Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 23/05/2019 | Actualizada ás 18:10
Un informe elaborado pola Deputación da Coruña conclúe, entre outras cuestións, que os concellos teñen unha escasa planificación das políticas de igualdade e insuficientes recursos económicos e humanos nesta materia. Así, só un de cada dez conta con persoal especializado. Ademais, só nove concellos sen Centro de Información á Muller contan con atención psicolóxica e só tres con asesoría xurídica.
Entre as conclusións deste informe, está tamén que as mulleres dedican 45 minutos máis ao día que os homes a tarefas domésticas fronte a unha menor participación das mulleres na esfera produtiva.
'COMPARTIMOS PLAN'
A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, presentou este xoves, na sede do organismo provincial, o informe final do programa 'Compartimos plan', que fai unha diagnóstico ao redor das políticas de igualdade nos concellos. Del, dixo que marca o camiño que se pechará "coa aplicación do Plan de Igualdade", do que se mostrou convencida que contará coa aprobación, por unanimidade, da corporación provincial.
Tras ano e medio de traballo e coa participación de máis de 2.000 persoas, 'Compartimos Plan' ofrece unha diagnose para a detección de necesidades, unha guía de recursos existentes nesta materia nos concellos, outra de boas prácticas e tamén un plan de acción pola igualdade de xénero.
No informe, sinálase que a precariedade laboral é maior nas mulleres que, por outra banda, teñen menos benestar material, físico e emocional que os homes. A menor percepción das desigualdades dáse tamén entre os grupos con maiores desigualdades, sendo máis pequena entre a poboación maior de 65 anos residente en concellos de menos de 5.000 habitantes e entre a poboación sen estudos superiores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.