Feijóo sobre posibles accidentes no Monte Neme: "A responsabilidade é da antiga empresa da mina"

Di que, ante posibles accidentes, a Xunta "non vai suplir" as responsabilidades privadas, "e menos con diñeiro público". A empresa Leitosa, no seu momento vinculada á familia Cotino do PP valenciano --que tamén está salpicada pola trama Gurtel-- deu en quebra en 2012 e asegura non ter bens cos que poida atender a débeda cos seus acredores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

A mina do Monte Neme que se está facendo famosa polas fotos de numeroso instragrammers a pesar de estar prohibida a entrada á mesma seguirá aberta, polo menos, mentres non aconteza ningunha desgraza.  

Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA
Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA | Fonte: Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que é a antiga empresa explotadora da mina do Monte Neme a "responsable" de "o que ocorra" neste lugar situado entre os concellos coruñeses de Malpica e Carballo. Con todo, a empresa Leitosa SAU deuse en quebra en 2012, polo que, oficialmente, non está operativa. 

Na comparecencia de prensa posterior á reunión co seu Executivo, GC preguntou ao presidente galego ante a necesidade de pechar e rexenerar esa zona para evitar posibles accidentes como o que aconteceu hai dous anos na Praia das Catedrais cando non había control algún. Feijóo respondeu que o plan de peche do lugar é "responsabilidade da empresa que ten a titularidade do dereito de explotación" e que no seu momento "foi notificada" sobre esta obrigación.

Aínda así, e tal e como explicou, xa en 2016 a Adminitración autonómica adoptou "unha serie de decisións" de seguridade "secundarias" ao ver que a empresa non executaba o peche, e xusto a semana pasada enviou uns técnicos a inspeccionar o lugar.

Con todo, advertiu Feijóo, a Xunta "non vai suplir" as responsabilidades privadas, "e menos con diñeiro público". E é que a compañía, segundo as súas palabras, "ten que recuperar o espazo, sanear as balsas e rehabilitar a zona de acordo coa comunidade de montes", que é a actual titular do terreo.

EMPRESA QUE SUPOSTAMENTE NON EXISTE

A lagoa da mina do Monte Neme púxose de moda entre os instragrammers pola cor turquesa das súas augas. Unhas augas que están contaminadas. Por iso, a mina, tras o seu abandono, segue sendo un perigo en potencia pola gran cantidade de lodos tóxicos que contén e pola fraxilidade e a falta de mantemento ou rexeneración deste espazo abandonado. De feito, en 2014 xa houbo un gran susto. Unha das súas balsas fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros  as parroquias coruñesas de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns, dos que a empresa non se fixo cargo.

En 2018, Augas de Galicia abría un expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais a Leitosa, S.A.U., a empresa que xestionaba a mina de Monte Neme. Sen embargo, o expediente quedou en nada porque a empresa, oficialmente, non existe. Leitosa SAU acabou suspendendo pagos en setembro de 2012, antes de aplicar plan de restauración na zona. O xuíz ordenou entón a disolución da concesionaria. No auto de conclusión do concurso, especificaba que Leitosa, empresa no seu momento vinculada á familia Cotino do PP valenciano --que tamén está salpicada pola trama Gurtel-- non tiña bens cos que poida atender a débeda cos seus acredores.

Desde entón, Petón do Lobo e outras entidades da zona, veñen pedindo con insistencia que se rexenere toda a mina e que se recupere a rica historia que hai asociada á contorna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta