha persoa se sinta mal no seu posto de traballo, o motivo sería que deixe o seu posto de traballo ou desprazar a esa persoa a outra zona de traballo” di a psicóloga Concha Rousía.

O acoso é vertical-descendente. Un superior ao subordinados e normalmente son máis acosadores os homes, porque tamén detentan posicións máis dominantes na organización” di Montes. “Pero non é tanto unha cuestión de xénero como unha posición de poder que se detenta na organización”. Non obstante este parecer, tamén existe o acoso dentro dun departamento entre compañeiros co mesmo nivel. “O  acoso neste caso, dentro dun mesmo nivel laboral, pode darse o caso de compañeiros conscientes do acoso pero son cómplices mudos, non fan nada, por motivos persoais coa persoa acosada ou por medo a perder o traballo” di Montes.

“A miña categoría laboral é a de técnico de mantenemento, pero resulta que me enviaban facer traballos como arrincar herbas, chovese, fixese frío ou xa ardese de calor”. Este é o caso de M., quen descubriu que a empresa non pagaba correctamente as horas de traballo, tanto en horario laboral como extras. Despois de que M falase coa xerencia da empresa, enviáronlle unha carta onde lle “recordaban” que debía cinguirse á política da compañía, senón podería haber motivos de sanción. “No traballo nin siquera me avisaron, foi poñerme a facer tarefas que non me correspondían, a min e a outro compañeiro que denunciaramos xuntos, separáronnos para ternos divididos”. Agora M está de baixa.

“Penso que se unha persoa abandona, ou pide baixa é polo malestar psicolóxico absoluto ao que a levan, esa persoa rompe, está rota” di Concha Rousía. “Por que se fai? Ás veces é porque alguén se sente ameazado pola persoa acosada, pois demostra que é moi competente ou destacou por algo, e se é así, algúns compañeiros e compañeiras poden sentirse incómodos”.

O risco de acoso laboral ten a súa orixe na mesma organización do traballo, non está tanto focalizada nunha cuestión interpersoal, senón que a forma de organización do traballo propicia a aparición dun acosador e un ou varios acosados” explica Carlos Montes. “Si que é certo que non hai perfís de persoas a seren acosadas, pero si poden ser persoas destacables nalgún sentido, por talento, por pensar diferente etc.”. Mais se existe unha situación salientable entre outras é a da maternidade. “Hai mulleres que por quedaren embarazadas logo de comunicarllo á empresa, perciben un comportamento distinto dentro do seu ámbito laboral, pero insisto que é unha cuestión de organización do traballo”.

CONSECUENCIAS

As consencuencias para a persoa acosada poden manifestarse de moitas formas. Hai un impacto físico e psicosocial importante porque se vai xerando aillamento “porque os demais non continuarán co mesmo contacto con esa persoa, problemas de depresión e pode acabar en evasión mediante o abuso de substancias tóxicas e tamén pode crear máis sinistralidade laboral” di Carlos Montes.

Que pode facer unha persoa acosada no ámbito de traballo? “Denunciar, como é un problema laboral debe presentalo ao delegado da empresa ou os interlocutores válidos” di Montes. “Denuncialo precisamente porque falamos que a organización do traballo permite que aconteza iso, que insisto, non é unha cuestión persoal”. Débese comunicar á dirección da empresa, primeiro para que haxa un entendemento entre as partes, logo senón, mesmo que poda cambiar de posto a persoa acosada.

Algunhas organizacións mesmo recomendan recoller todas as probas posibles para presentalas diante da dirección ou nun xuízo. Aínda que se debera consultar antes cun avogado para ter conta de se as probas serían aceptadas ou non nun tribunal.

En conclusión, o acoso laboral estaría relacionado coa organización dentro dunha empresa, de como leva adiante o día a día. As persoas acosadas poden ser consideradas como disruptoras dunha “orde” xa establecida. Entón o mando da empresa pode iniciar accións que poden levar a situacións de desgaste dunha persoa no seu posto de traballo. O obxectivo é que esa persoa abandone o lugar, que deixe o seu traballo ou asimile os ritmos e maneiras do ambiente onde está. Parar esta situación levaría á denuncia da mesma, mesmo con consecuencias xudiciais, para o que se recomenda a reunión de todas as probas posibles. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta