Atribúen a Rosalía de Castro dous textos “perdidos” publicados en 1870 en ‘La Ilustración de Madrid’, dirixida por Bécquer

Trátase, segundo a filóloga e experta ‘rosaliana’ María Xesús Lama, de dous escritos da autora galega na súa faceta de xornalista na capital de España, asinados nesta revista coas iniciais R.C.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/08/2019 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Na bibliografía de Rosalía de Castro pódense incluír dous novos textos, publicados en 1870 na revista La Ilustración de Madrid, dirixida por Gustavo Adolfo Bécquer. Trátase de ‘El lago de los patinadores en El Buen Retiro, hoy Parque de Madrid’ e ‘Don Juan Valera y Alcalá Galiano’, dous artigos que a poetisa e novelista galega asinou coas súas iniciais R.C. e cuxa autoría non fora identificada até agora.

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

Quen revela por primeira vez a identidade de quen escribiu aqueles artigos xornalísticos é a filóloga galega María Xesús Lama (Guntín, 1964), experta rosaliana, Premio Nacional de Ensaio 2018 por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863).

La Ilustración de Madrid estaba ligada ao xornal El Imparcial, de ideoloxía liberal, e editouse entre 1870-1871 con información política e cultural centrada en Madrid

Lama, investigadora do Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat (ADHUC) da Universitat de Barcelona e profesora de Estudis Gallecs i Portuguesos nesta universidade, atribúe a Rosalía a autoría destes dous artigos baseándose nas “reiteradas referencias que se encontran na bibliografía rosaliana a unha suposta colaboración da escritora galega nun xornal dirixido por Gustavo Adolfo Bécquer arredor de fins de 1869 ou 1870, un dato que acreditaría a relación persoal entre ambos escritores, ou polo menos un coñecemento directo”.

O poeta e narrador sevillano está considerado, xunto con Rosalía, o máximo expoñente do posromanticismo e ambos os dous gañáronse o recoñecemento de precursores da poesía moderna en España.

La Ilustración de Madrid foi unha revista editada entre 1870-1871 na que se conxugaba información política e cultural centrada na capital de España, feita por literatos e artistas, converténdose en expoñente do xornalismo gráfico en España. A publicación estaba ligada ao xornal El Imparcial, de ideoloxía liberal, editado en Madrid entre 1867 e 1933, e que se erixiu nun dos diarios más influentes en España a finais do século XIX e principios do XX, creado e impulsado polo galego Eduardo Gasset y Artime (12 de xuño de 1832 - Madrid, 20 de maio de 1884), avó do filósofo José Ortega y Gasset e protector de Ramón María del Valle-Inclán.

Conta Jesús Rubio Jiménez, catedrático don Departamento de Filología Española da Universidad de Zaragoza, en La ilustración de Madrid (1870-1871). Revista de transición del romanticismo al realismo, que as funcións en La Ilustración de Madrid estaban “ben diferenzadas desde o comezo”: Eduardo Gasset y Artime como director xeral; Gustavo Adolfo Bécquer, director literario, secundado por Isidoro Fernández Flórez como redactor principal, e José Vallejo Galeazo, director artístico, secundado por Valeriano Bécquer –irmán de Gustavo Adolfo– como debuxante e Bernardo Rico como gravador.

“Trátase de dous textos de carácter xornalístico que responden aos requirimentos das colaboracións habituais con que os escritores participaban a miúdo na prensa da época"

Malia a súa curta existencia, La Ilustración de Madrid está considerada unha das publicacións periódicas fundamentais para o estudo da transición do romanticismo ao realismo. Nesta revista –sabemos agora por María Xesús Lama– colaborou Rosalía de Castro como xornalista.

Lama recupera daquela revista dous textos que aparecen asinados coas iniciais R.C. en dous números de 1870 que atribúe á autora galega. “Trátase de dous textos de carácter xornalístico que responden aos requirimentos das colaboracións habituais con que os profesionais da pluma participaban a miúdo na prensa da época, fornecendo contidos de carácter informativo ou cultural para conseguir ingresos máis ou menos inmediatos”, detalla a filóloga.

Na súa identificación é clave o testemuño dunha das fillas de Rosalía, Alejandra Murguía Castro, recuperado das lembranzas do escritor coruñés Carlos Martínez-Barbeito y Morás nun artigo publicado en La Noche en 1949, escrito a partir das conversas que mantivera con Alejandra en 1933.

“O relato de Martínez- Barbeito sitúa sen dúbida as relacións dos dous escritores [Rosalía de Castro e Gustavo Afdolfo Bécquer] no ano 1870 co título contundente: «Ella necesitaba el dinero y él acababa de morir», pois, como é sabido, Bécquer faleceu o 22 de decembro daquel ano”, introduce Lama na súa argumentación.

"O trato dos Murguía cos irmáns Bécquer era asiduo e facían proxectos en común xunto cun grupo de amigos, a maioría da súa xeración con renome no mundo xornalístico"

Dos datos que facilitou a filla de Rosalía a Barbeito, hai referencias “bastante fiables” sobre a estada en Madrid da familia Murguía-Castro cando Alejandra tiña once anos, estando o seu pai, Manuel Murguía, destinado como arquiveiro en Simancas e os meses seguintes a ser destituído daquel posto. "Se facemos caso do que contaba Alejandra, segundo a lembranza do xornalista, o trato dos Murguía cos irmáns Bécquer era asiduo e facían proxectos en común xunto cun grupo de amigos, a maioría da súa xeración con renome no mundo xornalístico”, salienta Lama.

Naquel artigo de Barbeito dicíase:

A Gustavo Adolfo sólo le vió Rosalía una vez, a pesar de vivir ambos en la misma calle de Claudio Coello, el poeta de las Rimas en el número 7, piso bajo, y la autora de Follas Novas en el 13, piso tercero. Rosalía envió un artículo a La Ilustración Española. Necesitaba que se lo pagasen porque llegaban las navidades y su importe vendría muy bien para celebrarlas. Alejandra fue a cobrarlo a casa de Bécquer y se encontró al poeta lleno de frío, envuelto en mantas y muy enfermo. «No he recibido aún el dinero –le dijo Bécquer–, ya se lo mandaré cuando lo tenga». Al cabo de unos días Rosalía envió de nuevo a Alejandra y esta regresó otra vez con las manos vacías. El poeta acababa de morir.

Lama matiza que “citando de memoria polas súas lembranzas dunha conversa situada dezaseis anos atrás, Martínez Barbeito confunde o nome do xornal onde a escritora tería participado, que non pode ser outro que La Ilustración de Madrid, o que Bécquer dirixía naquel momento”.

Pero hai máis indicios que corroborarían a hipótese de Lama: “Sabemos que coa irmá de Eduardo, Eugenia Gasset, e co pai, o tenente don José Gasset Montaner, fixera Rosalía a súa primeira viaxe a Madrid en 1856. E tamén sería máis adiante nun xornal de Gasset y Artime, o mencionado El Imparcial, onde publicaría os seus artigos de Costumbres gallegas”, unha serie de dous artigos publicados o 8 de marzo e o 4 de abril de 1881 en El Imparcial.

“Parece evidente a familiaridade de Rosalía de Castro coa redacción e co propietario da revista, polo que resulta probable que contasen coa súa pluma, como escritora que xa tiña un prestixio, cunha serie de obras publicadas ao longo da década anterior, e que se encontraba naquelas datas residindo en Madrid. En busca do artigo que a autora podía ter pendente de cobro na data da morte do director encontramos dúas colaboracións dela e unha, máis próxima ás datas do Nadal, asinada por Murguía”, explica Lama.

PRIMEIRO TEXTO

O primeiro artigo coa sinatura R.C. apareceu en La Ilustración de Madrid no número do 12 de febreiro de 1870, “ao comezo daquel proxecto xornalístico, se temos en conta que se iniciara o 12 de xaneiro dese mesmo ano e que publica dous números mensuais, sempre nos días 12 e 27”, prosegue Lama.

Trátase, en palabras da profesora galega, dun “texto breve na páxina 15 a modo de comentario dunha ilustración da páxina 9 que no índice de gravados dese numero figura así identificado: «El lago de Patinadores, de D. Valeriano Bécquer»”.

‘El lago de los patinadores en El Buen Retiro, hoy Parque de Madrid’ é unha “sinxela descrición dun espazo de ocio da cidade, a modo de breve crónica de sociedade"

Aclara a filóloga que era “moi normal na prensa ilustrada destes anos completar as caixas de páxina con ilustracións, que aparecen despois comentadas por xunto nas últimas páxinas. Os comentarios consisten en noticias ou informacións que complementan a ilustración correspondente e con frecuencia aparecen sen asinar”, levando só a sinatura co nome completo “cando eran dalgunha autoría relevante”.

Lama describe o texto que atribúe a Rosalía de Castro como unha “sinxela descrición dun espazo de ocio da cidade, a modo de breve crónica de sociedade, coa peculiaridade de describir unha actividade que se desenvolve nun inusual espazo exterior”, o parque do Retiro de Madrid.

“Chama a atención a insistencia, tanto ao inicio como ao final do texto, en anunciar unha continuidade para completar a información con maior profundidade no seguinte número, de xeito que as intencións da autora son claras: non só pretende explorar a historia dun espazo urbano asociado con actividades de ocio e recreo, neste caso El Buen Retiro, senón tamén ofrecer unha visión crítica sobre a planificación urbanística da cidade, mesmo facendo propostas sobre intervencións que consideraría necesarias ou recomendables, e por iso alude á «difícil tarea» que está a emprender, que parece anunciar unha serie ao estilo da que os irmáns Bécquer desenvolveran arredor do mosteiro de Veruela [próximo á localidade de Vera de Moncayo, en Zaragoza, Aragón], cos gravados de Valeriano e textos de Gustavo Adolfo no xornal El Contemporáneo. Esa continuación do artigo anunciada non se encontra nos números seguintes e podemos deducir que ese ambicioso plan, que lle garantiría unha serie de publicacións, queda fanado por causas que inda nos son descoñecidas”, detalla a filóloga.

Lama resalta que naquel mesmo número de La Ilustración de Madrid se publicou o artigo ‘El rey don Jaime y el obispo de Gerona’, sobre a historia de Cataluña, asinado por Víctor Balaguer, unha das figuras principais da Renaixença, movemento cultural e literario nalgúns territorios de fala catalá e valenciana, paralelo ao Rexurdimento galego. Tamén apareceu naquel número outro texto titulado 'El niño menesteroso', en forma de conto, asinado polo xornalista revolucionario Roberto Robert. Sobre este último, di: “Lembremos que Robert é coñecido para os lectores da autora galega pola dedicatoria do «Conto de Vidal» nos Cantares gallegos, onde nos informaba de que ao autor barcelonés «lle gustan os contos e o gallego», e de feito neste breve conto humorístico protagonizado por un neno pobre encontramos a esencia que recollía tamén Castro no seu conto versificado, crónicas ambos de denuncia que retratan a miseria con certo adobo retranqueiro, na liña da narrativa social popular que segue na Península a escola de Eugène Sue”, un dos escritores franceses máis influente na década de 1840 e impulsor das novelas por entregas publicadas en xornais.

Polo tanto, “o testemuño de Alejandra Murguía corrobórase coa familiaridade da autora con outros colaboradores da revista que acabamos de ver no número concreto en que aparece o seu texto, de maneira que ten lóxica que contasen coa súa colaboración [a de Rosalía] nun proxecto onde compartía ideas e intereses con outros colaboradores”, argúe Lama.

En concreto, sinala que é coñecida a relación da poetisa galega con Roberto Robert e con Emilio Castelar y Ripoll –político, historiador, xornalista e escritor gaditano, último presidente da Primeira República–, quen escribiría o prólogo para a primeira edición de Follas novas; mentres que Víctor Balaguer xa traducira ao catalán algúns poemas de Cantares gallegos en 1866, sinala a experta rosaliana.

Todo isto leva á filóloga a deducir que as iniciais R.C. corresponden ao nome de Rosalía de Castro, “colaboradora neste terceiro número dun xornal que empeza a súa andaina no Madrid de 1870”.

Murguía, marido de Rosalía e impulsor e primeiro presidente da Real Academia Galega, publicou co título 'Pensamientos' unha serie de prosas líricas en La Ilustración de Madrid

Pero hai máis indicios que permitirían confirmar as colaboracións de Rosalía de Castro en La Ilustración de Madrid: “Murguía publica tamén ese mesmo ano unha serie de prosas líricas no xornal, que aparece baixo o título «Pensamientos» no número de 27 de outubro. Trátase dunha serie de fragmentos marcados con números romanos dos cales algúns aparecen con dedicatorias nas que utiliza as iniciais dos nomes para facer referencia a persoas próximas que só para os coñecidos serían fácilmente descodificables: no IV aparece a dedicatoria «A E.C.» seguida dunha loanza á elocuencia de alguén que parece encontrar escasa comprensión nos seus ideais; no VIII, que comeza «¡Hija mía! ¡mi esperanza», aparece a dedicatoria «A A.», e no XV, dirixíndose a un amigo coas palabras «He dormido bajo tu techo, mi buen poeta», aparece a dedicatoria «A E.P.», de xeito que a correspondencia das iniciais das dedicatorias parece encaixar respectivamente co parlamentario e amigo Eduardo Chao, a filla Alejandra e o poeta Eduardo Pondal”, clarifica a investigadora.

A isto hai que engadir que “a presenza desta última colaboración testemuña una incorporación da pluma de Murguía ao equipo desta publicación oito meses máis tarde que Castro e cun texto inzado de subxectivismo autobiográfico que contrasta co ton profesional e neutro das colaboracións rosalianas, sexa o que sexa o que ámbolos dous datos signifiquen”, prosegue Lama.

SEGUNDO TEXTO

Un segundo texto asinado coas iniciais R.C. publicouse en La Ilustración de Madrid o 12 de maio de 1870. O artigo, moito máis extenso que o anterior, é unha descrición biográfica do escritor e crítico literario Juan Valera y Alcalá-Galiano. É, en palabras de Lama, un artigo “moito máis interesante” que o anterior para “comentar un retrato, gravado asinado por A. Torre, que anuncia desde a primeira plana dese número a atención que se lle vai dedicar ao personaxe”, e que convive neste número con textos asinados por outros destacados autores da época como o andaluz José Amador de los Ríos y Serrano ou o madrileño Isidoro Fernández Flórez, quen sería coñecido polo pseudónimo Fernanflor.

O segundo artigo asinado como R.C. é un texto “totalmente eloxioso” a Juan Valera y Alcalá-Galiano, “como esixía o canon do xénero neste entorno hispano”

O artigo que Lama atribúe a Rosalía de Castro é “totalmente eloxioso” sobre a figura de Valera y Alcalá-Galiano, “como esixía o canon do xénero neste entorno hispano”, e “é moi probable que ademais se correspondese coa opinión máis estendida sobre o personaxe que retrata: tanto entre os contemporáneos como nas xeracións seguintes encóntrase unha aparente unanimidade en recoñecer a Valera como home culto e ponderado, que coñecía varios idiomas e as culturas clásicas, viaxado como diplomático por Europa e América e dotado dun fino espírito crítico”, precisa Lama, quen engade: “A súa formación e o seu exercicio profesional privilexiados suscitaban sen dúbida admiración e, ademais, como militante inquebrantable do liberalismo, era para a escritora posiblemente un apreciado correlixionario”.

A primeira parte do texto, explica a filóloga, dedícase sobre todo a loar o labor de Valera y Alcalá-Galiano nos diferentes postos políticos que ocupara (fora diplomático, oficial da Secretaría de Estado, subsecretario e ministro de Instrución Pública). Nesas liñas móstrase “un coñecemento detallado dos seus posicionamentos nos debates ideolóxicos de actualidade e nas votacións do congreso en cuestións puntuais de especial simbolismo respecto á integridade ideolóxica”, describe Lama.

Pero tamén hai eloxio da súa faceta literaria, con referencias ás súas colaboracións en prensa, ensaios eruditos e traducións, que “xa lle valeran un recoñecido prestixio no campo cultural” a un home que malia que fora elixido membro da Real Academia Española en 1861, “en 1870 inda non publicara case nada da súa obra de creación”.

Valera y Alcalá Galiano pertencía a "un círculo de relacións que lle quedaba moi lonxe á maioría dos escritores que trataba de gañar a subsistencia loitando por publicar na prensa ou conseguir algún oco no mercado cultural, como Rosalía e Murguía"

Chama a atención a Lama o título do artigo, que se cingue ao nome do eloxiado: ‘Don Juan Valera y Alcalá Galiano’. “Inda que pareza que non ten nada de particular por conter só o nome do personaxe en que se centra, para o lector de hoxe non pode pasar desapercibido un dato curioso: agora para nós é coñecido o escritor e crítico Juan Valera, pero para os seus contemporáneos o segundo apelido, que viña dunha saga de destacados mariños e militares, non era en absoluto prescindible”. Porque Varela, como apunta Lama, era sobriño de Antonio Alcalá Galiano (1789-1865), “o máis destacado crítico do seu tempo e liberal notorio”, autor do prólogo a El moro expósito o Córdoba y Burgos en el siglo XIX (1834), obra de Ángel de Saavedra y Ramírez de Baquedano, Duque de Rivas, considerada a peza fundacional do romanticismo español. Antonio Alcalá Galiano fora tamén membro dos faladoiros liberais que tiñan lugar no madrileño café La Fontana de Oro, que deu título á primeira novela de Benito Pérez Galdós, publicada precisamente en 1870; e tamén foi, como resalta Lama, "autor de textos canónicos para o estudo do dereito constitucional e da historia da literatura do século XVIII".

María Xesús Lama recorda que “a incondicional amizade que mantivo Alcalá Galiano co Duque de Rivas está na orixe da formación do sobriño na carreira diplomática e o consecuente coñecemento de idiomas e do mundo clásico, posto que Valera acompaña ao Duque cando vai de embaixador a Nápoles”. E “tampouco debe ser casualidade” que Ángel de Saavedra y Ramírez de Baquedano fose o director da Real Academia Española entre 1862 e 1865, cando Valera ingresou como académico.

“Era este un círculo de relacións que lle quedaba moi lonxe á maioría dos escritores que trataba de gañar a subsistencia loitando por publicar na prensa ou conseguir algún oco no mercado cultural, como Rosalía e Murguía, os irmáns Bécquer e tantos outros. É, polo tanto, lóxica a homenaxe que lle tributa a revista a Valera, pero probablemente fose difícil encontrar «quen poña o cascabel ao gato», como dixera a propia Rosalía na súa daquela última novela, El caballero de las botas azules (1867). Ela foi quen asumiu ese reto”, continúa Lama, ao escribir para La Ilustración de Madrid a loanza a Juan Valera y Alcalá Galiano.

“TRABALLO PURAMENTE ALIMENTICIO”

Descritos ambos os dous artigos atribuídos a Rosalía de Castro, María Xesús Lama encontra neles unha característica común que define como “a importancia da súa irrelevancia”, por ser “textos de escaso valor intrínseco, que apenas merecen ser tidos en conta no conxunto da obra rosaliana”, pero que “teñen por iso mesmo un valor extraordinariamente significativo, porque nos mostran a escritora con aspiracións a un exercicio profesional que produce para a prensa do século escritos de circunstancias, mesmo de recheo se é necesario”, argumenta a profesora.

Os dous artigos desvelan unha nova dimensión de Rosalía, “pois en certo modo todas as súas colaboracións coñecidas ata agora trataban temas relacionados con Galicia”

O obxectivo de Rosalía non era outro, segundo Lama, que o de “ter uns ingresos que son importantes para chegar a final de mes”, adaptando a súa pluma a “crónicas da vida cotiá, descrición de costumes urbanas ou semblanzas de persoeiros do seu tempo”, mesmo chegando a afrontar o “reto de presentar o crítico que todos temen incomodar”, Juan Valera y Alcalá-Galiano. Pero tamén andaba Rosalía na procura de manter “as súas relacións nos círculos culturais [de Madrid] para que conten coa súa pluma en novos proxectos”, presume Lama.

Trátase, polo tanto, dun “traballo puramente alimenticio” que desvela unha nova dimensión de Rosalía, “pois en certo modo todas as súas colaboracións [xornalísticas] coñecidas ata agora trataban temas relacionados con Galicia”.

“Aquí descubrimos que a autora tiña outras habilidades para desenvolver unha actividade profesional no ámbito da prensa e que ademais non tiña problema ningún para poñelas en práctica: pode escribir sobre calquera cuestión de actualidade na cidade ou no panorama cultural. Inda que o proxecto quedase pendente, parece ben disposta a documentarse sobre a historia de elementos da paisaxe urbana e manifesta con decisión ter opinión formada sobre a acción política que afecta ao seu entorno, opinión que está presta a expoñer. E desde logo tampouco lle espanta asinar a presentación dun dos persoeiros do momento, con valoracións críticas sobre a súa actividade parlamentaria, a súa obra e o estilo dos seus escritos”, alega María Xesús Lama.

A filóloga galega vén de facer estas revelacións nun traballo titulado ‘Rosalía de Castro na prensa. Dous escritos perdidos’, publicado no número 8 da revista científica Abriu: estudos de textualidade do Brasil, Galicia e Portugal, editada por Estudis Gallecs i Portuguesos (Universitat de Barcelona) e a Cátedra José Saramago (Universitat Autònoma de Barcelona). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Está ben pescudar nos arquivos da memoria... https://www.noticiasvigo.es/arrinca...