Milagros Otero volve cambiar de estratexia para dilatar a súa dimisión enviando un novo escrito ao Parlamento

A aínda Valedora do Pobo enreda máis e a súa substitución podería atrasarse sen data posto que queda ao dispor de que os partidos da cámara galega cheguen a un acordo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/04/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, enviou un escrito ao Parlamento de Galicia no que corrixe a fórmula para a súa substitución con respecto ao documento inicialmente rexistrado este xoves, no cal pon o seu cargo a disposición da Cámara e supedita a súa renuncia a que os grupos políticos negociasen un substituto para ela e tamén para o seu adxunto. A decisión de "pór o seu cargo a disposición" da Cámara galega adoptouse despois de que o Tribunal Supremo ratificase o fallo xudicial que anulou o nomeamento do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal para María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga.

Milagros Otero, valedora do Pobo, no Parlamento debate sobre o seu cesamento. Europa Press
Milagros Otero, valedora do Pobo, no Parlamento debate sobre o seu cesamento. Europa Press

Desta forma, quedan no aire os prazos para a substitución, que de seguirse polo artigo regulamentario ao que aludiu inicialmente (5.1.5.), poderíanse liquidar nuns dous meses. Agora, aínda que a súa substitución podería ser inmediato, tamén pode atrasarse sen data, posto que queda ao albur de que os partidos da Cámara galega estean de acordo --tendo en conta que é necesaria unha maioría reforzada de tres quintos (45 deputados)--, como ela condicionou. Concretamente, Milagros Otero rexistrou un escrito no que puxo o seu cargo a disposición do Parlamento e solicitaba ao seu presidente, Miguel Santalices, que informase deles ao catro forzas políticas con representación. E dicía que, cando os partidos "acordasen unha proposta para cubrir os cargos de valedor e adxunto", procederíase de inmediato a formalizar a súa renuncia.

Ata aí mantéñense igual os dous escritos. Pero este xoves aludiu ao apartado cinco do artigo 5.1 da lei do valedor, polo que baseaba a causa para o cesamento no cargo nunha sentenza condenatoria firme por delito doloso. Agora, segundo o documento ao que tivo acceso Europa Press, apela ao apartado uno dese mesmo artigo, é dicir, a que hai que cubrir o seu posto por renuncia. Pero en rigor, e segundo as fontes xurídicas consultadas por Europa Press, a valedora unicamente púxose " a disposición" da Cámara, sen dimitir, algo que ela tamén matizou en declaracións públicas este venres. Isto significa, segundo as mesmas fontes consultadas, que Milagros Otero aínda ten que rexistrar a súa renuncia formalmente, algo que fará se hai acordo para a súa substitución.

A decisión da Valedora do Pobo, Milagros Otero, de permanecer no cargo ata que haxa un acordo entre os grupos para buscarlle un ou unha substituta semella que está funcionando. A estratexia de Milagros Otero e do PP conseguiu xa dividir á oposición. Así, mentres os socialistas avogan por negociar despois do 28 de abril, En Marea e o BNG denuncian que Otero está “usurpando” as funcións da institución.

Así, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, manifestou a intención de diálogo para a renovación do cargo. Sostivo que, dado que hai un período electoral inminente, a renovación do cargo que ocupa actualmente Milagros Otero non se producirá ata "despois das eleccións", cando entende que os grupos estarán "en situación de iniciar conversacións".

"Somos partidarios de abrir unha nova etapa no Valedor", aseverou o dirixente socialista, quen indicou que no momento no que se produza de forma efectiva a vacante (co cesamento aprobado polo pleno, previa audiencia en Comisión de Peticións, explicou), haberá unhas "semanas por diante" para "sentar a falar".

Leiceaga manifestou que "para facilitar o cambio primeiro ten que marchar", pero ela "non marcho”, elixiu "un camiño", o de activar un procedemento parlamentario para que se efectivice o seu cesamento. "Unha decisión que respectamos", agregou, aínda que apostilou que "seguramente era máis fácil por outra vía".

En 2012, o maxistrado do TSXG Benigno López --nomeado cando gobernaba o bipartito de PSdeG e BNG e co apoio do PP-- presentou a súa dimisión como valedor do Pobo obrigado pola presión e críticas da oposición tras as súas declaracións nas que suxería "suspender" a aplicación da Lei de Dependencia, en plena crise económica. Pero naquela ocasión, foi substituído en funcións por José Xullo Fernández (proposto no seu día polos populares), quen quedou no cargo de forma interina ata 2015, máis de tres anos.

EN MAREA E O BNG

Pola súa banda, o portavoz de En Marea no Parlamento galego, Luís Villares, e a do BNG, Ana Ponon, acusaron a Milagros Otero, de "usurpar unha institución" tras anunciar a súa dimisión condicionada a que os grupos parlamentarios teñan substituto do seu cargo e do seu adxunto.

"A valedora do Pobo, desde o momento en que unha sentenza a declara culpable de abuso de poder e de desprezar os principios de igualdade, mérito e capacidade, tiña que renunciar", expuxo Villares, a preguntas dos xornalistas, tras unha reunión con traballadores da planta de Alcoa na Coruña.

Sobre a postura da valedora, manifestou que "chega tarde" porque, na súa opinión, tiña que dimitir "fai dez meses" cando se coñeceu o fallo do TSXG. "E obra mal porque tiña que presentar a súa renuncia incondicional". Por outra banda, subliñou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que "obraría en consecuencia" cando a sentenza fose firme. "Que obre en consecuencia", reclamoulle o dirixente de En Marea, que censurou que o titular do Executivo galego "ampare un caso de enchufismo, un abuso de poder".

Tamén o BNG considera inaceptable que a valedora do pobo  continúe no seu cargo e avanza que presentará un escrito para reclamar que o vindeiro pleno debata e vote o cese inmediato de Milagros Otero.

“Está absolutamente descualificada, pero a sensación é que estamos ante un novo pacto bipartidista PP-PSOE para dilatar unha situación que degrada á institución, polo que o BNG eixe a dimisión de maneira inmediata”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, en resposta ás preguntas dos medios nun acto sobre seguridade vial en Pontevedra.

“Non nos vale esta dimisión en diferido onde unha persoa condenada por enchufismo na Valeduría do Pobo pretende seguir tan ricamente como se non pasara nada. A sensación que ten o BNG é que isto se produce por un pacto entre PP e PSOE”, destacou.

PP

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considera "loable" e "responsable" a decisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, de vincular a súa renuncia a que o Parlamento galego escolla outro valedor.

No entanto, en declaracións aos medios, apuntou que este fallo do alto tribunal galego "en realidade afecta ao vicevaledor", Pablo Cameselle --cuxa elección foi impulsada no seu momento polo Partido Socialista--, xa que o expediente administrativo obxecto da sentenza "foi instruído" por el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 o troleante nacioal

O importante e cobrar o mes de abril... seres meus...

3 Carmen Lastra

Resiste Milagros, Valedora do PP!!! Resiste, como aguantou Cifuentes, como resiste Paula Quinteiro, como Dolores Delgado, Zoido, Catalá, Dastis, Fernández e Soria. A resistencia a deixar o poder, iso é un mérito da casta política!!!

2 Remulo

Chamándose Puy Fraga a enchufada, que esperaban?

1 anonimo

Moito lle debes ó PP, Milagros, que aparte de levar unha "labazada" do TSXG, estas disposta a que cho recorden tódolos días!