Temas: EN MAREA

En Marea encara o seu primeiro conclave tras a ruptura do espazo cun cambio ideolóxico e organizativo

A dirección do partido instrumental propón instalar un sistema de cotas á militancia e acabar coa política de alianzas electorais e da linguaxe "rupturista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

En Marea celebra este sábado o seu primeiro plenario despois da fractura definitiva do espazo político da chamada 'unidade popular' que confluíu en 2016 en torno ao proxecto do partido instrumental para presentarse ás eleccións autonómicas nas que se converteu na segunda forza política de Galicia.

Plenario de En Marea en Santiago
Plenario de En Marea en Santiago | Fonte: Europa Press

Tres anos despois e con Anova, Podemos Galicia, Esquerda Unida e as principais mareas municipalistas desvinculadas de En Marea, rota xa tamén no Parlamento de Galicia, a organización que encabeza o maxistrado en excedencia Luís Villares encara un novo tempo coa vista posta nas eleccións galegas previstas para 2020.

As bases de En Marea debaterán este sábado na Facultade de Económicas unha serie de propostas que, de saír adiante, suporían un antes e un despois na configuración orgánica e no marco ideolóxico da organización.

E é que, no plano teórico, a cúpula de En Marea propón abandonar a política de alianzas e apostar por ir en solitario ás eleccións, así como deixar ao carón o concepto do 'rupturismo', entendido como a impugnación ao sistema político xurdido na Transición.

A dirección de En Marea descarta alcanzar alianzas electorais con outras forzas de cara aos próximos comicios e aposta por establecer "coalicións" entre persoas e non entre organizacións ou partidos, dado que entenden que "a unidade sen lealdade" conseguiu "dilapidar socialmente o capital político" do coñecido como espazo político da unidade popular.

Así mesmo, planea a implantación do cobro de cotas á militancia que, de aprobarse, dividiría entre inscritos con dereito a voz e voto nas decisións da organización e simples simpatizantes.

DOCUMENTOS POLÍTICOS

Entre os documentos oficiais e que foron remitidos aos inscritos, a dirección descarta establecer coalicións con outras forzas no futuro e, deste xeito, encarar os procesos electorais en solitario.

"Como proxecto político é máis doada a coalición de persoas que de partidos, a unión de vontades que de organizacións, cando estas teñen consignas que non se poden negociar desde a propia En Marea", di a proposta de documento político elaborada pola dirección e que conta con 26 emendas enviadas polas bases.

A continuación, a cúpula do partido instrumental —que realizou estes documentos con base nunha serie de encontros comarcais desenvolvidos ao longo do mes de xuño— realiza unha crítica ao modelo de unidade entre as forzas do espectro da esquerda, precisamente o xerme da constitución de En Marea en xullo de 2016 para presentarse ás autonómicas dese ano.

"Forzando unha unidade sen lealdade o que facemos é dilapidar socialmente o capital político do propio concepto de unidade, de forma que cando esteamos en disposición de botar man del vai deixar de ser un ben apreciado", teoriza a cúpula, que aposta por encarar en solitario un novo contexto político que ven marcado polo "multipartidismo" ao redor de dous bloques: "o progresista e o conservador".

É aí, no "multipartidismo" divido en dous bloques ideolóxicos, onde En Marea pretende encadrar o seu proxecto como vía para "reilusionar" o electorado despois da "decepción causada por forzas que atraeron un voto que logo derivou en promesas incumpridas", nunha referencia velada a Podemos.

Así mesmo, apostan por abordar o que denominan como "post-populismo", unha estratexia que "principalmente debería concretarse no rexeitamento á idea de liderados carismáticos, a verticalidade discursiva e organizativa e o mesianismo". Tamén pretenden abandonar o "léxico afastado da linguaxe común" que cren carrexou "unha das críticas máis estendidas" entre os simpatizantes do proxecto por empregar unha retórica de "imposible comprensión para a cidadanía en xeral".

ABANDONO DO RUPTURISMO

Outra das impugnacións á ata agora traxectoria política do proxecto sobre o que se asentaba En Marea é o abandono do concepto de "rupturismo". Así, consideran que no actual contexto "resulta evidente" que "está pechada" a "xanela" para a "superación do réxime político de 1978 mediante procesos constituíntes".

Por iso, e a pesar de que recoñecen que os mellores resultados electorais e máis altas cotas de "simpatía social" se conseguiron con "esa caracterización máis radical", a dirección de En Marea propón "xerar un relato propio e autoreferenciarse" para tentar lograr "maiores consensos sociais", aínda que puntualizan que isto "non pode significar" a "homologación" da organización a postulados socialdemócratas "ou a renuncia á idea de transformación".

Ademais, rexeitan colgarse a etiqueta de que En Marea supón unha opción política dentro do espectro do nacionalismo galego, aínda que reivindican que como organización recoñecen o "carácter nacional de Galicia".

"Sentímonos galegas e galegos de razón, de corazón e de nación. E compartimos ese sentimento con toda a xente que vive e quere facer a súa vida en Galicia para quen sen vivir aquí, Galicia forma parte da súa vida. Non hai máis criterio de pertenza nacional que a vontade de convivir", engade a cúpula do partido instrumental na súa proposta política.

SISTEMA DE COTAS PARA MILITANCIA

Ademais do documento político, as bases de En Marea deberán decidir un novo modelo organizativo que, de saír adiante, suporía un xiro na concepción do partido instrumental como unha ferramenta de participación aberta a toda a sociedade de Galicia.

E é que o sistema de cotas que propón a dirección dividiría ás bases de En Marea en dúas clases: os inscritos que contribúan economicamente á organización, que terían voz e voto nos debates do partido; e os meros simpatizantes, que ao non pagar disporían unicamente do dereito a pronunciarse pero a súa postura non sería tida en conta.

Os pagos serían de carácter mensual por un importe de 2 euros para persoas paradas e estudantes, 5 euros para a cota xeral e 10 para aqueles que queiran realizar unha contribución "especial" e "voluntaria".

Temas: EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

7 Tudeivstvs

Galleguismo constitucionalista e autoanemista (segunda parte).

6 Fixona

Da autoidentificación do Fraga á autorreferenciación dos mareantes... O voso partido xa ten nome: ppsoecsvox de galicia 2. Minifundismo político galleguista español.

5 Aínda máis

Qué é iso do espectro do nacionalismo galego?

4 Melenas

El sueldo de Villares no se paga solo. ¡¡¡Hay marea!!!

1 melenas engraxadas

Ten graza que un individuo coma ti diga semellante tontería. Villares é xuíz e polo tanto non necesita para nada un soldo da política. Eu non son da marea nin de lonxe pero escoitar elementos coma ti provócame gana de vomitar. Probablemente como xuiz gane o doble ou o triple que un ignorante coma ti.

3 Orquestra do Titanic

Contan seguir tendo "militancia" agora que son apenas os liberados e os seus familiares? Deixade de bascuear, non concurrades ás autonómicas que só ides sacar un 1% con sorte e pedide o voto para o nacionalismo.

1 Desfeita

Creo que o nacionalismo (supoño que falas do único partido que concorre ás eleccións con esa denominación) non precisa que ninguén pida o voto para él. O nacionalismo xa ten a súa capacidade de convicción (ou non), os seus fieis e os seus infieis, os seus chiís e os seus sunís. Que cada quen vote o que lle pete.