O BNG cre que En Común Unidas Podemos non defende os intereses de Galicia

O BNG lamenta que o PSdeG teña contactos co PP en Fene e Barreiros "que non respectan o mandato cidadán"Cualifica de "cambio de cromos" a proposición do PP ao PSOE de deixar que goberne no concello de Ourense a cambio da deputación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou este domingo a súa preocupación polo trato que terá Galicia por parte do futuro Goberno do estado. Neste sentido, puxo en dúbida que formacións como Galicia-En Común defendan os intereses dos galegos.

"Eu non teño que fiarme nin desconfiar de ninguén. Eu o que vexo son os feitos. E os feitos son que as persoas que están nese mesmo proxecto fai nada, hai un ano, pactaron os peores investimentos de Galicia en vinte anos e por tanto creo que iso é o aval de presentación da esquerda española tanto nunha versión como noutra e desde logo nós imos ser críticos e igual de esixentes co PSOE e Podemos que o fomos co PP", sentenciou Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG

CRÍTICAS AO PSdeG

Por outra banda, lamentou que o Partido Socialista estea "a manter contactos" co Partido Popular en concellos como Fene (A Coruña) ou Barreiros (Lugo) que "non respectan o mandato cidadán". Por este motivo, apelou á responsabilidade tanto das direccións locais como galegas do PSdeG para que a dereita non consiga bastóns de mando en lugares onde haxa "alternativas progresistas".

"As organizacións políticas a nivel local deben de ter responsabilidade e a obrigación da dirección galega do PSOE é evitar que esa situación se poida consolidar", reiterou a líder nacionalista nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press.

Pero unha situación similar acontece en Catoira (Pontevedra), pero á inversa. Aquí o BNG tamén mantén conversas cos nacionalistas para evitar que goberne o PSOE. Neste sentido, Ana Pontón acusou aos populares de "tentar un enredo de dar alcaldías cando non teñen maioría suficiente para sostela".

Unha manobra que, segundo Pontón, o PP está a facer "en varios sitios", polo que puxo de exemplo A Fonsagrada (Lugo). A portavoz da formación rupturista sinalou que o PP está "moi nervioso", xa que "acaba de levar un importante trompazo electoral" polo que "están a facer cousas que non son presentables politicamente".

"CAMBIO DE CROMOS"

Pontón cualificou de "cambio de cromos" a proposta lanzada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao PSOE de que deixen gobernar ao PP na Deputación de Ourense a cambio de que os socialistas gobernen en minoría na capital ourensá. Unha proposta que a nacionalista censurou ao entender que "Ourense se merece máis respecto".

Ana Pontón considerou que a perda da maioría absoluta do PP na entidade provincial "significa a posibilidade de pór fin a 30 anos de Baltarismo e caciquismo", por iso opinou que "debería haber responsabilidades nas forzas políticas á hora de abrir unha nova etapa".

Sobre a actitude de Cs nesta negociación, Pontón desconfiou da organización laranxa ao entender que o seu papel é "ser a marca branca do PP", polo que expresou as súas "dúbidas" do "afán rexenerador" do partido dirixido por Albert Rivera. En canto ao futuro das deputacións, Pontón pediu "cautela" e sinalou que hai que esperar á constitución dos concellos. Para ela, o escenario está aberto pero indicou que o BNG "actuará con responsabilidade".

INVESTIGADOS

Fronte á postura da formación nacionalista fai catro anos, cando vetaba candidatos inmersos en investigacións xudiciais, a portavoz do Bloque recoñeceu que na actualidade "analizarán cada caso". Lembrou que "estes anos deixaron á vista casos inxustos", como, por exemplo, o caso do que foi conselleiro do bipartito Fernando Branco, polo que apostou por "analizar caso a caso e ver cal é a situación".

Así, sinalou que "non van condenar antes de tempo a ningunha persoa". Unha postura que "non é incompatible" cun principio básico de respecto "escrupuloso" pola legalidade das persoas que están en política.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eusi

Deféndeos o Bnjajaja pactando e celebrando as vitorias do PPsoe...extinguídevos, comañóns!

1 Milllodouro

PSOE, PP, etc a mesma "X" é. O Tone e a Yoli xa lle puxeron nome novo á súa nova tomadura de pelo a Galiza (cambiarano 3 ou 4 veces antes de rematar a lexislatura). O BNG que poña Galiza enriba da mesa e que o resto de forzas madrileñas pidan. Contra o vicio de pedir... Seriedade, patriotismo e traballo teñen que seguir a ser as marcas do BNG.