Canto custa levar o can de vacacións?

Un de cada catro fogares galegos ten dous ou máis cans no que invisten unha media de 53,49 euros mensuais no seu coidado. Pero, é caro levar á mascota de vacacións?

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No 24% dos fogares de Galicia convívese con polo menos un can. O número de cans censados aumenta cada ano, e supera xa a media estatal, que é do 22%. De feito, estes animais convertéronse xa nun membro máis da familia e os galegos invisten de media 53,49 euros mensuais no seu coidado.

Cans na praia
Cans na praia | Fonte: Mi Viaje

Este cambio non só condiciona o día a día dos seus donos; tamén o seu período de vacacións. É o motivo polo que cada vez máis persoas deciden viaxar cos seus cans. Así o asegura Dog Vivant, a certificación española que reúne a miles de locais nos que os cans son benvidos e a millóns de amantes destes animais.

Esta empresa elaborou o estudo “Hábitos do turismo con can: a oportunidade dog-friendly para o sector do lecer e o turismo en España” que destaca que os galegos que viaxan co seu can fano para gozar da súa compaña. Así, o 28% asegura que non contemplan gozar duns días de vacacións sen o animal e ao 62% gústalle pasar tempo con el, sempre que as condicións da viaxe o permitan.

VIAXAR CATRO VECES AO ANO

De feito, as persoas que viaxan con can fano case catro veces ao ano e cunha estancia media de 4,2 noites cun gasto de 72 euros por noite. Prefiren o entorno rural, un 46%, e as praias o 36%, sendo o resto para os destinos urbanos. 

Segundo este informe, ao 58% dos viaxeiros con can non lles supón ningún problema pagar un suplemento aos aloxamentos dog-friendly, a pesar de que o 40% dos aloxamentos cobra un suplemento por noite e can igual ou inferior a 10 euros. Pero os propietarios o que valoran é que  o animal poida durmir na mesma habitación, algo que considera imprescindible o 83% dos viaxeiros galegos con can. Tamén valoran que o establecemento se defina como dog-friendly, teña zonas verdes preto e ofreza información sobre a súa política de acceso a clientes con can. De feito, o 27% dos aloxamentos turísticos cre que os viaxeiros con can repiten estancia por encima da media. 

Dog Vivant extrae estas conclusións dun estudo que levou a cabo co obxectivo de coñecer en profundidade o mercado dog-friendly nacional e galego e as oportunidades que ofrece ao sector turístico de España, un país que conta con máis de 5 millóns de cans censados e no que evolucionou o modelo de tenencia destes animais até considerarse un membro máis da familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta