O Concello de Pontevedra recorrerá a prórroga da concesión a Pontesa na Audiencia Nacional

O goberno municipal (formado por BNG e PSOE) considera que o Concello debe ser tido en conta "como a administración máis próxima aos veciños e veciñas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O goberno local Pontevedra acordou presentar un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a resolución do Ministerio de Transición Ecolóxica pola que outorga unha prórroga de 20 anos á empresa Itaipu Trade S.L. como titular dos terreos públicos da parroquia de Ponche Sampaio, onde se sitúa a antiga fábrica de Pontesa.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, cualificou este luns en rolda de prensa de "desconcertante" o criterio que utiliza Costas para conceder prórrogas para diferentes terreos públicos, indicando que ao Concello pontevedrés non lle foi solicitado ningún tipo de informe nin se lle deu trámite de audiencia para a mencionada concesión.

"Digo desconcertante cando tamén poderiamos dicir prepotente", engadiu Gulías, que contrapuxo outros exemplos sobre o distinto proceder desta Dirección Xeral de Costas. O goberno municipal (formado por BNG e PSOE) considera que o Concello debe ser tido en conta "como a administración máis próxima aos veciños e veciñas".

GOCE PÚBLICO

Anabel Gulías informou de que a concesión da prórroga por 20 anos á empresa Itaipu Trade S.L. como titular dos terreos de Ponte Sampaio afecta a un total de 35.353 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre, e que dita concesión data de 15 de xullo, limita a actividade da empresa a almacenaxe.

Gulías reprochou "esa actitude e esa rapidez" por parte de Costas e lembrou que o Concello de Pontevedra mostrou "en repetidas ocasións" o interese en recuperar todos os terreos de dominio público, "en defensa da cidade". "Porque consideramos que deben ser terreos para goce público ao servizo da veciñanza", concluíu.

Planta de Ence en Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo
Planta de Ence en Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo

COMPOST

O Concello de Pontevedra ten previsto iniciar a finais deste mes de agosto a repartición de 8.000 composteros individuais, informou o goberno municipal. Este luns en Xunta de Goberno aprobáronse as bases para fomentar a implantación da compostaxe nas que vai incluída esta medida, segundo informou en rolda de prensa a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías. A primeira parroquia na que se inicia esta folla de ruta será Tomeza.

Anabel Gulías asegurou que esta medida "vai supor unha revolución na forma de entender a xestión dos residuos a partir de agora". A portavoz lembrou que a semana pasada o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, informou da posición do Concello con respecto aos obxectivos da Estratexia Galega de Economía Circular. Así, lembrou que xa se cumpren os obxectivos en materia de compostaxe que a Xunta sinala para 2030. "Podemos presumir de estar xa por diante pero non nos conformamos coas marcas que temos actualmente", afirmou Gulías.

O despregamento de composteros individuais comezará unha vez que o documento regulador das bases sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), trámite que se espera que estea completado no prazo dunha semana e media.

SOLICITUDES

Ademais das reparticións programadas polas parroquias, calquera persoa veciña do municipio poderá solicitar por rexistro o seu compostero individual durante o prazo dun ano. O procedemento basearase na realización de charlas informativas nas parroquias para conseguir a participación activa da veciñanza.

Os que se somen ao programa e soliciten o seu compostero individual asinarán unha declaración responsable na que se comprometen a facilitar o seguimento do proceso por parte do Concello e da empresa responsable. O seguimento será realizado por persoal profesional e formado especificamente, os coñecidos como "mestres composteros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta