Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/10/2011 | Actualizada ás 17:11
O anuncio prodúcese logo de coñecerse as millonarias retribucións que obtiveron os dirixentes de Caixanova e Caixagalicia para retirarse logo da fusión e a constitución de NCG.
Os dous copresidentes consideran que a súa achega persoal ao proxecto do banco, como conselleiros dominicais, pode ser substituída pola doutros representantes que a caixa decida para esta nova etapa que agora comeza.
Traballo feito
Ambos os dous dirixentes coinciden que o seu traballo xa está feito logo da valoración de Novagalicia Banco, incorporado o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) no seu capital social e no seu consello de administración, realizada a segregación de activos e pasivos da caixa ao banco e definidos os "axustes necesarios".
NCG informou que Julio Fernández Gayoso e Mauro Varela expuxeron ao consello o seu agradecemento por a confianza depositada neles polos órganos de goberno da caixa para levar a cabo o nacemento de Novagalicia Banco, "desexando os maiores acertos e éxitos ao presidente, consello de administración e dirección no maior interese social e económico de Galicia, das familias e empresas galegas".
A renuncia aos seus cargos de conselleiros farase efectiva no consello do banco cando tomen posesión os novos representantes designados pola caixa ao efecto. Ambos os copresidentes porán a disposición do presidente de Novagalicia Banco os seus cargos nas sociedades mercantís que sexan titularidade directa ou indirecta do grupo do banco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.