Facua denuncia catro festivais galegos por impedir o acceso con comida e bebida

Ao non imporse multas "contundentes", "facilítase que as empresas inflen os seus beneficios ao provocar que os usuarios teñan que adquirir a comida e bebida nos establecementos dos propios recintos, a prezos que ademais son xeralmente moi elevados", critica Facua.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/08/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Facua denunciou as empresas organizadoras de máis de corenta festivais e concertos en España por non permitir o acceso con alimentos ou bebida adquiridos no exterior, segundo informou a asociación de consumidores.

Ademais, criticou a "pasividade" das autoridades autonómicas de protección ao consumidor ante "estas irregularidades que se producen en numerosos eventos musicais, cinemas e parques de atraccións".

En total, trátase de 42 eventos celebrados entre maio e agosto en nove comunidades autónomas. Seis deles organizáronse en Andalucía, un en Cantabria, seis en Castela e León, cinco en Cataluña, sete na Comunidade de Madrid, sete en Comunidade Valenciana, catro en Euskadi, catro en Galicia e dous en Navarra.

As denuncias presentáronse contra as promotoras dos eventos ante as administracións de consumo das comunidades onde se celebran estes eventos. Os últimos festivais denunciados por Facua son a Abeja Rock, que terá lugar o 17 de agosto na localidade salmantina de Béjar e o No Sin Música, que se celebrará en Cádiz do 15 ao 17 de agosto.

"A pesar de que desde finais dos anos 90 as autoridades de consumo a nivel estatal e autonómico acordaron en repetidas ocasións que estas prácticas son ilegais, Facua considera lamentable que non actúen ante unhas irregularidades que se producen en numerosos eventos musicais, cinemas e parques de atraccións", lamentou.

Ao seu entender, ao non imporse multas "contundentes" desde as administracións de protección ao consumidor autonómicas, está "a facilitarse que as empresas inflen os seus beneficios ao provocar que os usuarios teñan que adquirir a comida e bebida nos establecementos dos propios recintos, a prezos que ademais son xeralmente moi elevados".

Ata a data, a única administración que comunicou a Facua a imposición dunha multa foi o Instituto de Consumo de Estremadura, que tras a denuncia da asociación multou con 3.005 euros a un cinema de Badajoz, Multicines España, por infracción grave da normativa de defensa do consumidor.

Facua lembrou que o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios considera que non permitir a entrada con comida e bebida de fóra é unha cláusula "abusiva".

Ademais, a Axencia Española de Consumo publicou en 2016 un informe, relacionado coa prohibición en cinemas, no que concluía que o consumidor "se ve privado da prestación principal, de forma inxustificada, abonando a entrada".

Facua solicitou aos usuarios que acudan a este ou a calquera outro evento deste tipo, como determinados cinemas ou parques de atraccións, nos que se estableza dita prohibición que llo comuniquen á asociación para formular as oportunas denuncias contra as empresas responsables das mesmas.

Escenario principal do Festival de Ortigueira, na súa edición do ano 2019
Escenario principal do Festival de Ortigueira, na súa edición do ano 2019

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta