Amigos de Galicia entregou un sistema de monitorización de glicosa para unha menor de Verín

En Galicia existen aproximadamente mil menores con diabetes tipo I. De entre eles, algo máis de 20 teñen idades comprendidas entre os 0 e os 4 anos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2019 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A Fundación Amigos de Galicia fixo entrega este luns do sistema de monitorización de glicosa para Noa, unha nena de tres anos de Verín (Ourense) con diabetes infantil tipo I. A entidade sen ánimo de lucro, segundo explicou, comezou no mes de abril unha campaña de recollida de 12.184.200 unidades de tapóns de plástico para sufragar o sistema de monitorización de glicosa Dexcom e o receptor, cun custo de 3.197 euros.

O sistema de monitorización continua de glicosa 'Dexcom' é unha tecnoloxía non financiada pola Seguridade Social en menores de catro anos e a familia de Noa non podía asumir o seu custo. "Noa comeza o colexio en setembro, por tanto, para min é unha tranquilidade saber que vai ter a glicosa controlada grazas ao sistema de monitorización e que calquera anomalía me chegará ao móbil", asegurou este luns Manoli Alonso, a nai da nena.

Pola súa banda, a presidenta do Banco Farmacéutico de Galicia, Paula Chapela, asegurou durante a entrega que están a disposición das persoas que non poden asumir este gasto, "xa sexan os nenos menores de catro anos" ou "os maiores que, a pesar de contar co subvencionado pola Seguridade Social, non logran toleralo".

OS DATOS

En Galicia existen aproximadamente mil menores con diabetes tipo I. De entre eles, algo máis de 20 teñen idades comprendidas entre os 0 e os 4 anos. "O Sergas non financia  ningún sistema de monitorización continua de glicosa para os nenos deste rango de idade, posto que só opera co sistema Flash apto para menores de entre 4 e 17 anos", explicou Agostiña Luís, representante da Asociación de Meniñas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia). Por parte de Anedia consideran que nestas idades tan temperás é, precisamente, cando máis necesidade existe dado que "os nenos aínda non saben explicarse, nin dicir que están mareados ou lles doe a cabeza, por exemplo".

Por este motivo, dixeron que queren tentar que o Sergas financie todos os sistemas de monitorización continua de glicosa e que facilite a cada un neno o que atenda ás súas necesidades. "Contamos con que sexa o último caso dun menor de 4 anos con diabetes tipo 1 que non dispoña dun sistema de monitorización de glicosa, xa que con estas campañas e facendo un chamamento estamos a loitar para que todos os menores poidan acceder ao que é subvencionado", precisou Agostiña Luís.

VANTAXES DO MONITOR CONTINUO

O sistema de medición continua de glicosa representa un dispositivo que se usa para medir os niveis de glicosa en tempo real, tanto de día como de noite. Consiste nun sensor, un transmisor e un dispositivo de recepción que mostra as medidas de glicosa cada cinco minutos e permite adiantarse ao momento da hipoglucemia ou hiperglucemia. Así mesmo, presentan a vantaxe de que o dispositivo de recepción pode ser un teléfono móbil compatible que permite reenviar os datos para ser compartidos por persoas da contorna familiar.

A Fundación Amigos de Galicia e Anedia asinaron un acordo de colaboración polo que a primeira prové á segunda de 5.000 euros para o pago directo aos provedores, de face a poder proporcionar aos menores aqueles dispositivos médicos que precisen en función das súas necesidades concretas. A campaña de Noa é o primeiro caso que se atende no marco do devandito convenio de colaboración.

A Fundación Amigos de Galicia consegue un sistema de monitarización de glicosa para unha nena de Verín (Ourense).. FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA
A Fundación Amigos de Galicia consegue un sistema de monitarización de glicosa para unha nena de Verín (Ourense).. FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta