Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 23/11/2011 | Actualizada ás 19:46
Os delegados de persoal das catro delegacións da CRTVG convocan unha concentración de protesta en Pontevedra para o sábado 26 ás 12:30 da mañá na Praza da Ferrería. Con este acto de protesta queren manifestar o rexeitamento as accións emprendidas pola dirección da CRTVG o 30 de novembro de 2010 cando, por sorpresa, se levou a cabo o peche das Delegacións de Pontevedra, Ferrol, Burela, Bruxelas e Porto e foron despedidos 48 traballadores.
Na actualidade, a falta de que saian máis sentenzas, trece deses empregados tiveron que ser readmitidos pola CRTVG. Malia todo, a empresa non ten previsto reabrir as Delegacións pechadas. Por este motivo, traballadores das catro Delegacións que ten a CRTVG queren invitar a toda a cidadanía de Pontevedra e das comarcas do Morrazo, Caldas e O Salnés, a toda a comarca de Ferrolterra e a Mariña lucense a concentrarse para reclamar a recuperación dos centros pechados hai un ano.
Readmisión de traballadores
"Dentro da suma de despropósitos por parte da dirección da CRTVG, abriu expediente á Delegada de Pontevedra e aos Delegados de Vigo e Lugo por defender e testificar nos xuízos a favor de compañeiros despedidos inxustamente e que agora tiveron que ser readmitidos pola empresa tralas sentenzas xudiciais", apuntan nun comunicado. Malia todo, os principais responsables de Recursos Humanos da CRTVG aseguran repetidamente que os centros de traballo pechados non se van volver abrir.
Co peche da Delegación, Pontevedra é a única capital de provincia galega sen sede da CRTVG. No último ano, a cantidade de informacións procedentes desta área de poboación diminuíu en máis dun 80% nos espazos informativos da empresa pública. Igualmente co peche de Ferrol o apagón informativo desta área é do 90%, perdendo a comarca de ferrolterra unha hora de programación local a semana.
Por outra banda os traballadores seguen coa súa campaña para defender o carácter público de emisora, agora especialmente ameazado tras a vitoria de Rajoy, pois o PP prometeu privatizar algunha das autonómicas. Dentro desa campaña publicouse este interesante vídeo de Carlos Blanco:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.