A autopsia non permite identificar o corpo achado sen vida en Ferrol, á espera dos resultados periciais

Os restos mortais quedan en custodia xudicial no tanatorio do Hospital Juan Cardona ata ter os resultados periciais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2019 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A autopsia practicada na tarde deste domingo, 7 de abril, no Hospital Naval de Ferrol ao corpo localizado nesta mesma xornada na praia de Doniños non permitiu identificar a identidade desta persoa.

Por iso, a autoridade xudicial decidiu que estes restos mortais queden en custodia no tanatorio do Hospital Juan Cardona, en Caranza, ata recibir os resultados periciais e que permitirán identificar de quen se trata.

Nun primeiro momento barallouse a hipótese de que podía tratarse dunha muller de 60 anos que levaba desaparecida varias semanas, xa que na zona foron localizadas algunhas das súas pertenzas persoais, pero, tras a realización da autopsia, este suposto non puido ser confirmado.

O corpo foi localizado no mediodía deste domingo nunha cala na praia de Doniños, tras ser avistado por un bombeiro fóra de servizo nunha zona rochosa que se sitúa ao final do areal, na zona de Penencia. Tras ver o corpo, informou os compañeiros e ao 112 Galicia para proceder ao rescate, xa que o cadáver atopábase nunha zona de difícil acceso.

DISPOSITIVO

Pasadas as 12,30 horas do domingo o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia recibiu a chamada e avisou a Salvamento Marítimo e á Policía Local e Nacional, para identificar á persoa falecida e tratar de aclarar as circunstancias do suceso. Tamén foron informados profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O corpo, segundo precisaron fontes da Policía Local e Bombeiros a Europa Press, foi arrastrado polo mar cara á zona de rocas e fíxose visible coa baixamar.

Costa en Doniños
Costa en Doniños | Fonte: Sandra Salerno Mahugo Pixabay

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta