Chegan a Santiago os primeiros nenos saharauís que estarán este verán con familias de acollida

A estancia dos nenos será desde o 7 de xullo ata o 9 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2019 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O primeiro grupo dun total de 330 nenos saharauís que participan no programa 'Vacacións en Paz 2019' chegou este domingo a Santiago de Compostela para pasar o verán con familias galegas de acollida. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu no aeroporto compostelán aos nenos integrantes deste proxecto organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Desde hai varios anos, numerosas familias acollen durante o verán a nenos saharauís procedentes de campamentos de refuxiados. Neste 2019, a estancia dos nenos será desde o 7 de xullo ata o 9 de setembro, segundo explicou a Xunta mediante un comunicado.

Os nenos terán cobertura sanitaria o tempo que permanezan en Galicia, que inclúe atención primaria, atención especializada e prestacións farmacéuticas debido á colaboración entre o Sergas e a asociación.

A cobertura sanitaria abarca as consultas, servizos e centros de saúde; a indicación e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de promoción, prevención e rehabilitación, así como programas de atención á infancia e urxencias.

ATENCIÓN ESPECIALIZADA

En canto á atención especializada, inclúe a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, con asistencia médica, cirúrxica, pediátrica para procesos agudos e a reagudización de procesos crónicos.

Tamén engloba a realización de tratamentos diagnósticos que así o aconsellen e a asistencia especializada en réxime de hospitalización. Por outra banda, a prestación farmacéutica cobre a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

O primeiro grupo dos 330 nenos saharaius que pasarán o verán en Galicia foron recibidos este domingo polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, en Santiago. XUNTA DE GALICIA
O primeiro grupo dos 330 nenos saharaius que pasarán o verán en Galicia foron recibidos este domingo polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, en Santiago. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta