Somos unha ración

Para o goberno galego, Galicia non é unha nación, nin sequera un país. Somos, como moito, unha comunidade (de que, pregúntome eu?), e tamén un territorio.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 19/08/2019

Comparte esta noticia

En Agosto Galicia vístese de festa. É algo común no país, reunírmonos para celebrar. En Loriant, reuníronse as nacións celtas, como cada ano. A comunicación da Xunta borrou o exabrupto que cualificaba a Galicia de nación e escribiu por riba “territorio”. En todo caso, de sermos algo, somos un cacho de terra. Como a Patagonia, imaxino eu que pensaron, ou Sibeira. Aos comisarios do goberno galego non se lles pasa unha.

Bandeira da ANG
Bandeira da ANG

Na TVG somos unha “comunidade”. Namentres no sur da comunidade pode chover hoxe, no norte, con sorte, podería lucir o sol. Se un/unha xornalista da Galega pronuncia “no país” nun descoido, pensando se cadra que está falando cos amigos, chámano a capítulo. Ou asume as instrucións ou deixa de presentar. Unha comunidade meteorolóxica e, en Agosto, gastronómica tamén. É o que temos en común: o tempo variable e o gusto polo ben comer. Calquera día, nunha romaría nos venderán “queixo da comunidade”.

A RAG define o vocábulo nación como “Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa.” Deixando a relixión a un lado (e por non amentar a Prisciliano), comunidade xa recoñecen que somos; territorio tamén; para tradicións, as festas de Agosto; para historia, velaí dende a Gallaecia ata Feijoo; para cultura, temos mesmo un Consello e unha Consellería; intereses económicos, o minifundismo atlántico secular; e lingua, por máis que lles pese, unha con mil anos de idade. Que lles amola logo? Por que borraron o de nación en Loriant?
E país? Por que tampouco podemos cualificarnos de país? Di a RAG que é un territorio habitado por unha colectividade xeográfica e política concreta; por extensión, o conxunto dos habitantes dese territorio. Talvez prefiran a definición da Real Academia Española, a cal, na súa segunda acepción, describe país como “Territorio con características geográficas y culturales propias, que puede constituir una entidad política dentro de un Estado“. Galicia mesmamente! Por que a negación? A que vén esa paranoia automutilante?

A Xunta do PP esixe chamar comunidade ó País. Acóllese á súa denominación administrativa. Segundo a Constitución, somos unha Comunidade Autónoma. Para simplificaren, calcúlolle eu, quedan co primeiro termo. A RAG describe comunidade como un “grupo social ou político constituído por membros que posúen uns intereses comúns”, e pon como exemplo “traballar para o ben da comunidade”. Achegan como segundo significado o “conxunto de membros dunha orde relixiosa que viven en común, nun mesmo convento”. Aínda temos un terceiro: “Condición do que é común, do que se dá en común”, e citan como exemplo “unha comunidade de bens”. O que menos somos, xa que logo, porque non nos comportamos como tal. Se perseguimos o ben común, non inzaríamos o país de especies invasoras, non abandonariamos o cultivo da terra e non maltratariamos a lingua e cultura propias, por lembrar algúns exemplos de desleixo do común.  

A Xunta do PP adopta o termo “comunidade” co único obxectivo da mutilación do noso propio status sen importarlle unha figa se resulta ou non un vocábulo axeitado. Dado que segundo a Constitución, somos tamén unha nacionalidade histórica, e aplicando un mesmo procedemento, o goberno galego podería adoptar “nacionalidade” como definición de Galicia. E así na TVG tanto se diría “vai frío na comunidade” como “fai calor na nacionalidade”. Pero non; o que o goberno galego debe demostrar ante o PP de Madrid é que estamos dispostos á automutilación no grao que sexa necesario.

Galicia non é unha comunidade, como tampouco unha nacionalidade. Galicia é unha renuncia, unha negación, un fracaso histórico, unha realidade minguante convertida para algúns en mera ilusión, nun “o que puido ser pero nunca foi”. Iso ou, como defenden os do Reizentolo, unha ración. Vendo como anda o país en Agosto, van ter toda a razón.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego