Feijóo pide "respectar" os nomeamentos de portavoces do PP: "O tempo dará e quitará razóns"

Cre que o "acordo" de PSOE e Bildu en Navarra é "moi grave" e "vai absolutamente en contra dunha esperanza de abstención" para investir a Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2019 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, dixo ser "moi disciplinado" e pediu "respecto" polas decisións adoptadas polo líder nacional do seu partido, Pablo Casado, quen este mesmo martes facía oficial o nomeamento de Cayetana Álvarez de Toledo e Javier Maroto como portavoces do Congreso e do Senado, respectivamente.

En declaracións aos medios na Coruña tras participar na presentación do anuario 2019 do Foro Económico de Galicia xunto á ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, Feijóo reivindicou que estas designacións "entran dentro das competencias do presidente do partido". "O tempo dará e quitará razóns se son bos ou malos nomeamentos", proseguiu.

"Eu son moi disciplinado co presidente do partido do mesmo xeito que eu lle pido aos dirixentes do PP en Galicia que respecten as miñas competencias", subliñou. Ademais, o presidente galego, quen non asistiu á Xunta Directiva Nacional convocada por Casado para este mesmo martes, asegurou que o propio Casado o chamou momentos antes de empezar a reunión en 'Xénova' para comentarlle as súas decisións.

Neste sentido, Feijóo considera que Galicia "mellora en presenza" do Comité Executivo do PP nacional. A deputada pola Coruña Marta González deixará de ser a vicesecretaria de Comunicación do partido en detrimento de Pablo Montesinos e pasará a ser a portavoz adxunta social do Grupo Popular no Congreso. Ademais, o deputado por Lugo Jaime de Olano convértese o novo vicesecretario de Participación.

ABSTENCIÓN DO PP?

Así mesmo, a preguntas dos medios sobre unha hipotética abstención dos populares para facilitar a reelección do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, reiterou que o aínda presidente en funcións é "o principal culpable" da súa investidura errada e dixo que, "lamentablemente", non coñece "ningunha proposta" dos socialistas "que mereza unha abstención".

"O señor Sánchez ten un compromiso, e díxoo publicamente, cos seus socios de Podemos e correspóndelle chegar a un compromiso que é público, notorio e de forma palmaria, que trasladou desde a noite electoral, de que quere un goberno con Unidas Podemos", explicou.

Así, reiterou que o líder do PSOE non fixo ao PP "ningunha proposta seria nin coherente que o lexitime para pedir a abstención" do grupo "que exerce a oposición". "Coñezo os feitos, e os feitos, despois do acordo de Bildu co Partido Socialista para gobernar Navarra, son uns feitos moi graves que van absolutamente en contra dunha esperanza de abstención", aseverou.

"A OFENSA" DO PSOE EN 2016

Acerca da idea lanzada polo secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, de conformar un Goberno de coalición de populares e Ciudadanos coa abstención do PSOE e o apoio doutras forzas como Vox, Feijóo replicou que "sería exactamente o mesmo" que cando Pedro Sánchez tentou a súa primeira investidura errada en 2016 co apoio de Albert Rivera.

"Por tanto, sorpréndeme moito que ao Partido Socialista lle pareza unha ofensa aos cidadáns, porque esa é a súa ofensa, a ofensa que fixeron cando pactaron en contra do que gañara as eleccións en 2015", que foi o PP de Mariano Rajoy.

O líder dos populares galegos esgrimiu que o PSOE "non é un partido que estea lexitimado a dar leccións" como "respectar a lista máis votada". Diso serviuse para volver reclamar unha "reforma de verdade" da lei electoral que pase "por respectar as listas máis votadas e darlle un plus de maioría" aos gañadores dos comicios.

"Se conseguimos iso non volveremos ao carrusel ao que nos someteu o PSOE e Unidas Podemos desde hai 80 días. E todo parece indicar que nos van a dar este carrusel este mes de agosto e de setembro. Espero que ninguén de Podemos e do PSOE colla vacacións, porque xa sería un sarcasmo que os que non se pon de acordo para gobernar España nin deixan que ningún outro o faga marchen de vacacións coma se cumprisen os seus deberes", afeou.

A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero e  o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, saúdanse á súa chegada á presentación do Anuario 2019 na sede de Afundación Obra Social ABANCA.. M. Dylan - Europa Press
A ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, saúdanse á súa chegada á presentación do Anuario 2019 na sede de Afundación Obra Social ABANCA.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta