O portavoz de Democracia Ourensá denuncia un intento de atropelo dun policía local e o axente acúsao de acoso

Gonzalo Pérez Jácome asegura ademais que o edil da mesma formación Telmo Ucha "tivo que ser trasladado ao hospital" tras presuntamente ser alcanzado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O portavoz de Democracia Ourensá no Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou un intento de atropelo por parte dun axente da Policía Local que se atopaba fóra de servizo e asegurou que o edil da mesma formación Telmo Ucha "tivo que ser trasladado ao hospital" tras presuntamente ser alcanzado.

Incidente de Jácome en Ourense. DEMOCRACIA OURENSÁ
Incidente de Jácome en Ourense. DEMOCRACIA OURENSÁ | Fonte: Europa Press

Segundo concretou o policía local a Europa Press e consta nas imaxes que a formación utilizou para informar o suceso, os feitos ocorreron fronte ao Pavillón do Remedios, na rúa Pardo de Cela, lugar no que o axente tiña estacionado o vehículo.

Conforme asegurou Democracia Ourensá, que comunicou a súa versión a través das súas redes sociais, o "policía en cuestión" cometeu "unha infracción", polo que Pérez Jácome "lle pediu que esperase a que chegase unha patrulla", momento no que o policía tería tentado arrancar de novo.

Pola súa banda, o axente denunciou un caso de "acoso" e "coaccións" dos dous edís, contra os que exercerá accións penais, e acusou a ambos de impedirlle "circular co vehículo" e de increparlle, xa que lle dicían que el "era unha autoridade" e "cometía unha infracción".

"Tiña o vehículo estacionado, cando me dispuña a poñelo en marcha e a abandonar o lugar, diríxense cara a min, póñense diante do vehículo e incrépanme, insultan, coaccionan e impídenme circular co vehículo, teño que facer manobras para esquivalos e sitúanse diante e á beira", apuntou o afectado.

Así mesmo, concretou que, primeiro, se puxo diante Pérez Jácome e, "ao minuto", situouse ao seu carón Telmo Ucha. "Accedo ao carril e sitúanse diante; para evitar o atropelo, teño que parar. Chega a Policía Local e intervén. Non tentei atropelar a ninguén, é rotundamente falso", sinalou.

Mentres, a Policía Local comunicou que "está a investigar as causas deste suceso", que sitúa ás 10,17 horas, momento no que "efectivos da Policía Local de Ourense foron requiridos.

Así mesmo, sinalou que ambas as partes presentan "denuncias cruzadas por presunto acoso, ameazas e intento de atropelo" e que un dos concelleiros, de 38 anos de idade, "dirixiuse polos seus medios a un centro sanitario manifestando" que o axente fóra de servizo "pasáralle co vehículo particular por enriba do pé".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta