Goretti Sanmartín empraza ao alcalde de Santiago a priorizar o concurso de comedores escolares

Sánchez Bugallo, pola súa banda, afirmou que o concurso non pode convocarse porque, "ao contrario do que se lles dixo", o prego "non está", polo que, probablemente, será necesario "prorrogar" o actual contrato durante o primeiro trimestre para "manter o servizo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, emprazou ao novo alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo (PSOE), a dar prioridade a buscar unha solución para sacar a concurso o servizo de comedores escolares co fin de mellorar o seu funcionamento.

Respecto diso, sinala que debe incluír cociña de proximidade, con produtos locais de tempada e cun programa piloto con cociña nun centro educativo, para o que é necesario que se licite por lotes para favorecer que se poida facer cargo unha empresa da comarca no canto dunha multinacional, como aconteceu cos centros socioculturais, segundo apunta.

Nesta liña indica que "as familias non teñen culpa do proceso electoral nin das leas de entre o goberno entrante e saínte". Lembra que o pasado 15 de abril urxiu a publicar a contratación dos comedores para o próximo curso escolar.

"Preocúpanos que o PSOE non o asuma como unha prioridade e pareza querer partir de cero e non do traballo con toda a experiencia e coñecemento da ANPA, cuxas reivindicacións asumimos por completo", remarca Goretti Sanmartín.

Neste sentido, lembra que este servizo de comedores debe ser competencia da Xunta, pero mentres sexa xestionado polo Concello de forma transitoria debe facelo acorde ás demandas da comunidade educativa.

POLÉMICA ENTRE CA E PSOE

Sánchez Bugallo afirmou o luns que o concurso non pode convocarse porque, "ao contrario do que se lles dixo", o prego "non está", polo que, probablemente, será necesario "prorrogar" o actual contrato durante o primeiro trimestre para "manter o servizo".

En resposta o pasado martes, o exalcalde de Santiago e portavoz de Compostela Aberta (CA), Martiño Noriega, asegurou que a súa formación trasladou os documentos relativos ao contrato de comedores escolares para o próximo curso ao actual goberno socialista.

O que fose concelleiro de Educación co goberno de Compostela Aberta, Manuel Deus, colgou unha mensaxe nas súas redes sociais a través do que subliña que a nova edil da área, Noa Díaz, "coñece os novos pregos", o "informe económico" e o "proxecto educativo".

Posteriormente, o alcalde socialista de Santiago incidiu en que, "aparentemente, ese prego non o hai". Mentres, a actual edil de Educación, Noa Díaz, precisou que o concelleiro saínte o que lle trasladou foi "a existencia" dos pregos pero non os documentos.

A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín
A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta