Un novo método contra a vespa velutina: trampas con canóns de aire comprimido

Investigadores deseñan un sistema para mellorar a eficacia das trampas de cebo que se están aplicando con escasa eficacia contra a avespa asiática.

Por Alberto Quian | Madrid | 01/08/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A eficacia das trampas de cebo que se están utilizando actualmente para controlar a invasora vespa velutina está moi cuestionada pola comunidade científica. De feito, demostrouse que os exemplares da avespa asiática representan menos do 1% de todas as capturas con estas trampas, o que "reflicte a baixa selectividade do método", que "constitúe unha ameaza adicional para os insectos nativos", advertiron investigadores da Universidade de Vigo. Ante esta problemática, científicos do Departamento de Mecánica de Fluídos da Universitat Politècnica de Catalunya deseñaron un novo sistema que podería ser máis eficiente: un canón de aire compromido.

Avespa velutina
Avespa velutina | Fonte: Charles J. Sharp.

A nova técnica para a captura selectiva da vespa velutina en trampas con cebo baséase no uso dun canón de aire comprimido impulsado por un cartucho de aire a presión recargable similar ao utilizado para inflar os pneumáticos da bicicleta e co que sería posible alcanzar ata 350 disparos antes de que sexa necesario enchelo de novo.

Con esta técnica, explican, cando o insecto é atraído polo cebo e cruza a parte dianteira do canon de aire, actívase un sinal rápido mediante un sensor de movemento e o animal recibe un disparo de aire instantáneo. Ese disparo de aire comprimido impúlsao lonxe do canón nunha traxectoria case rectilínea cara a unha cavidade situada fronte ao canón, onde queda atrapado.

Pero como resolven o problema da selectividade para evitar atrapar outros insectos? Os investigadores deseñaron un buraco de dimensións suficientes para que as abellas comúns e outras especies de tamaño máis pequeno que a vespa asiática poidan saír de novo ao exterior, pero imposible de traspasar pola velutina polo seu tamaño. A avespa invasora veríase así atrapada e, impulsada polo aire compromido, rebotaría contra as paredes circundantes, caendo ao cebo.

O problema é que, aínda que podería mellorar a eficacia na selectividade, evitando atrapar especies fundamentais para o equilibrio ecolóxico e as economías locais, como as abellas melíferas, non evitaría que insectos de tamaño similar á velutina tamén queden atrapados. Con todo, suporía un avance ante a escasa eficacia das trampas que se están utilizando actualmente e aportaría unha alternativa de baixo custo, segundo os seus deseñadores, Francisco J. Arias e Salvador de las Heras.

Sistema para capturar exemplares de avespa velutina deseñado por Francisco Javier Arias Montenegro e Salvador Augusto de las Heras Jiménez
Sistema para capturar exemplares de avespa velutina deseñado por Francisco Javier Arias Montenegro e Salvador Augusto de las Heras Jiménez | Fonte: Universitat Politècnica de Catalunya, con adaptación ao galego de Galicia Confidencial.

Os creadores deste novo sistema recoñecen que é necesario "I+D adicional para chegar a un deseño confiable, práctico e seguro".

POUCA EFICACIA DAS TRAMPAS DE CEBO ACTUAIS

Científicos da Facultade de Bioloxía e do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo demostraron a escasa eficacia das trampas de cebo que se veñen aplicando na loita contra a velutina.

O que fixeron foi comparar o rendemento de tres tipos de trampas con tres cebos de uso común. En total, probáronse nove solucións distintas, combinando cada trampa cun tipo diferente de cebo. 

Dos 144.368 insectos capturados durante o experimento, apenas o 0,90% foron exemplares de velutina. Unha porcentaxe ínfima. Porén, entre os insectos non obxectivo, os dípteros foron os máis frecuentes nas capturas, representando o 92,65% de todos os atrapados (esta orde inclúe insectos tan coñecidos e comúns como moscas, mosquitos, típulas ou tabáns). Outros insectos que mostraron taxas de captura maiores que as da velutina foron as formigas (3,82%) e bolboretas (1,20%). Destacan tamén as capturas da avespa nativa europea crabro (en perigo de extinción), que representaron o 0,16% do total, e as das abellas melíferas, o 0,17%, mentres que os exemplares da superfamilia Vespoidea foron o 0,28% e os escaravellos, o 0,66%. Outras especies acadaron porcentaxes máis baixos. 

Ademais da súa escasa eficacia contra a velutina, "as trampas con cebo que se utilizan actualmente para reducir a poboación invasora representan unha ameaza potencial para a fauna nativa, agregada ao impacto directo da Vespa velutinacomo depredador", advertiron os científicos galegos.

O novo sistema deseñado agora na Universitat Politècnica de Catalunya podería contribuír a mellorar as taxas de captura e reducir o impacto sobre outras especies. Pero aínda está en fase experimental.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta