Prohibida a pesca nun tramo do río Furelos por verteduras

A prohibición comeza este mércores 24 para "recuperar as condicións de habitabilidade piscícola".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2019 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

A pesca nun tramo do río Furelos e no regato de Reboredo ao seu paso por Melide (A Coruña) quedará prohibida desde o vindeiro mércores 24 para "recuperar as condicións de habitabilidade piscícola" despois das verteduras rexistradas na zona. A medida foi avanzada este luns pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no encontro que mantivo coa Asociación Troiteiros do Río Furelos.

Río Furelos
Río Furelos | Fonte: santiagoturismo.com

O pasado xoves, a Consellería de Medio Ambiente decidiu incoar un expediente sancionador pola vertedura rexistrada a semana pasada no río Furelos, ao seu paso polo Concello de Melide; onde se constatou a mortaldade de fauna ictícola.

Deste xeito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro mércores a orde pola que quedará prohibida a pesca no tramo afectado pola vertedura, procedente dunha empresa láctea.

A pasada semana, Medio Ambiente dirixiu solidariamente ao concello e á empresa un expediente sancionador pola comisión dunha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial, que pode ir desde os 3.001 euros ata os 30.000. Esta sanción será compatible coa esixencia dunha indemnización correspondente polos danos e perdas causadas.

Paralelamente, Medio Ambiente está a realizar os estudos técnicos necesarios para determinar a incoación dun segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave en materia de conservación da natureza, xa que houbo danos sobre fauna e flora nun tramo de río que se atopa na Rede Natura 2000.

Neste caso, a sanción poderá ir desde os 60.000 euros ata os 300.000.Tamén se dirixirán á empresa láctea, que se atopa no polígono da Madanela, e ao concello, que deberán asumir ao mesmo tempo a reparación do dano causado, é dicir, procederán á reposición do medio natural presentando un proxecto de restauración, que deberá contar coa aprobación do Servizo de Conservación provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta