Temas: FUNCIONARIO

Un funcionario da Subdelegación do Goberno de Pontevedra defende a súa inocencia e nega suborno

O tribunal de xurado da Sección Segunda da Audiencia Provincial empezará a deliberar este martes sobre a acusación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2019 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O tribunal de xurado da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra empezará a deliberar este martes sobre a acusación de suborno que este luns sentou no banco a Francisco Javier M.B., funcionario da Subdelegación do Goberno en Pontevedra desde o ano 1998. A Fiscalía acúsao de pedir "agasallos" a cambio de tramitar permisos de residencia, pero el defende a súa inocencia e asegurou: "Non pedín nin recibín nada nunca".

Xulgados.
Xulgados.

O fiscal do caso, Augusto Santaló, solicitou unha condena de catro anos de prisión e oito de inhabilitación especial para emprego ou cargo público como autor dun delito continuado de suborno

O representante Ministerio Público sostén que Francisco Javier M.B. reclamou un "regaliño" a polo menos catro persoas que acudiron á Subdelegación para solicitar autorización de residencia en España. Aínda que tan só dous delas lle pagaron --50 e 150 euros, respectivamente--, cre que o delito o cometeu igualmente polo mero feito de pedilo.

O acusado explicou que no seu traballo non ten ningún poder de decisión e o seu labor consistía en recoller a documentación presentada e introducila no sistema e dar información ao público, recoñecendo que, en ton desenfadado, pode dicir "de broma" a algún cidadán que había que facer "un regaliño á administración", en referencia ao pago das taxas.

Con todo, dúas testemuñas declararon ante o tribunal que o acusado lles dixo que "ía necesitar a súa axuda e que lle dese un regaliño", especificando que era diñeiro. Outra muller indicou que non chegou a pagarlle nada, pero que el si lle pediu. A terceira suposta vítima indicou que o acusado lle dixo que lle tiña que dar "certa cantidade de diñeiro", entregándolle na propia Subdelegación 100 euros nun sobre branco e outro día quedou con el fóra, tras contactar por mensaxe telefónica, e entregoulle outros 50.

ÉTICA

Varios compañeiros de traballo do acusado afirmaron que Francisco Javier M.B. adoitaba estar na mesma sala con máis funcionarios e nunca notaron entregas de diñeiro.

O fiscal mantén que o que se xulga "non son 50 nin 150 euros, é a ética" e que os funcionarios non poden pedir nin recibir diñeiro. Mentres, o avogado da defensa sostén que "non hai proba nin dato obxectivo" que permita asegurar que pedise nin recibise diñeiro. Por iso, solicita que o xurado o declare non culpable e sexa absolto.

Temas: FUNCIONARIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta