Startups, pequenas solucións para un mundo global

O concepto de startup fai referencia ás empresas emerxentes de capital-risco e que apostan sobre todo polas novas tecnoloxías. Son respostas a demandas concretas nacidas no seo da actual sociedade en rede.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A sociedade actual reclama ideas innovadoras tanto para solucións contemporáneas como anticipadas a futuras necesidades. É por iso que o fomento e apoio ao nacemento de novas empresas ligadas ás novas tecnoloxías sexa un obxectivo prioritario no desenvolvemento económico para moitas sociedades. Mais os sistemas burocráticos e tamén a cultura empresarial en determinados lugares, non son tan favorables a estas iniciativas como se desexaría.

Investigación en nanotecnoloxía
Investigación en nanotecnoloxía

As novas xeracións nacidas ao abeiro das novas tecnoloxías son as que máis apostan pola creación de iniciativas ligadas a elas. A persistencia, teimosía e a ilusión son ás veces os motores cos que contan estas persoas con novas ideas. Así nacen empresas emerxentes ou startups que nun primeiro momento fan fronte á incerteza e de resultaren, poden ser o xermolo dun novo ecosistema económico e social que cambie por completo o modelo produtivo dunha sociedade enteira.

STARTUP, E ISO QUE É?

As startups, ou empresas emerxentes, son empresas que entran nun terreo do mercado que non foi nin explorado, pero que buscarían dar solucións a cuestións latentes ou de nova aparición.  O concepto naceu logo da aparición das denominadas empresas.com. Unha das características destas iniciativas é que nacen cun grao de incerteza moi alto, cousa que as inclúe dentro do sector “capital-risco”. Por que? Pola simple razón de que o  produto, aínda que é unha novidade, pode non ser atractivo nun primeiro momento ou ser rexeitado polos potenciais consumidores do mesmo.

Un campo onde as startups teñen “marcado” o territorio é a creación das “app”. Solucións simples para unha sociedade cada vez máis conectada á rede e con necesidades que precisan de respostas rápidas, as cuestións latentes que apuntabamos. Tamén hai empresas que se adican a terreos máis convencionais como a mensaxería e que con sistemas e algoritmos novos, poden dar máis celeridade ao envío de paquetes ou correo postal. O mundo das TIC é o que máis “produtos startup” consume.

Cremos que para que haxa un ecosistema emprendedor, é necesario unha certa densidade de empresas, agora en Galicia comeza a haber un sistema relevante e unhas van tirando das outras” di Dani Cerqueiro, responsable de comunicación de Exendra e tamén do equipo de Start Up Galicia. Coa aparición de coñecemento e con el das primeiras iniciativas con certo éxito é máis doado que apareza tamén o apoio a este tipo de inciativas. “Hoxe por hoxe en Galicia é máis fácil abrir unha startup que hai cinco anos, pero tamén hai unha cuestión de cultura, porque no fondo, toda España, o emprendemento é mirado como tirarse ao baleiro e os teus pais dirán se non sería mellor ser funcionario” di Cerqueiro.

Outra dificultade para superar é a escaseza de persoal tecnolóxico, non só en Galicia, senón en xeral. Isto estaría freando o desenvolvemento destas empresas debido a que, de súpeto, non hai só un sector tecnolóxico senón que todos os sectores dependen da tecnoloxía.

COMO NACE?

Cun paso tan simple como complicado. Unha idea. O estudo dun determinado segmento de mercado ou dunha determinada área empresarial, pode estar pedindo a resolución dun problema que aínda non ten solución. A cuestión é estudala, crear a ferramenta para a solución e logo comercializala. Un exemplo é a empresa Send2me, especializada en envíos personalizados. “Nós desenvolveramos un proxecto moi semellante ao que é agora Send2me na escola de negocios que agora é o IESIDE, así un dos compañeiros dixo de presentarnos na aceleradora de Nigrán, pasamos as dez semana de preselección e presentamos un MVP, que era un buzón con forma de iphone” conta Antonio Fraga. “Partimos da base das dificultades da paquetería tradicional para entregar os envíos, tamén que España é o décimo quinto país en volume en e-commerce, pero moitas veces poñemos como primeiro lugar de destino a nosa casa e normalmente non estamos, por iso creamos este sistema de paquetería e entrega, para non ter que preocuparnos da entrega”.  Sobre se a iniciativa tivo uns incios fáciles, Antonio Fraga di que “no noso caso caemos na conta da necesidade de saber vender, hai moita competencia e moi boas ideas que finalmente non callan por non ter unha boa estrateixa para vender, pero tamén tes que ir evolucionando en paralelo á evolución do mercado”.

Outro caso é Degaltec, especializada na creación de software e hardware para PEMEs. “Desenvolvemos sobre todo aplicacións móbiles, RTs para xestión de comerciais, citas ou pacientes e agora estamos cunha aplicación móbil para a dixitalización da administración dunha empresa que lle aforrou 80% de tempo, en hardware traballamos o que control remoto, monitorización e o que é a industria 4.0” di Javier Trillo. Degaltec ten dous anos de vida e son dous socios que estudaron xuntos e traballaron  por conta allea sen deixar de pensar en emprender. “Comezamos por desenvolver un sistema para lavanderías autoservizo, era un software para control remoto, vimos que había unha necesidade de desenvolver este tipo de servizo e vimos que tamén había mercado”.

A especialidade de Exendra é ter solucións para factura dixital, xestión de sinatura electrónica, cobros periódicos. “Creo que somos a única empresa en España que leva toda a xestión electrónica nas tres fases, contratos, sinatura de contratos, pedido, albarán, factura e cobro” di Dani Cerqueiro. “A idea sae de dous socios que traballaban xuntos e viron que faltaban solucións para emitir facturas electrónicas de maneira fácil”. Os comezos foron de aposta pola súa idea, crer que era unha  iniciativa necesaria e poder ofrecerlla a moitos clientes. Foi en 2012 “cando se creou o produto no que se centra agora a empresa, pois antes era unha empresa de servizos”.

PUNTOS COMÚNS

A maioría destas empresas están especializadas nun produto “vertical”. O mundo das novas tecnoloxías empurrou a iniciativas concretas para solucións moi concretas. Pode ser arriscado? Si, pero se o produto ou servizo responde a unha demanda específica é posible que o mercado estea en exclusiva para unha empresa durante un tempo.

Outra cuestión é que as iniciativas que consultou Galicia Confidencial saíron da vontade de persoas que coñecían perfectamente o mundo laboral onde estaban. Coñecían as fortalezas e debilidades do sector e así foron ideando as diferentes aplicacións e solucións. A maioría das veces isto foi froito de sacrificar tempo libre e mesmo os aforros propios e logo a incerteza, claro está, de deixar un posto de traballo para converterse en empresario ou “ser o teu propio xefe”.

Realmente a cultura “startup” en Galicia é moi recente, mesmo algunha das empresas consultadas para esta reportaxe non coñecían o concepto cando comezaran a súa vida comercial. Non obstante, desde hai tamén relativamente pouco tempo, existen “aceleradoras” de empresas que permiten a aparición e desenvolvemento deste tipo de inciativas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta