Por Xurxo Salgado | Santiago | 03/11/2011 | Actualizada ás 13:26
Non choveron papeis ou outros artefactos pero case. A sesión de control ao goberno rematou nun ‘pin, pan pun’ entre Alberto Núñez Feijóo, Pachi Vázquez e Carlos Aymerich. Os líderes da oposición situaron na diana política ao Goberno do PP pola implicación de ex deputados e altos cargos en distintas operacións xudicias e o presidente respondeu lembrando a implicación de Fernando Blanco, José Blanco e ex altos cargos de Vázquez cando este era conselleiro de Medio Ambiente.
A sesión comezou cun Aymerich incisivo; “este goberno é o dos veículos de alta cilindrada e o dos deputados que actúan de comisionistas políticos” e un Feijóo ao ataque; "quen dimitiu por estes casos foi un ex conselleiro seu que o fixo logo de que dimitira un deputado popular. Hai acusacións gravísimas de comisión a través das súas adxudicacións. Así que leccións de ética, ninguna”.
No seguinte turno de intervención, Aymerich lembrou que quen quería cobrar dous millóns polas súas xestións era Javier Escribano, parlamentario demitido do PP. “E Negreira, en vez de ir a á Xustiza vai e lle avisa de que está sendo investigado. Vostede tamén se enterou o xoves, como el?. Que implicación ten o conselleiro de industria?”.
Berros
“Pero a que conselleiro de Industria se refire, ao seu colega que tivo que dimitir. Tiña que vostede pedir desculpas polo que pasou na súa consellería en vez de vir a dar leccións de ética”, respondeulle Feijóo. Así, lembrou que a Fermín Duarte, o empresario acusado de presunta corrupción, non só se lle pecharon as portas, “senón que foi sancionado”. Por iso, aclarou que non houbo trato de favor, “nin no caso Arena, nin no caso Nupel” e insistiu en que o seu goberno, “asume” os seus erros. “No meu goberno non hai ningún implicado. No seu si”, insistiu.
Unhas acusacións que provocaron a reacción inmediata de varios deputados, especialmente, de Bieito Lobeira que a berros acusou a Feijóo de ser un “falso” e un “títere” e de non ter escrúpulos. Foi o momento máis tenso do pleno. Varios deputados populares comezaron pedironlle explicacións a Lobeira e mesmo lle dirixiron palabras malasonantes. Interviron tamén deputados socialistas insistindo que os imputados están na Xunta do PP.
A presidenta tivo que intervir tras chamar a orde ata en tres ocasións ao deputado nacionalista. “A min pareceme inaudito o que está acontecendo aquí e pido tranquilidade, cortesía e educación”. Pouco despois, Aymerich pedía a palabra para rebatir a Feijóo por “unha cuestión de orde”. Pilar Rojo non lle deu a palabra pero o voceiro nacionalista falou igual para suliñar que o conselleiro Hernández está pendente de xuízo. E, novamente, berros cruzados entre os deputados e a presidenta pedindo calma.
A “verdade”
Foi logo o turno de Vázquez que comezou a súa intervención lembrandolle a Feijóo que a “primeira obriga dun presidente é dicir a verdade” e que, neste goberno, hai trece altos cargos imputados en casos xudiciais. “No meu goberno teño a dez membros. É imposible que haxa 13 imputados”, chanceou o líder do PP. “Acabo de enterarme de que o director xeral do Igape non é membro do goberno. Vostede renega de calquera cousa e mesmo de Fraga logo de ter aprobado como vicepresidente a Cidade da Cultura”, espetoulle o secretario xeral do PSdeG.
E chegou o turno final de Feijóo. “Se quere falar de imputados, olle para o seu equipo xa que vostede nomeu, sendo conselleiro, a altos cargos que están imputados. E eu teño o maior respecto por Fraga, non coma vostede que lle deu as costas a Touriño ás 24 horas da súa derrota electoral… Eu non comparto a política de gasolinera, nin como lugar de reunión, nin para botar gasolina á política”, concluíu en alusión á xuntanza que José Blanco mantivo co empresario imputado na Operación Campeón, Jorge Dorribo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.