Abre o prazo para presentar propostas de obra para a adecuación de San Domingos de Bonaval

O Consorcio de Santiago sacou a concurso a obra de adecuación da á sur de San Domingos de Bonaval para que sexa utilizada por parte do Museo do Pobo Galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O Consorcio de Santiago sacou a concurso a obra de adecuación da á sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para o seu uso por parte do Museo do Pobo Galego, por un valor global de 2.974.129,31 euros. O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas propostas durará ata o vindeiro luns 1 de xullo.

Nun comunicado, os arquitectos do Consorcio Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida explicaron que a obra consistirá en adecuar a zona para "acoller novos espazos expositivos, oficinas e outros usos do Museo do Pobo Galego".

Ademais, a superficie útil que resultará, duns 1.600 metros cadrados, poderase utilizar "de forma independente ao resto do museo, mantendo os seus accesos propios". A intervención prolongarase ata finais de 2020 e inaugurarase o próximo Ano Santo 2021.

Así mesmo, unha das propostas máis relevantes do proxecto é a creación dun "núcleo vertical que sexa útil para o edificio principal e que sirva de ligazón con el". "O núcleo, que dará accesibilidade a todas as plantas do edificio, estará integrado por un ascensor de alta capacidade que permitirá mellorar a accesibilidade a todas as plantas do edificio", engadiu o Consorcio.

MELLORAS

A actuación inclúe a intervención nas fachadas desta á sur do edificio, que, segundo o establecido no Plan Director, vanse rehabilitar. Tamén se pretende mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se someterán a unha renovación completa.

Do mesmo xeito, preténdese "facer todas as obras necesarias para adaptar o inmoble aos usos que vai ter, deixando, na medida do posible, trazas dos que tivo desde a súa construción na década de 1650, previa á do corpo principal do mosteiro".

Igrexa de Bonaval, en Compostela
Igrexa de Bonaval, en Compostela | Fonte: turgalicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta