Cochos entregados aos reclamos do bacieiro

Neste falso modernismo no que estamos embarrancados, cando falamos do roubo axiña corremos a pensar nas cousas materiais, moitas delas mesmo prescindible ou de mínima incidencia nas vidas das persoas. Primeira gran victoria do gran depredador: convencernos de que o único que ten valor é aquelo que se pode apalpar; reducindo así a nosa existencia a de cochos entregados aos reclamos do bacieiro. De aí a servidume non xa nin hai un paso; é servidume.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 27/01/2020

Comparte esta noticia

Fuximos de catalogar como roubo ás manifestacións máis daniñas do furto: a prevaricación. Na prevaricación conflúen o engano, a calumnia, o furto, e a traizón.  O camiño da prevaricación é achandado subvertendo a verdade, propagando a calumnia e abrazando a traizón. Todo parte da subversión da verdade. Aínda que, afortunadamente, semella que iso se vai corrixindo; a día de hoxe una parte importante da cidadanía recoñece que os políticos que prevarican, enganan ou difaman, son ladróns. E non hai porque chamarlles doutra maneira. Son ladróns. Varias veces ladróns. Róubannos o máis prezado que temos: róubannos o dereito á verdade, ben inmaterial e sustento da democracia por antonomasia. E como nada se pode edificar sobre a falsidade, róubannos o futuro. Que castigo estaríamos dispostos a considerar para aqueles que nos roubaren os sustentos mesmos da nosa existencia? Poriámoslle límite? Penso que non. Penso que tódolos castigos se nos amosarían pouco; tódolos ostracismos, insuficientes. Non obstante, coma os violadores -que é o que son- exhíbense diante das víctimas, xa non só con impunidade, con chulería burlesca e desafiantes. 

Pablo Crespo e Correa no xuízo da Gürtel
Pablo Crespo e Correa no xuízo da Gürtel | Fonte: ep

Agás as mafias do tráfico de drogas, éme difícil concibir monstro máis desprezable có político prevaricador, inxurioso e difamador. Velaí os estragos dos Pujol, Barcenas, Chanves e Griñán; velaí a ruína de todo Ourense sometida a un caciquismo xa endémico, que polo de endémico aínda máis maldito, aínda máis vencellado á traizón. Velaí un ronsel de incalculable destrucción e ruína. E todo iso en conivencia co Estado. Son Estado. E non pasa nada, seus mega-roubos prescriben e seus fillos e netos, coma fidalgos intocables nun Estado feudal, han gozar do botín do grande atraco.  Impunes. As autoridades están demasiado ocupadas axexando a catro anciáns galegos xubilados da Suiza que, despois de sufrir o trauma e humillación da emigración e de pasar moitas necesidades, xuntaron catro patacóns e, meus pobres, pensaban que eran deles e que podían apartalos para unha noite de inverno. 

Estamos programados a ver e reducir o mundo do roubo aos carteristas e rateiros roubagaliñas,  e moi pouco máis; que aínda cando eses delitos son daniños e noxentos e merecen respostas contundentes, tamén incapaces de arruinar unha sociedade e de destruír un país. Mais aqueles que, si, poden arruinala son intocables. Incomprensible, pero é así. Pero cal é a raíz do verdadeiro roubo e a fonte que o alimenta?  Para min, a destructiva raíz do roubo a gran escala radica en negarlle a unha sociedade o dereito á verdade, relativizar o valor da verdade.

Relativizar as consecuencias de vivir na calumnia permanente convencéndonos de que ese mundo falso é o normal. Non hai activo máis valioso cá verdade nin veleno máis nocivo cá calumnia. E neste deterioro ético moral de negarlles á cidadanía o dereito á verdade arestora destacan as organizacións populistas; ou sexa, grupos e individuos obcecados cos seus fins e indiferentes aos medios que poidan usar para acadalos. Velaí a presidencia de Donald Trump, cimentada na falsidade e na calumnia; o referéndum do Brexit, cimentado na falsidade e na calumnia; o criminal fraude do Procés, cimentado na falsidade e na calumnia.  Repetir a gran mentira nunha constante meganofonía ata suplantar os últimos reductos da verdade. Tódolos males da sociedade derivan da implantación da calumnia como alicerce do edificable. 

Cando desde un posto público nos minte ou engana estanos roubando o dereito fundamental á verdade. A mentira e o fecundo que alimenta o nepotismo, a corrupción, o terrorismo, a sedición; por ende, a violencia e a decadencia inherentes. E todas esas miserias parten do roubo da verdade, da impunidade da calumnia. E este tan destructivo crime nin tan sequera está socialmente penalizado, xa nin falar de consecuencias penais; é máis, nalgúns casos mesmo se pode dicir que é admirado. Admirado e aplaudido. Que pillo foi!; ese si que a soubo facer!; chamádelle parvo! Velaí a nosa decadencia, velaí o camiño da irrelevancia: glorificamos aos monstros, verdadeiros  asasinos da nosa sociedade. Xa teño oído a máis de un admirar a algún coñecido que fixo diñeiro no tráfico de drogas, ou sexa, asasinando á nosa xuventude. De admirar iso a admirar a un xenocida hai moi pouco que camiñar. Porque, claro, os billetes disque son todos verdes; seica tamén aqueles que levaron -e seguen levando- ao cemiterio a milleiros dos nosos rapaces, e aqueles que levaron á ruína o rural forzando a emigrar a milleiros das nosas familias. E destas forzas destructivas, a sedición, a última en engadirse ao carnazal, en ensinarnos as gadoupas, é a máis enganosa, ruín e insidiosa.

Non obstante, de tanto repetir a calumnia esa de “a democracia está por riba da lai”, está a piques de apropiarse das deferencias propias da democracia. Velaí una sociedade baldeira, vencida, entregada á cultura do bacieiro. Velaí, tamén, o porqué algúns estaríamos dispostos a engadir nosa voz e voto aos que reclamen vasoira desapiadada cos asasinos da ética. Pódese renunciar a moito, pero nunca ao dereito á verdade.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/