Unha herdanza envelenada por “cuarenta años de paz”

Na miña última achega toquei nun tema algo proclive a espertar sensibilidades varias, tamén aquelas que inducen algo de urticaria. Semella que defender a un pequeno empresario, un obreiro empresario, dos perversos latrocinios dun usurpador é tema dúas veces prohibido: polo colectivo social, pola normativa legal. Así nos vai.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, EE.UU. | 07/04/2012

Comparte esta noticia

Pouco importa que unha familia remate na ruína. Pouco importa que este ano non poidan pagar a matricula da universidade da filla, por si lle fan falta os cartos para cubrir os gastos  do avogado do usurpador, en caso – nin tan improbable – que as leis deste decadente e desnortado país lle neguen a razón e teñan que cargar con tódolos custos xudiciais.   Pouco importa que para abrir unha pequena empresa familiar haxa que pasar moitas necesidades namentres se aforra para o investimento inicial. Pouco importan tódolos esforzos e sacrificios do pequeno empresario, nesta nosa decadente sociedade a víctima sempre é o empregado. Sen máis análise. Sen máis consideracións.   

 
Como explicar esta hostilidade, case odio, ao empresariado, aínda tamén ao obreiro empresario. Penso que en parte son os tempos - a desesperación non é boa aliada da razón -; mais os tempos, por máis difíciles, non explican a mesquindade; iso ten raigaños moito máis profundos. E entón, cómo explicar isto. Eu non abrigo dúbidas que parte do problema senta no pedigree da nosa - aínda nin tan rodada – democracia, cuxa historia non é das mellores.  Nace como pode nos silencios dos escombros dunha terrible dictadura, faise unha reforma integral pero preservando piares e murallas; ou sexa, vaise artillando de amañe en amañe sen nunca se desprender dos derradeiros anacronismos testemuñas da esterqueira do franquismo. Ningunha Magna Carta, por máis ben artillada, pode arrincar dun plumazo as raíces da endogamia, finar coa semente do nepotismo, erguer aos máis sacros altares o respecto á propiedade privada (pedra angular de toda sociedade que aspire chegar a algo), rehabilitar unha ética moribunda e atrofiada, e transformar un monstro odioso e represor chamado Estado en algo amable e desexable, ou sexa, en sinónimo de cidadanía.  
 
Do legado franquista quedaron estructuras claves, entre elas aquel pozo da prevaricación normalizada que abranguía tódalas industrias do Estado: El Instituto Nacional de Industria. Alí se arrombaban en postos vitalicios os Señores feudais, aquela casta maldita, daquela coñecida como “Hombres de Régimen”. Esa semente envelenada é a orixe dos nosos sindicatos, das relación laborais, e aínda tamén de amplos sectores do Servizo Civil.  Privatizáronse as empresas – unhas polas boas, baixo o peso da súa propia ineptitude, outras -, e por imperativo legal os servizos foronse acaroando á cidadanía. As ideas, u-las ideas… as ideas é outra cousa. Mudar unha lei é fácil, tan fácil como difícil é mudar un xeito de ver o mundo e unha maneira de entender a vida. Aínda a día de hoxe os emprendedores se seguen enfrontando a ese ADN contaminado. Quedou algo daquel “Por la gracia de Dios”, manifesto nas dinastías baltarianas e vivo e rebulindo nos legados e adoutrinamentos postguerra civil de que o cidadán é un vasalo do Estado: aínda está moi fresco no lembradoiro aquelo de “Soy Funcionario del Estado!”. Afirmación que reclamaba silencio submisión e obediencia. A semente dese legado quedou acochada nas leis a nas ideas e foi agromando nos recunchos máis escuros do subconsciente. Un lastre. Unha carga. Unha razón máis – quizais razón por antonomasia - polo que somos os primeiros en número de desempregados. Non é esa a única desgraza que nos aflixe, tamén por aí andamos en absentismo, abuso de drogas, permisividade coa prostitución, botellóns, e unha lista tan larga como triste de desnortes e desvaríos que van labrando nas entrañas da nosa sociedade vieiros que só levan á decadencia, que xa aveciña. Non  é esta unha cuestión de individuos, é unha cuestión de valores, de sistema, dos principios intrínsecos que definen a unha sociedade. É, en conclusión, unha maneira de entender a ética e a moral, unha herdanza envelenada por “cuarenta años de paz”.   
 
Sen chegar á aberración do “se vés tarde non veñas, e se non vés non regreses”, algo desa terapia faille falta a este Estado atrofiado, sen excepcións de sector público ou privado, sen excepcións de xeneral ou soldado; pois a onde levan as vulgaridades do absentismo, “bajas psicológicas” e “vuelva usted mañana” xa quedou abondosamente demostrado. Algo vai mal nunha sociedade que transforma en virtude o pasotismo, o desprezo ás tradicións, a usurpación de valores culturais xa definidos e labrados pola forza dos séculos. Algo vai terriblemente mal nunha sociedade ondea o máximo que aspira un cidadán é ser funcionario. Sendo iso o máximo logro, é completamente entendible que os que non o consigan  persigan funcionarizar a empresa privada, incluíndo a pequena empresa familiar. Algo vai mal nunha sociedade cando o culto ao conformismo do choio vitalicio prima sobre a excelencia o logro e a responsabilidade. Velaí abertas de par en par as cancelas da decadencia. O problema é terrible, as consecuencias inasumibles: legado franquista, correctamente re-etiquetado para os tempos modernos, tamén entre os novos progresistas.  
 
“Todo queda atado y bien atado.” Aínda cando quizais nin tan ben atado, queda moito por desamarrar. Como os conceptos de soberanía popular e dereitos individuais eran completamente alleos á cultura do país, os que nos guiaron pola transición leváronnos á democracia con todo o peso dos  cabestros da endogamia ao lombo. A semente das manías fascistas infíltranse no novo sistema, xermola e alúgase nas crenzas e hipocrisías de todos, transforma aos nosos sindicatos en mafias e aos nosos políticos e partidos nunha voraz casta feudal, allea, por completo, á sociedade “representada”: o triunfo do hedonismo; o avasalo da ética. Abonde con ver como se esforzan, todos, sen excepción, por desmontar esa desfeita  de centos de concellos onde sobran sete ou oito.  O feixe  do “Todo atado y bien atado”  é basto, pesado. Pesado abondo como para derrear máis de 400.000 empresas e arrebolar ao paro seis millóns de cidadáns, ao desahucio centos de miles de familias. A magnitude da nosa desgraza non se pode explicar en simples termos conxunturais; na mesma conxuntura atópanse sociedades cunha terceira parte de paro e aínda menos de absentismo, alleos ao concepto do pasotismo e respectuosos cos valores e tradicións das súas sociedades sen inhibicións de natureza ideolóxica ou confesionais. Hai algo máis. Negalo é de suicidas. Deste feixe de desnortes sobresaen uns tres ou catro, todos eles da cepa franquista, e todos eles con notable aceptación social, tamén entre os novos progresistas. Daremos conta dun deles, o que, agardo, axude a contextualiza a miña última achega:
 
Unha hostilidade patolóxica e irracional contra calquera iniciativa empresarial que xurda da clase obreira.  Os membros da clase traballadora só poden formar cooperativas, debidamente vixiadas, pois claro, por “El Funcionario del Estado” - arestora con novas etiquetas e modernas nomenclaturas -; mais que ninguén pense que poden aspirar a ser empresarios rexentados por unha normativa legal clara e definida, autónomos e independentes, ou sexa, desfuncionarizados e soberanos. Un obreiro aforra catro pesetas,  empéñase  ata os cadrís para abrir unha esquina onde gastar o resto da súa vida traballando sete días por semana e por riba de doce horas cada día para irse labrando unha vida, ese obreiro xa endexamais ha coñecer a solidariedade dos novos progresistas. Agora xa pertence ao bando inimigo. Xa non é proletario. Agora xa é empresario. E co empresario, leña que che fixo!  É tal a cegueira que nin sequera somos capaces de discernir algo fundamental: a misión central da pequena empresa é o auto-emprego, todo o demais é un bonos. E os bonos só se dan cando hai con que pagalos, sen máis criterios nin máis consideracións. É un imperativo económico e moral distinguir o pequeno empresario, ou sexa, o obreiro ou profesional que a base de moito esforzo e sacrifico se foi forxando o seu propio posto de traballo, ese mesmo obreiro que non poucas veces os seus ingresos divididos polas horas traballadas non rabuña, nin de lonxe, o salario mínimo. Ese obreiro agora é un empresario, e o empresario é o inimigo.  E como contra o inimigo tódalas indignidades son poucas, escandalízanos a idea de que se por desgraza contrata un parasito faga todo o posible por remediar o desastre, salvar o negocio (a familia!). E rexeitamos calquera normativa legal que protexa a ese obreiro empresario. E inconcibible que aínda andemos esquecidos de que o fraude é roubo, o engano é roubo, a mentira é roubo, a traizón é roubo. O absentismo é fraude engano mentira e traizón. O roubo non é un chiste. O roubo é un crime insidioso e destructivo cuxas consecuencias son devastadoras. Que alguén me explique cal é a diferenza dun ladrón a unha empresa por “baja psicológica” ou dun ladrón a unha empresa por absentismo inxustificado, a un ladrón de cobre cuxo furto paraliza a unha fábrica. A ver se alguén pode acláralo, porque eu o único que vexo son as consecuencias: destrucción e decadencia. Será posible que a perversión ético-moral do meu país natal haxa deteriorado a un punto xa irreversible? Será posible unha visión tan pobre e tétrica da vida?  Si é posible, pero non un accidente: herdanza franquista, arestora tamén moi comodamente arrombada na conciencia dos novos progresistas.  A este paso, calquera día imos culpar dos desahucios a un pobre ancián que malvive cuns 300 euros que cobra polo  aluguer dun piso.   
 
Onde haberá mesquindade comparable a vender por progresismo o esmagar os intentos de progreso dos cidadáns membros da clase traballadora e profesional entregados á toma de iniciativas empresariais na procura da prosperidade.  Este vello progresista – de toda a vida -, iconoclasta irredento, si respecta, admira e valora a valentía e entrega de cantos amosen esas calidades, hoxe e sempre. E desta crise non imos saír apisoando, partíndolle o lombo, aos máis valentes, aos máis entregados, os máis sacrificados dos nosos obreiros e profesionais: os pequenos empresarios.       
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA