Cultura quere que se poñan cámaras na contorna da Catedral para evitar o vandalismo

O conselleiro Román Rodríguez mostra o seu "profundo rexeitamento" ás pintadas e lembra que os seus autores se enfrontan a multas de 6.000 a 150.000 euros. O alcalde de Santiago condena as pintadas e afea ao conselleiro "instrumentalizar" o feito.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, demandou ao Consistorio de Santiago a instalación de cámaras de videovigilancia nos arredores da Catedral "para que estea protexida fronte a diversos actos vandálicos". "Se o Concello, polo motivo que sexa, non o asume ou entende que non é necesario, asumirémolo na Xunta", garantiu.

En declaracións aos medios tras visitar as pintadas coas que amenceu a Catedral de Santiago este martes, o conselleiro mostrou o "máis profundo rexeitamento" do Goberno galego a este "acto vandálico" e incidiu na "necesidade de manter os espazos patrimoniais".

Así, Román Rodríguez reiterou a demanda de cámaras de seguridade ao goberno local despois de que xa o fixese o pasado mes de setembro, cando apareceron outras pintadas na fachada do inmoble cara a Praterías. "Contactarei co Concello e exporei a necesidade inmediata de pór en marcha un sistema de vixilancia por televisión para que este tipo de atentados non se repitan", adiantou.

"No caso de que o Concello, polo motivo que sexa, non pode ou desexe facelo, a partir de aí tomaremos a iniciativa e falaremos coa Delegación do Goberno para que este ben cultural do patrimonio non esteamos cada certo tempo con actos vandálicos que enturban a imaxe de Galicia", engadiu.

Preguntado sobre se existe algunha imaxe ou algún dato que poida esclarecer o sucedido, o conselleiro de Cultura e Turismo respondeu que iso "o ten que dar a Policía Local", á vez que indicou que serán os corpos de seguridade os que "tomen as medidas pertinentes" para "coller aos infractores".

MULTA ENTRE 6.000 E 150.000 EUROS

E é que, tal e como explicou, os culpables das pintadas poderíanse enfrontar a unha multa de entre 6.000 e 150.000 euros por unha infracción "grave" da lei de patrimonio. Ademais, admitiu "non saber" a contía á que ascenderán os traballos de limpeza, o que --remarcou-- é competencia da Fundación Catedral.

Neste sentido, Rodríguez asegurou que xa falou co director da Fundación, Daniel Lorenzo, quen lle comentou que "de modo inmediato" procederán á limpeza dos actos vandálicos, para o que "haberá que facer un estudo técnico".

Así mesmo, o conselleiro abundou que a dificultade destes traballos van "en función da zona", xa que --afirmou-- a pintada na fachada que dá cara á Praza do Obradoiro é "relativamente complexa", mentres que "a máis complexa" é a situada no túnel do arco do Pazo de Xelmírez, "sobre todo pola situación da pedra".

GALICIA, UN POBO "QUE RESPECTA O PATRIMONIO"

Así as cousas, o responsable autonómico de Cultura e Turismo lembrou que a Catedral de Santiago "é o punto de destino de millóns de persoas" de "centos de países" a través do Camiño, polo que apelou a "evitar que este tipo de accións ce convertan en norma".

"Estaremos a dar unha imaxe que non é, nin moito menos, a imaxe que ten Galicia, que é a dun pobo acolledor e que respecta o patrimonio", sentenciou Rodríguez.

Pintadas na Catedral
Pintadas na Catedral | Fonte: EFE

CONDENA DO ALCALDE

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, criticou con "contundencia" e mostrou a súa "condena" polas pintadas, e acusou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, de "instrumentalizar" este feito vandálico.

O rexedor da capital galega explicou que, "desde primeira hora", se puxeron a disposición da Catedral e que mantivo contactos co responsable do Museo, Daniel Lorenzo.

Noriega afirmou que "calquera reivindicación, sexa xusta ou inxusta, ten que respectar o patrimonio de todos", e lembrou que "Santiago é o que é porque se configurou en torno ao respecto ao patrimonio".

Así, avogou por ser "contundentes" e "condenar esas pintadas". O alcalde explicou que "a vixilancia no Centro histórico é máis elevada que no resto da cidade", pero puntualizou que "non hai recursos para pór un policía detrás de cada veciño". "Nin esa é a fórmula", agregou.

Martiño Noriega insistiu en que "todos" teñen a "corresponsabilidade de mandar unha mensaxe de concienciación e de respecto a patrimonio da humanidade". "Cando se atenta contra o patrimonio aténtase contra a cidade, non todo vale", engadiu, antes de alertar de que "se está traspasando unha liña vermella", tendo en conta que é a segunda vez en nove meses que aparecen pintadas na Catedral.

O rexedor afirmou que existe o "risco" de que as pintadas se vinculen ao 8M con fins políticos e asegurou que "este tipo de accións poden ser instrumentalizadas e fan fraco favor a un movemento que está a ser exemplar".

POLÉMICA COA CONSELLERÍA

Preguntado polas declaracións que, practicamente de forma simultánea realizaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nas que demandaba ao Concello de Santiago que instalase cámaras de seguridade para incrementar a vixilancia, Noriega negouse a "entrar en dinámicas desleais institucionalmente".

Así, o alcalde afirmou que nin el nin a Catedral recibiron comunicación por parte do departamento de Cultura sobre a visita do seu titular, o que causou "malestar" tanto no equipo de Goberno, como no cabido catedralicio, segundo o propio rexedor.

A continuación afirmou que non vai aproveitar "determinadas actuacións lamentables co Patrimonio Histórico para facer política". "Outros parece que si. Terá que dar explicacións de por que vén e non chama, por que fai peticións en público e non en privado. Busca unha intencionalidade", censurou Noriega.

A pesar de todo, o rexedor asegurou que está "disposto a falar con todos", pero "non coas cartas marcadas nin con polémicas creadas". No canto de "buscar responsabilidades", Noriega apostou por "mandar unha mensaxe contundente e actuar cívicamente".

"Hai quen busca un discurso intencionado e unha foto. Se Román quere falar, falamos, pero que non instrumentalice as cuestións. Con este tipo de actuacións, case que non me diga nada, que xa mo dixestes vós --en referencia aos medios--, porque os diálogos se establecen a priori, non a posteriori", proseguiu Martiño Noriega.

En última instancia, lembrou que el é o alcalde da cidade e que "sempre" actúa con "lealdade". "O espazo público non é da Xunta, é do Concello de Santiago. Se queren regular este espazo público que se presenten e que gañen, e que non perdan como fixeron case sempre neste Concello", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Roi Xordo

A ideoloxía progre son os novos "principios fundamentales del Movimiento". Nun estado onte ata el-Rei é progre, non cabe maior exercicio de submisión e caciquismo que facer xuramento de lealdade a esta ideoloxía.

1 Roi Xordo

Feminazis atacando os símbolos históricos da Galiza con pintadas noxentas escritas en castellano. E o "nacionalismo" galego a velas vir, abrazando a ideoloxía progre (made in USA) como se fose unha "unidad de destino en lo universal".