A ex-concelleira socialista Marga Martín considérase "unha vítima da cazaría de Democracia Ourensana" tras ser exculpada

O PSOE mostra o seu apoio público despois do arquivo da causa das facturas de axuda no fogar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O pasado 11 de xullo facíase público o sobresemento e arquivo da causa contra a ex-concelleira socialista en Ourense Marga Martín. "Fun unha vítima máis da cazaría á que Democracia Ourensana quixo someter ao anterior goberno do PSOE", declarou a ex-edil.

Marga Martín
Marga Martín | Fonte: Teleminho.

Esta política socialista estaba imputada por fraude, estafa e falsidade en documento mercantil polas facturas de axudas no fogar entre os anos 2007 e 2011. Este xoves, nunha rolda de prensa convocada polo PSOE para mostrar en público o seu apoio, aludiu a que "termina o calvario de sete anos de instrución" provocado por "unha denuncia falsa" que encheu "de lodo" a súa imaxe persoal.

"Desde o principio dixen que era inocente e completamente allea a calquera tipo de irregularidade", sostivo, para explicar que "ao longo de toda a súa vida" a súa traxectoria política rexeuse por "un labor de servidume á cidade e aos seus veciños".

Así mesmo, sinalou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o portavoz municipal de DO, Miguel Caride, como os denunciantes. Mentres que tachou de "cómplices desta farsa" ao Partido Popular "cun comportamento belixerante".

A posta no foco da xustiza das "políticas sociais" revela para Marga Martín "a miseria moral dos denunciantes" e "a frivolidade" de todos os axentes sociais que, dun modo ou outro, contribuíron a "liquidar" o seu "nome e imaxe persoal".

Neste sentido, o secretario provincial e portavoz municipal do PSdeG-PSOE incidiu en que "a dignidade e a profesionalidade de Marga nunca estiveron en cuestión". Mentres que o seu compañeiro, o secretario local, José Ramón Fernández Morgade, destacou "a honorabilidade e honestidade do seu traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta