Multan con 2.000 euros ao avogado de Sito Miñanco por vaporear na sala durante o xuízo

O xuíz considerou "irrespectuosa" a conduta de Gonzalo Boye, quen alegou que era "imposible" que saíse fume del.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra multou con 2.000 euros ao avogado Gonzalo Boye por utilizar un cigarro electrónico na sala de vistas durante o xuízo contra o seu defendido, o condenado por narcotráfico José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco.

O pasado 12 de novembro, os maxistrados da Audiencia Provincial de Pontevedra suspenderon durante media hora o xuízo contra Sito Miñanco e outras tres persoas por branqueo de capitais. O parón produciuse despois de que Gonzalo Boye fose sorprendido utilizando na sala un cigarro electrónico durante a sesión.

O xuíz José Juan Barreiro Prado tacha a conduta de Gonzalo Boye como "irrespectuosa e desconsiderada". "Tal modo irreverente de comportarse nunha audiencia pública dun tribunal, por inaudito, asombroso, e de aí a incoación do correspondente expediente en que se pronuncia este acordo", determina.

Na súa resolución, o maxistrado explica que percibiu na sala de vistas un cheiro "a tabaco, nicotina ou similar". Acto seguido, segundo relata o xuíz, observou como o letrado levantaba a man "directa" á súa boca e, a continuación, saía fume ou vapor "da súa boca ou nariz, ou por ambos".

Nese momento, o xuíz pediu ao avogado que entregase o aparello vaporizador, de pequeno tamaño e que Boye escondía na manga. "É tan discreto o aparello que, se non fose polo cheiro e a saída de fume e vapor do nariz e/ou boca de quen o estaba usando, ninguén se decatou", relata.

ALEGACIÓNS REXEITADAS

Así, o maxistrado rexeita as alegacións presentadas polo avogado, que asegurou que "debeu existir algún tipo de confusión" porque era "imposible" que puidese saír fume del, xa que, aínda que fora fumador, levaba "máis de cinco anos sen fumar".

Ademais, Boye afirmou que o cheiro a tabaco que percibiu o xuíz "podía ser debido a que alguén estivese fumando na sala, pero non era el". Con todo, recoñecía que el estaba "vaporeando", acción que, sostén, é unha acción "moi distinta" a fumar.

"COMPORTAMENTO IRRESPETUOSO E DESCONSIDERADO"

"Non só se trata dun comportamento irrespectuoso e desconsiderado para con todos os demais presentes na sala de vistas, senón tamén prohibido pola lexislación vixente", asevera o maxistrado.

Ademais da multa de 2.000 euros imposta a Gonzalo Boye, a resolución foi notificada ao Colexio de Avogados de Madrid para a "posible constancia" da sanción no expediente persoal do avogado chileno.

Sito Miñanco no xuízo por branqueo. Europa Press - Archivo
Sito Miñanco no xuízo por branqueo. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta